Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove, por segundo ano consecutivo, este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado polo artista Luis Yang, gañador da pasada edición do premio
Este luns finalizou o prazo para recibir propostas, cun total de 56 participacións
A persoa gañadora do premio darase a coñecer durante un acto de entrega no mes de agosto, no marco da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán
A información completa do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio25
O Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 xa ten xurado especializado para a súa segunda edición. Bea Lema, Luis Yang e Sira González serán os profesionais responsables de avaliar o total de 56 propostas rexistradas no certame este ano, que este luns pechou o seu prazo para a recepción de participacións.
Deste xeito, a Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove, por segundo ano consecutivo, o Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025, un certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man polo artista Luis Yang (gañador da primeira edición do certame). O II Premio Autobán 2024-2025 contempla, tamén, un accésit cunha dotación económica de 350 €. A información pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio25.
O II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recolle a participación de todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine son libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada polo xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo e mais tarde celebrarase a cerimonia de entrega do premio durante a edición de verán 2025 do Festival Autobán.
SOBRE O XURADO ESPECIALIZADO DO CERTAME
Sira González é Licenciada en Documentación e ten un Máster en Bibliotecas Escolares. Leva desempeñando a súa labor bibliotecaria na Biblioteca Municipal de Os Rosales da Coruña desde o ano 2009. Coordinadora de clubs de lectura e responsable da comicteca, nos últimos anos imparte formacións sobre a colección de cómic en centros escolares e a súa promoción entre o público lector. O seu obxectivo é dobre: romper prexuizos con respecto ao medio e achegar a súa lectura a todos os tramos de idade, de 0 a 100 anos.
Bea Lema (A Coruña, 1985) é ilustradora e autora de cómic. O seu traballo é, xeralmente, de corte autobiográfico e de temas relacionados coa tolemia, o trauma, as relacións familiares, a relixión e os ritos populares. A nivel gráfico, explora o debuxo e o bordado como soporte para as súas ilustracións e historietas.
En 2017 recibe o XII Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por O Corpo de Cristo, a súa primeira novela gráfica, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena. En 2022 foi bolseira para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia). O libro no que traballou, baseado naquel primeiro cómic e que foi publicado en Francia pola editorial Sarbacane baixo o título Deas Maux à Dire e en España por Astiberri co título El cuerpo de Cristo, foi galardoado co premio do xurado do Festival BD 2023 en Pèrigord, o premio do público do Festival de Angoulême 2024, o Premio Bédélys 2024 do Festival de Cómic de Montréal á mellor obra estranxeira, o Gran Premio da Heroína Madame Figaro 2024, o Premio Nacional de Cómic 2024 e o Premio á mellor novela gráfica internacional 2025 do Festival Comicon Napoli. Actualmente traballa na adaptación deste libro a curtametraxe de animación.
Luis Yang (Madrid, 1993) é ilustrador e animador. Foi un dos impulsores do fanzine Nimio, gañador do premio ao mellor fanzine en Comic Barcelona 2016. Colaborou cos seus cómics en publicacións como Hoodoo Voodoo, š!, doko boko, Fenómena e Ex Mag, entre outros. En 2020 dirixiu e animou o videoclip musical When I Grow Up, da cantante estadounidense Yaeji, para a discográfica XL Records. En 2022 uniuse á guionista Uxía Larrosa para crear O bico da Serea, que recibiu o Premio Castelao e, posteriormente, en 2024, foi editado en castelán por Ediciones La Cúpula como El beso de la sirena. Actualmente, autoedita o fanzine Amorcito, nomeado a mellor fanzine en Cómic Barcelona. No ano 2024 foi galardoado co I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego.
UNHA PANORÁMICA SOBRE A PRIMEIRA EDICIÓN DO PREMIO AUTOBÁN
Na súa primeira edición, celebrada o pasado ano, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que dicidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.
Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024. Na web de Autobán e posible, tamén, consultar a información desta Expofanzines 2024: https://www.autoban.gal/expofanzines/expofanzine2024
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
DEZ ANOS DE HISTORIA DE AUTOBÁN
En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2025, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 11ª edición do evento.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.
Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.
O Instituto de Estudos Chairegos, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, coa colaboración do Concello de Vilalba, organizan o venres 13 de xuño de 2025, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:30 horas, a proxección do documental SEGADORES DA ÓRREA EN TERRAS DE CASTELA. UNHA HISTORIA DE HEROES, producido pola Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, no Concello de Riotorto, e dirixido por Vanesa Gómez Lourido e Laura Alonso Carracedo.
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o xoves 12 de xuño de 2025, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha sesión de CINEFÓRUM coa proxección da película O AUTOSTOPISTA, de Ida Lupino, que contará coa presentación e coloquio de Martin Pawley, programador e crítico cinematográfico.
— ‘Plastic biontes’ é unha creación que nos convida a repensar que o lixo non sexa só un residuo, senón tamén unha ferramenta creativa e crítica
— O director xeral de Cultura inaugurou esta instalación na Cidade da Cultura de Galicia co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente
— Anxo M. Lorenzo salienta que proposta “conxuga arte, ecoloxía e arquitectura viva nunha necesaria reflexión sobre as nosas dinámicas de consumo”
— Trátase da primeira intervención artística en Santiago do colectivo Basurama, que ten colaborando co Museo Reina Sofía ou o Victoria & Albert Museum, entre outros
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura Plastic biontes, unha intervención na que o colectivo Basurama converte en arte efémera refugallos plásticos industriais ao revestir cunha segunda pel as Torres Hejduk do Gaiás. Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a Xunta presenta esta instalación que convida a reflexionar sobre escenarios futuros nos que o lixo non sexa só un residuo, explorando as súas potencialidades como ferramenta creativa e crítica.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou “o xeito maxistral” no que o colectivo Basurama consegue con esta proposta “conxugar arte, ecoloxía e arquitectura viva nunha necesaria reflexión sobre a herdanza futura que deixan as nosas dinámicas de consumo”. Neste senso, remarcou que esta instalación potencia o “vencello especial” das Hejduk coa súa contorna natural e paisaxística, apelando tanto á súa localización no contexto natural do Monte Gaiás e á vexetación autóctona deste espazo, como ao “diálogo visual entre dúas urbes: a Cidade da Cultura e Santiago de Compostela, unha futurista e outra patrimonio cultural”.
Arte que ‘plastifica’ as Torres Hejduk
Plastic biontes explora a potencialidade do plástico para xerar texturas e producir estrañamento, transformando a pel das torres, a súa ollada e o seu discurso. A torre de cristal recóbrese con filme transparente, adquirindo unha nova epiderme na que o plástico, engurrado e brillante, xera un xogo de texturas, fulgores e reflexos que remiten ao sobreenvasado de obxectos e alimentos, pero tamén á contaminación dos nosos ecosistemas por causa destes refugallos. Na torre de granito, ao seu carón, enxértanse formas plásticas —residuo procedente da extrusión do plástico en procesos industriais— que emulan o xeito en que os liques colonizan as paredes da cidade.
Plastic biontes é a primeira intervención de Basurama en Santiago de Compostela e a terceira en Galicia tras os proxectos Amar o mar (2017) e Huellas (2015), ambos desenvolvidos na Coruña. No acto de inauguración participaron tamén a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e os artistas integrantes do colectivo Basurama, Mónica Gutiérrez Herrero e Rubén Lorenzo Montero.
Esta intervención artística, que conta co apoio de Televés, enmárcase dentro de Gaiás en verde, unha liña de acción da Cidade da Cultura que programa actividades que mesturan arte e creatividade co obxectivo de promover o desenvolvemento dunha conciencia medioambiental sólida.
Sobre o colectivo Basurama
Basurama é un colectivo fundado en 2001 e dedicado á investigación, creación e produción cultural e medioambiental que explora os procesos produtivos, os refugallos que xeran e as posibilidades creativas que que suscitan estas conxunturas contemporáneas.
Con sede en Madrid, ten realizado máis de 150 proxectos en máis de 40 países, colaborando con institucións como o Museo Reina Sofía, a Casa Encendida ou o Victoria & Albert Museum. O seu traballo foi recoñecido con galardóns internacionais de prestixio como o premio Artista Comprometido da Fundación Daniel e Nina Carasso ou o Curry Stone Social Design Circle.
Arte e cultura inclusiva
Coincidindo coa apertura do proxecto e a conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, a Cidade da Cultura organizou paralelamente unha actividade participativa conducida pola educadora e xestora cultural Julia Sueiro. Nesta proposta, concibida desde unha ollada inclusiva e aberta, participaron persoas con discapacidade intelectual das asociacións ASPAS e Fonte da Virxe, pero tamén calquera persoa interesada en achegarse á creación artística e á investigación cultural.
De modo conxunto, realizaron unha composición artística a partir dos refugallos presentes en Plastic biontes e das especies vexetais que medran de xeito espontáneo na contorna das Torres Hejduk, emulando o xeito en que a natureza remata por colonizar o lixo presente na natureza, e tamén as nosas contornas urbanas.
Desde o pasado luns, 2 de xuño, e até o venres 20 de xuño, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora traballará na súa proposta Brutalismo
Brutalismo é o novo traballo de Isabel do Diego en forma de concerto-escénico; un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis aló dos construídos para as artes vivas, co que a creadora pregúntase cuestións como onde comeza e onde remata o folclore do século XXI
Unha vez finalizada a súa residencia, Isabel do Diego ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, o venres, 20 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre
Paralelamente, a artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
A artista Isabel do Diego iniciou a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso o pasado luns, 2 de xuño, en Santiago de Compostela. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Cidade da Cultura e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Compostela, acollen desde hoxe e até o venres 20 de xuño a terceira destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta Brutalismo, de Isabel do Diego, alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada.
Brutalismo é é o novo traballo de Isabel do Diego en forma de concerto-escénico; un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis aló dos construídos para as artes vivas, co que a creadora pregúntase cuestións como onde comeza e onde remata o folclore do século XXI.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Isabel do Diego ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela, a velada do venres, 20 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, a creadora participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Brutalismo é o novo traballo de Isabel Do Diego en forma de concerto-escénico. Un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis alá dos construídos para as artes vivas. O seu formato álbum terá forma de EP con tres ou cinco novos temas.
En Brutalismo, Isabel Do Diego faise as seguintes preguntas: onde comeza e onde remata o folclore do século XXI? É a electrónica, como xénero permeable, o seu contedor máis inherente? É posible crear un universo atávico-musical no pleno século XXI?
Para poder imaxinar, crear e materializar Brutalismo, Isabel Do Diego interésase polas prácticas máis atávicas e minimalistas do folclore en relación á súa sonoridade, a súa musicalidade, a súa festividade e a maneira de poñer o corpo na escena para a súa execución. O corpo como instrumento total. O corpo-médium que necesita ser mostrado, o máis austero posible, para encarnar a música da maneira máis directa e rotunda. Atravesar ao público e habitar a electrónica como folclore en si mesmo.
Para isto, Isabel do Diego realizará unha dramaturxia musical elixindo os temas máis crus, rítmicos e contundentes de todos os seus álbums, entrelazando con estes os novos temas de BrutalismoEP. Tamén actualizará sonoridades e melodías para que, así, este novo concerto-escénico sexa vivido como unha experiencia única e acorde aos seus propios códigos escénicos.
Como vén sendo habitual desde o seu segundo álbum, Isabel do Diego está creando un novo instrumento, gavión, co que traducir á música o anteriormente citado e levalo á escena utilizando o corpo de maneira non tradicional ou académica. Gavión estará elaborado con aceiro inoxidable máis madeira virxe e, todo iso, conectado a un software. Neste instrumento-máquina é o corpo, como ser vivo, o ponte necesario para que a música brote.
É en Brutalismo onde Isabel do Diego pechará un ciclo de sete anos e propoñerá unha viaxe escénica-musical robusta e sólida. Un universo entre o atávico e atemporal do folclore e a electrónica. Unha performance sobrehumana onde desplegará unha electrónica poliédrica, vigorosa e centelleante que servirá de base para unhas melodías vocais tradicionais e austeras que se transmutarán a través dun corpo-médium en pleno fulgor vital. Ademais, a idea inicial é ampliar o equipo e contar con outros músicos-performers para desenvolver e amplificar esta posta en escena.
SOBRE A ARTISTA
Isabel do Diego –alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada– desenvolve, no seu traballo musical e escénico, un folclore austero, brutalista e sacralizado. O queixío electrónico de Isabel do Diego abre un corpo á fuxida que traza unha nova perspectiva sobre o folclore andaluz. A súa música é unha prótese folclórica que transcende os espazos que a carne non pode habitar. Un ser híbrido. Un corpo que, na escena, camiña entre o humano, o animal e o espiritual.
Entre a familiaridade rural e o extrañamento futurista, Isabel do Diego habita un universo escénico de gritos e susurros, de melodías tradicionais xunto a sonoridades quebradas, de ecos rurais e industriais, de mensaxes herexes e oracións, de fantasías sexuais e emocións castas. E moitos beats, samplers e sintetizadores. O seu cante e baile son monstruosos e de electrónica sacralizada. Un ‘trampantojo’ escénico que, como alegoría, non é racional nin clasificable, senón que mostra o misterio que gardamos baixo a pel en forma de cerimonia musical.
En marzo de 2020 publicou DEPUEBLO, o seu primeiro álbum. Este foi incluído na exposición “Romper el Aire” de Pedro G. Romero para a galería Alarcón Criado de Sevilla e elixido entre os dez mellores álbums de música de raíz por Mondo Sonoro. Visitou varios festivais como o Monkey Week (Sevilla), Flamenco viene del Sur (Sevilla) ou Sâlmon (Barcelona). E foi, tamén, artista residente en SONORIDAD.ES 2020-2021, comisariada por Daniel Valtueña para o centro KJCC de New York.
En marzo de 2022 publicou BESTIA SAGRADA, segundo álbum e o cal se pecha en colaboración con Maria Arnal no seu tema final Cataliza. O directo deste segundo traballo estreouse no Centro Conde Duque (Madrid) e tamén visitou o Festival La Orgullosa (Barcelona), Córdoba Ciudad de las Ideas, La Madraza en Granada, Flamenco EÑE off en Madrid, o Festival MIL Lisboa ou o MaF de Málaga. En abril de 2023 publicou ROZADURA, un EP de seis temas elaborado durante unha residencia de creación e concertos no Festival Flora de Córdoba 2022. Foi presentado en vivo en tres patios emblemáticos do Casco Histórico de Córdoba (Patio do Palacio de Orive, Patio de Las Campanas e Patio de San Basilio).
En marzo de 2024 publicou o seu primeiro vinilo A CARNE VIVA, un concerto en formato vinilo gravado e cortado en vivo por Alhaja Records. O concerto-vinilo celebrouse na Sala Noble do Convent de Sant Agustí, Barcelona. En novembro de 2024 publicou GOZO JONDO, o seu segundo EP, con seis temas elaborados durante a residencia de creación Los Tientos, Granada 2023. A súa traslación a concerto-escénico foi estreado nos Teatros del Canal de Madrid.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.