A banda máis emblemática do hip hop do país actuará na sala Playa Club a partir das 22:00 horas e as entradas para a cita están dispoñibles en www.enterticket.es
Trátase do segundo directo dunha xira especial coa que Mou, Sokram, Jamase Dj Murdock celebran dúas décadas na escena musical
Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, actuará na Coruña o vindeiro sábado 18 de marzo no marco da nova xira do grupo, nomeada Tremendos Anos 20, coa que celebra o seu vixésimo aniversario sobre os escenarios revisando os grandes éxitos da súa traxectoria e presentando as súas últimas creacións. O Playa Club acollerá un directo no que a banda estará acompañada por Boyanka Kostova, o dúo de referencia do trap galego, formado por Sibran Yiyi e O Chico do Funko (coñecido tamén polo seu proxecto musical Ortiga). As entradas para a cita, que comezará ás 22:00 horas, están á venda na plataforma www.enterticket.es
Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destacou polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LP e percorrer ducias de festivais e salas de concertos por toda Europa, DKTC publicou o pasado 2022 En que ano estamos?!, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos dos últimos tempos:OG (Orixinal Galego) con Boyanka Kostova.
Este mes de marzo DKTC regresa ás salas ca xira Tremendos Anos 20, na que presenta unha potente posta en escena audiovisual: as imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, arroupan e interactúan co contido das cancións de DKTC, aumentando de maneira exponencial ás xa de por si enérxicas actuacións que caracterizan á banda.
CONVOCATORIA – DIOS KE TE CREW EN A CORUÑA
Acto: concerto na Coruña da xira ‘Tremendos Anos 20’
Data: sábado 18 de marzo
Hora: 22:00 horas (21:30 horas apertura de portas)
Xa sabemos o que é o azar, cando menos se pensa acontece na nosa vida algo que fai que desde ese momento mude, ás veces mesmo dando un xiro de cento oitenta graos. Isto foi o que lle pasou a Patricio, dono dun taller de reparación de coches, unha tarde de primavera de xa hai uns anos, cando estando cambiándolle as rodas a un Dyane 6 entrou unha pega, aínda cría, e pousouse enriba dun pequeno mostrador que tiña ao fondo do local. Non lle fixo caso. Xa sairá, pensou, pero cando ía pechar alí continuaba. Ao achegarse a ela, esta asustouse e afastouse un pouco. Foi ao despacho e,regresando cunhas migallas de pan da barra que lle sobrara da merenda, púxoas sobre o mostrador. Ao pouco volveu a rabilonga e comezou a comer. Sería o principio dunha longa amizada. Desde aquel día, o taller converteríase na morada da presumida Pica pica. Entraba e saía do mesmo con total normalidade, pero chegada a noite, alí nun recuncho acubillábase e a descansar.
Xa sabemos que este tipo de aves padecen algo semellante ao chamado síndrome de Dióxenes e todo aquilo que reloce arrincan con el para agochalo no niño ou onde a elas lles pareza. Contábame Patricio, que máis dunha vez lle ten furtado algunha ferramenta. Non había problema, ía ao recuncho de durmir e alí estaba.
Amais esta clase de aves son das máis intelixentes que existen. Dise que son capaces de recoñecerse diante dun espello. E se as adestramos chegan a emitir palabras e pequenas frases coma os loros. Foi o que fixo Patricio. Mentres arranxaba un motor ou lle cambiaba o aceite mantiña con ela longas conversas. Mesmo chegou a conseguir que pronunciase dun xeito bastante correcto: “Bos días, bos días, amighos”. Así con gheada. Non era quen a pronunciar amigos. Pode que a súa ascendencia fose da Costa da Morte ou de por aí, quen sabe?
Patricio tiña un chalé na Mariña, en Barreiros, e unha fin de semana decidiu levala para que vise o mar. Estando alí e, a modo de proba, deixouna ceibe por ver que facía. A señorita presumida botouse alegremente a voar con ansias de explorar mundo. Xa se achegaba a noitiña e non aparecía. Nada, pensou, todo entristecido, vese que lle gustou o mar e a ben seguro que non volve. Que equivocado estaba, ao pouco apareceu Aquiles. Así era como se chamaba, xa que se trataba dunha pega macho. A alegría naquela casa, xa vos podedes imaxinar.
Pero un día chegou a traxedia. Estaba subindo a porta de entrada do taller para comezar a tarefa do día e Aquiles, que debía ter moita gana de saír á rúa, non agardou a que esta estivese aberta por completo e o seu fermoso e delicado corpo foi dar contra ela, quedando estomballado e morto no chan. Que desgusto houbo aquel día e os seguintes naquel taller!
En IRMÁS oito autoras actuais renden homenaxe a outras tantas mulleres silenciadas da época das Irmandades da Fala (1916-1936).
As autoras participantes no libro son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.
As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.
No acto deste sábado, presidido pola alcaldesa de Vilaba, Elba Veleiro, tomaron a palabra, ademais da propia alcaldesa, Beatriz Dourado, en calidade de coautora e coordinadora da obra; Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ, entidade promotora desta iniciativa; Henrique Alvarellos, como editor da obra; e seis das oito coautoras participantes: Cecilia Fernández Santomé, Rochi Nóvoa Vázquez, Beatriz Dourado, Eilún del Pazo Moa, Lupe Bao e Patricia Torrado Queiruga. Nas súas respectivas intervencións, todas amosaron a súa congratulación por formar parte desta obra que tece irmandade reivindicativa e literaria, ademais de manifestaren o desexo plausible de que teña continuidade no tempo.
Lembrar que a capa do libro é autoría de Adolfina Mesa.
Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos durante a presentación de onte:
*A imaxes foron facilitadas polo propio Concello de Vilalba.
As entradas para o evento, que dará comezo ás 21.00h e no que tamén se presentará a nova cooperativa cultural Nave de Lata, formada por Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, están á venda a través da web www.salacapitol.com
No seu directo, Fillas de Cassandra contará coas colaboracións especiais de Berto, Mondra e algunha outra sorpresa
‘Acrópole’ é o primeiro LP do dúo conformado por MaríaSOA e Sara Faro, producido por Berto, no que as artistas recuperan as heroínas dos textos clásicos gregos para achegar unha visión feminista e contemporánea da súa contorna
Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, presenta en directo, este sábado, 4 de marzo, a partir das 21.00h, o seu novo traballo discográfico, ‘Acrópole’, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. No seu directo, no que o dúo contará coas colaboracións especiais de Berto, Mondra e algunha outra sorpresa, Fillas de Cassandra trasladará o relato do álbum ao escenarios. O concerto terá unha fonda carga teatral, no que presentarán unha proposta moi narrativa, ao igual que o seu disco. “Queremos que a Capitol se transforme nunha acrópole”, afirma o dúo.
Desde ese mesmo día, ademais, o novo disco poderase adquirir fisicamente tanto na propia sala coma en tendas especializadas. As entradas para a cita, na que tamén se dará a coñecer a nova cooperativa cultural Nave de Lata, conformada polas promotoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, están á venda a través de www.salacapitol.com.
SOBRE FILLAS DE CASSANDRA
María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo de 2022. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.
SOBRE ‘ACRÓPOLE’
‘Acrópole’ é un álbum conceptual no que Fillas de Cassanda viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata. O álbum está dispoñible desde o pasado 24 de febreiro nas principais plataformas dixitais.
CONTOS NAS ORELLAS é un espectáculo de contos de risa, trasnos e meniñas aventureiras. Corenta e cinco minutos para gozar de historias e divertidas cancións.
As persoas interesadas en asistiren, poden reservar a súa entrada (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Bea Campos é actriz e narradora. Desde moi nova comezou a contar contas, realizando centos de actuacións. Na actualidade fai parte da compañía “Migallas Teatro” con diferentes espectáculos para públicos de distintas idades. É formadora no ámbito da expresión dramática, da narración oral e da literatura infantil.