Sermos, na confluencia do momento único. Ese ser teu en min, o meu en ti. Por medio da palabra e da escoita, compañeiros na mirada sosegada. O tempo teu no meu oído, o meu en ti escoitado.
Estender na folla a mirada. Percorrernos, entendernos camiños en sintonía. Incapaces, aínda, de despedirnos de todo o amado mentres fluímos entre pegadas de outonal policromía.
Son atravesado por un soño. En contorna hostil, éme negada a oportunidade. No subconsciente, mundo que treme en nós e nos abanea, traizoeiro. Golpea o soño no sono e amosa fenda ancheada. Fenda pola que foxe, non entra, a luz que teima en resistir, mais que na súa fuxida achega as sombras insinuadas dun camiño.
Acometen de cando en vez pesadelos que o remexen todo e que nos invitan a cambios de perspectiva. Que na súa fereza aniquilan partes de nós, parcelas que deben ser arrasadas.
Tralo impacto violento, quedan as miradas tremendo. E custa enfocar de novo a figura espida da esperanza.
Felicidade. Propaganda do concepto. A palabra luída. Pronunciada en bucle por outros que non somos, outros distantes da nosa mirada. Felicidade publicada, exposta en todos os escaparates. Único obxectivo e motivo, ata a saciedade trazado como lugar de destino. A felicidade, a súa felicidade, desprezando todas as viaxes e todos os procesos, toda a non felicidade que nos habita, que nos conforma, que nos aviva.
Nesta forma nosa de estar ben a pesar das feridas. Decidindo que neste punto concreto do traxecto atopamos intres dun benestar que foxe da perfección ou da imperfección. Que non se compara con formas predefinidas. Decidindo vivos, aceptándonos na antítese.
Fuxindo do ruidoso prototipo alleo, atopamos sintonía na caída, suavidade na paciencia, harmonía na terra. E lonxe da súa felicidade, abrollan aromas de tenrura no momento.