O proxecto Consoante (pandereteiras), Branca Villares (narrativa, voz, pandeira e percusións de man) e Pablo Pintor (zanfona, clarinete e gaita), farán un concerto interactivo en que, ademais de desfrutar co relato e as cantigas, o público asistente participará cantando e dialogando cos sons e os ritmos. Será un concerto “arredor da tradición oral feminina, no que debullamos por que cantamos, que cantamos e como cantamos as persoas. Entendemos os contextos onde tivo lugar a creación e transmisión oral das mulleres cantadoras, homenaxeada neste ano coa celebración das pandereteiras nas Letras Galegas”.
A actividade é de entrada libre até completar o aforo mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
O sábado un de xuño, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro en Begonte e a partir das seis e media da tarde daremos comezo ao maio de Castiñeiro Milenario. A actividade comezará cun paseo para apañar flores, fentos e xestas para facer un maio bonito e xeitoso. Dirixidos pola nosa querida meiga da Primavera, Branca Villares, faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus, por fin, a este eterno e gris inverno.
Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove e media, comezará a festa coa foliada que contará coa presenza dos grupos, Proxecto Consoante, Treitoira e Mestura de Nete, despois foliada aberta ata que o corpo aguante. Trae o teu instrumento e anímate a facer a festa da primavera de Begonte.
Queremos agradecer, como sempre, a Branca Villares, a súa total entrega nesta historia, os maios sen ela non serían o mesmo e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.