O FESTIVAL DE STONER ROCK E DOOM METAL TERÁ LUGAR OS DÍAS 26 E 27 DE XUÑO NO PARQUE DO PASATEMPO DE BETANZOS
Un dos grandes referentes do Rock e Metal alternativo da Península Ibérica, o festival Fumega Fest, confirma unha nova edición de cara a 2026. Tras a súa primeira entrega, este mesmo ano, que xuntou a grandes nomes da escena europea como Greenleaf, Psychonaut, Monkey3 ou Dvne, o festival anuncia as datas de celebración da súa seguinte entrega. O venres 26 e sábado 27 de xuño, o Parque do Pasatempo de Betanzos vibrará de novo co que xa é un dos eventos máis destacados do Stoner Rock e Doom Metal na Península Ibérica. Os artistas e as entradas verán a luz o próximo luns 24 de novembro, segundo avanza a organización.
Fumega Fest vén de ateigar o Parque do Pasatempo de riffs electrizantes e sons contundentes, devolvendo o espírito rockeiro e metaleiro a un recinto que vivíu grandes noites envolto en acordes de guitarras eléctricas. O evento saldouse coa mellor das sensacións logo de ver a recepción dunha primeira edición que contou co cariño, respecto e sentimento dun público que correspondeu con creces.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como HugoGuezeta, Vimbio ou Sabela. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a representación da obra O PANO, a cargo do grupo Bátega Teatro, nunha actividade englobada no Circuito de Teatro Profesional, financiada e patrocinada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O acto terá lugar o vindeiro domingo 23 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, con entradade balde, pero haberá que facer a correspondente reserva en entradasvilalba.es ou na páxina web do Concello.
O actor e manipulador mindoniense, Ton Arenas (Mircromina Títeres), leva ao cenario da Casa-Museo Manuel María, para público infantil e familiar, a traxicomedia Pasmo de pedra.Será este sábado, día 22 de novembro, ás 17 horas. Para asistir á representación é necesario reservar (billete: 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
A sinopse da peza é a seguinte: decorre o ano 1543 cando Isabel de Castro e Pardo de Cela, casados e residentes no castelo da Frouxeira, desfrutan dunha vida relaxada, chea de privilexios e distraccións. Mentres, na outra punta da comarca, o bispo de Mondoñedo leva tempo reclamándolles os seus dereitos, bens e propiedades. Canso de ser enganado pola parella, contrata o mercenario Mudarra para que lle faga o traballo suxo. A pregunta é, perderá Pardo de Cela a cabeza?
O novo proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina) presentará o seu disco debut o sábado 6 de decembro na Foliada da Fonsagrada
Rumbas, jotas e muiñeiras soan nun álbum festivo e retranqueiro no que o blues se mestura con melodías da terra
Tona, o proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina), dará a coñecer o 2 de decembro o seu álbum debut, titulado ‘Cruseiro’; un traballo no que se cruzan, como non podería ser doutro xeito, sonoridades diferentes e coplas retranqueiras que convidan a bailar.
‘Cruseiro’ ten un pouco de todo. Disto e un pouco daquelo. Tanto da montaña coma da ribeira. Mestura blues con melodías da terra. Ten harmonía, ten melodía e, obviamente, ten retranca. Sen dúbida, “é unha apoloxía da aldea, da língua, do noso carácter e da nosa tradición”, sinala Miguel Cernadas sobre un álbum do que xa se coñecen catro temas: ‘Maio’, ‘O casal’, ‘Rhumba95’ e ‘Carracho’.
“Tona nace da necesidade de seguir facendo música, aprendendo, investigando… Da curiosidade e tamén da aventura. De buscar sonoridades diferentes para botarlle o que sempre se botou, xa que, neste ‘Cruseiro’ hai rumba, hai pasodoble, hai jota e hai muiñeiras”, explica Cernadas sobre o álbum, que define como “festivo e feito para bailar”. Para mostra, a festa escollida para a estrea: a Foliada da Fonsagrada (sábado 6 de decembro, a partir das 12.00 horas), que este ano celebra a súa décima edición.
Tona conta con Miguel Cernadas na voz e composición; Tomás Ageitos (Compañía do Ruído, Das Kapital) na batería e composición; Andrés Real (Oh Ayatollah) ao baixo; Roberto Comesaña no acordeón; e Gutier Álvarez no violinofón. Todos eles acompáñanse de Víctor Álvarez como coautor, arranxista e técnico de son ao vivo.
Caamaño&Ameixeiras seguen expandindo o seu proxecto máis alá das fronteiras galegas: o dúo galego viaxa estes días a Canadá para participar no Mundial de Montreal 2025, un dos eventos máis importantes da música de raíz en América do Norte. A súa presenza é posible grazas á selección de Sounds from Spain, plataforma impulsada por ICEX e INAEM para apoiar a proxección internacional da música española.
A actuación terá lugar hoxe, martes 18 de novembro, no Cabaret Lion d’Or, dentro do showcase oficial de Sounds from Spain, e permitirá que o dúo presente o seu proxecto a programadores, axentes e profesionais de todo o continente.
Para Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras esta viaxe supón un paso significativo cara aos seus obxectivos a medio prazo: abrir o mercado norteamericano, consolidar redes profesionais e sentar as bases para futuras xiras por Canadá e Estados Unidos. “Supón un avance importante na internacionalización do proxecto, agradecemos profundamente esta selección”, explican.
Logo de percorrer Europa (Austria, República Checa, Eslovaquia, Italia, Francia, Portugal, Açores, Países Baixos, Alemaña, Bélxica…), Caamaño&Ameixeiras continúan ampliando fronteiras e levando a música galega a novos escenarios internacionais.