A arquitectura industrial galega torna en pista de baile: WOS Festival x SON Estrella Galicia incorpora a Fundación Laboral de la Construcción como sede da súa sétima edición

O edificio, exemplo da arquitectura industrial galega e cuxa orixe data do s. XVIII, acollerá en exclusiva sesións de DJ internacionais e concertos a noite do sábado 16 de setembro


WOS Festival x SON Estrella Galicia incorpora unha nova e excepcional sede para a súa sétima edición, que se celebrará do 14 ao 17 de setembro. O festival de música electrónica de vangarda contará con dúas naves do complexo arquitectónico da Fundación Laboral de la Construcción como pista de baile para a noite do sábado 16 de setembro.

Tal e como salienta Iván Arias, director do evento, “no ADN do WOS Festival está pór en valor o patrimonio da cidade e recuperar espazos únicos para a cultura”. “Contar con este espazo no 2023 era imprescindible para dar un novo paso nesta dirección. Trátase dun exemplo da arquitectura industrial galega que entronca coa esencia da música electrónica, que demanda escenarios deste tipo, con teitos altos e materiais potentes”, sinala Arias. 

Así, artistas internacionais como o dj londinense DjRUM, o danés Croatian Amor ou o espectáculo audiovisual de Slikback con Weirdcore pasarán polas naves da Fundación. O complexo arquitectónico, situado na zona norte da cidade, combina espazos restaurados da antiga curtidoría de Pontepedriña d’Arriba, do século XVIII, con outros de nova construción nunha área de case 5.000 metros cadrados. Precisamente a rehabilitación do espazo, da que se conservaron zonas emblemáticas coma un molino ou mesmo as antigas balsas, foi recoñecida no 2018 co galardón á mellor rehabilitación nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia. Na actualidade, os usos do espazo destínanse a centro de formación, alén de acoller a sede territorial en Galicia da Fundación Laboral de la Construcción. 

“Contar cunha cidade patrimonio da humanidade, como Santiago de Compostela, e cun casco histórico e unha catedral que son un icono mundial, é un luxo e un priviilexio. Agora ben, aínda que a arquitectura relixiosa é fundamental, á hora de conservar a cidade e a súa personalidade, tamén hai que ter en conta o conxunto do patrimonio, xa que é ese conxunto o que a define. Dentro dese conxunto, nos últimos anos traballouse moito na recuperación do patrimonio relixioso e civil, pero non así do industrial, do que forma parte este lugar e que tamén é fundamental para entender que é Santiago e a súa historia. Por iso, é interesante esta colaboración con WOS Festival: non todos os días albergamos un festival desta envergadura, e estamos expectantes por ver o resultado”, reflexiona Fernando García Novo, xerente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción.

Ademais da súa achega arquitectónica, o emprazamento posúe gran valor etnográfico debido á súa singular localización nun paseo na contorna natural do río Sarela, un dos espazos naturais máis interesantes da cidade. Con esta nova sede, WOS Festival x SON Estrella Galicia avanza na súa aposta de posta en valor do inmenso patrimonio arquitectónico e cultural da cidade de Santiago de Compostela. 

Abonos xa á venda en wosfestival.es 

CONFIRMACIÓNS WOS FESTIVAL X SON ESTRELLA GALICIA

Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevsky present Rhizomes (Live AV) 

Akazie (Dj) 

CORIN presents Lux Aeterna (Live AV) 

Croatian Amor (Live) 

DjRUM (Dj) 

JUAIT (Live) 

Lamin Fofana (Dj) 

Lee Gamble (Dj) 

Loraine James presents Gentle Confrontation (Live AV) 

Malibu (Live) 

Midori Takada presents Japan On Film (Live) 

Puce Mary (Live) 

Shackleton & Zimpel with Siddhartha Belmannu and Pedro Maia present In The Cell Of Dreams (Live AV) 

Slikback & Weirdcore (Live AV)

20230808_Nota_Prensa_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia_GAL

A sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia celebrarase do 14 ao 17 de setembro

Santiago de Compostela acollerá catro días de música, cinema, conferencias e cultura dixital en espazos emblemáticos da cidade

O festival activa hoxe mesmo, a través de www.wosfestival.es, a venda dos primeiros abonos a un prezo especial

O WOS Festival x SON Estrella Galicia regresará a Santiago de Compostela o 14 ao 17 de setembro. A sétima edición do evento, referente na cultura de vangarda a nivel estatal, ofrecerá catro días de música, cinema, conferencias e cultura dixital en emblemáticos espazos dunha cidade que é Patrimonio Cultural da Humanidade.

WOS Festival x SON Estrella Galicia é un encontro multidisciplinar anual con sede en Santiago de Compostela dedicado a promover e fomentar a música e a cultura de vangarda con concertos e actividades en diferentes espazos de alto valor patrimonial da cidade. Impulsado pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY, o festival recibiu ao longo dos anos varios galardóns que o acreditan como un dos mellores festivais ‘indoors’ de España e Europa, coma nos Iberian Festival Awards (2022) ou European Festival Awards (2018).

Deste este xoves 29 de xuño, ás 12:00 horas, están á venda a través da páxina web oficial www.wosfestival.es un número limitado de abonos de 4 días (xoves a domingo) ao prezo reducido de 55 euros, que ofrece ao público un desconto de 10 euros respecto ao abono de prezo normal. Estes abonos de 4 días darán acceso ao programa completo do festival o xoves 14, venres 15, o sábado 16 e o domingo 17 de setembro. Desde hoxe mesmo tamén é posible adquirir os abonos de 3 días a un prezo de 45 euros, cun desconto de 10 euros con respecto ao prezo oficial, e que darán acceso ao programa completo do evento, venres 15, sábado 16 e domingo 17.

WOS, que dará a coñecer os primeiros nomes do seu cartel no mes de xullo, conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio de institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia e AGADIC, Concello de Santiago de Compostela e Deputación Provincial da Coruña.

20230629_NP-GAL_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia