‘Prima Facie’, con Vicky Luengo, gaña o Premio do Público do FIOT

Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo bota o pano da súa 32º edición nun ano no que contou con máis de 14.000 asistentes ao longo das súas 62 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas

O Programa de sala acadou a máxima puntuación da súa historia, 4,49 sobre 5, o que referenda a aposta por unha programación ateigada de diversidade, actualidade e contemporaneidade e que defendeu o teatro social como instrumento de reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación

O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, recibe o recoñecemento como Mellor Espectáculo no Certame Metro Cadrado, mentres que Carlota Mosquera é galardoada co premio é Mellor Interpretación polo espectáculo Ninguén tira fotos nos enterros

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despide a súa 32ª edición dando conta do Premio do Público 2023. Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas, cuxa estrea en Galicia tivo lugar no FIOT32, foi recoñecido polas e polos asistentes como a proposta máis salientable deste ano, acadando unha puntuación total de 4,75 sobre 5 puntos. A peza, un texto asinado por Suzie Miller e dirixido polo peruano Juan Carlos Fisher, conta coa actriz Vicky Luengo como protagonista absoluta.  

Alén de Prima Facie, tamén obtivo unha puntuación notable Apaga o candil, a coprodución do FIOT coa Compañía Contraproducións sobre o narrador oral Carlos Díaz ‘O Xestal’, que logo da súa estrea absoluta en Carballo inicia o seu percorrido por Galicia; así como La comedia de los errores,producida polo Festival de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, peza que, baixo a dirección de Andrés Lima, Premio Nacional de Teatro 2019, pechou o Programa de sala desta edición. 

Precisamente esta liña de programación do FIOT acadou este outono a puntuación máis alta da súa historia, ao obter 4,49 puntos sobre os 5 posibles. Neste 2023, o Programa de sala (sobre o que o público emite os seus votos desde hai 27 anos) obtivo a puntuación de sobresaínte, o que referenda a excelencia da programación desta edición do festival, nun ano no que, baixo o lema (in)transixentes, o FIOT avogou non só presentar propostas de gran singulariedade e cunha marcada identidade, senón pola  integración, a transversalidade e a defensa do teatro social como instrumento para a reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación. 

Este FIOT32, ademais, foi unha edición na que o festival avanzou no reto da implementación da sustentabilidade, coa incorporación de espectáculos inclusivos, como a estrea absoluta de É meu amigo ou Sexpiertos, esta última en colaboración co programa Camiño Escena Norte; ademais de presentar unha estrea absoluta (Apaga o candil) con tradución á lingua de signos, da man do Centro Dramático Galego, e a creación dun soporte en vídeo con esta tradución, un recurso que acompañará a función na súa xira polo país. 

Ademais de dar a coñecer o Premio do Público 2023, o FIOT tamén dá a coñecer os galardóns do Certame de Micro Escenas Metro Cadrado. Neste caso, O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, foi o espectáculo mellor valorado polo público, cun 4,63 sobre 5. No eido interpretativo, Carlota Mosquera fíxose co galardón á Mellor Interpretación ao obter un 4,89 sobre 5 polo seu traballo en Ninguén tira fotos nos enterros. 

Máis de 14.500 asistentes 

O Festival Internacional Outono de Teatro 2023 obtivo, ademais, unha excelente resposta por parte do público: máis de 14.000 persoas -de diversas procedencias e idades, tanto da comarca coma doutros puntos de Galicia- asistiron ás funcións ou ás actividades paralelas programadas ao longo desta 32ª edición, celebrada entre o 28 de setembro e o 31 de outubro. Entre elas, ademais, houbo unha importante presenza de profesionais do sector escénico que, un ano mais, acudiu a Carballo. Os 39 espectáculos programados no #FIOT32, que se representaron en 62 funcións (nos ciclos Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, Fiotiño, Fioteen), contaron con 7.137 espectadores. sumando así unha ocupación do 93,19% sobre o total posible no programa de exhibición. 

A programación escénica, ademais, completouse con máis de 20 actividades paralelas organizadas polo FIOT ou coa colaboración doutros axentes, nas que participaron máis de 7.480 persoas. É o caso da exposición sobre Carlos Díaz ‘O Xestal’, das xornadas profesionais, das accións teatrais en institutos da comarca da man de Galetatro, do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, da entrega do galardón Xograresa de Outono a Ana Romaní, das sesións de formación da Escola do Espectador nas Ondas, da proxección do documental Hay alguien en el bosque, das emisións ao vivo e gravacións con público de RTVE desde o Pazo da Cultura, do Zoom FIOT (tanto da mostra sobre a iniciativa no 2022, coma a edición deste 2023), do programa do voluntariado ou mesmo dunha ruta  dramatizada de sendeirismo polo espazo vital de O Xestal, que contou con membros da Aula Municipal de Teatro. Todas elas conformaron unha ampla programación paralela que, novamente, deu conta do interese do FIOT pola creación de públicos e da consolidación do seu compromiso pola creación de teatro. 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quere agradecer e recoñecer tamén o acompañamento e apoio das 31 institucións, patrocinadoras e entidades colaboradoras que fan posible o desenvolvemento do FIOT e que este ano medraron considerablemente. Ademais de institucións como Concello de Carballo, Xunta de Galicia a través da Agadic, Deputación da Coruña, Ministerio de Cultura y Deporte a través do INAEM e Fundación Luis Calvo Sanz; aos novos patrocinadores do festival, Cafés Lúa, Bodegas Martín Códax e Libraría Brañas; e a Camiño Escena Norte -que este ano seleccionou o FIOT como iniciativa destacada de Galicia-, Escena Galega e RTVE. O festival tamén quere salientar a colaboración dos locais de hostelería de Carballo así como nos 26 espazos nos que se realizaron actividades do programa; das asociacións culturais Alpendre de Oza, Veciños San Salvador, Mulleres Rurais de Sofán ou Senda Nova; e do Centro da Terceira Idade, Centro Dramátigo Galego, Grupo Dimolk, Colectivo RPM, Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Carballo, Bodegas Carballo, Radio Nordés – Cadena SER e centros de ensino secundario de Carballo. 

Por último, a dirección do #FIOT32 quere recoñecer especialmente o labor do seu equipo de voluntariado e agradecer a presenza, compromiso e entrega do corazón do FIOT: o seu público.

PALMARÉS FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO 2023

Premio do Público 2023
Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas

VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado
Mellor espectáculo: O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental
Mellor interpretación: Carlota Mosquera por Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera

20231118-NP-Premio-do-Publico-FIOT32-e-balance

Vicky Luengo, Kulunka Teatro e Diego Anido, pratos fortes na cuarta fin de semana do FIOT

O Programa de Sala do 32º Festival Internacional Outono de Teatro acolle as estreas en Galicia de Forever o sábado 21 e de Prima Facie, o fenómeno escénico da tempada, o domingo 22

A función de O deus do pop, creación de Anido (As Bestas, O Corno) galardoada con dous premios María Casares, terá lugar o xoves 19, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura

A Rúa dos Contos acolle o sábado 21 a estrea galega de La maja y la mona (o viceversa), con Maribel Salas e Susana Soleto, mentres que o Metro Cadrado será o marco no que teñan lugar as estreas absolutas de Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, e DestilaPracer,de Espazo Vacío

A programación do FIOT en Ruta levará Iphixenia na porta do super, unha versión contemporánea do mito de Eurípides, ao Centro social de Sofán o vindeiro domingo 22 


O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo dará conta, na súa cuarta fin de semana, da súa aposta polas voces singulares e o compromiso social, así como  pola apertura de xéneros e linguaxes diversas, coa programación, entre este xoves 19 e o domingo 22, de varios dos pratos fortes desta edición: Vicky Luengo, co multipremiado texto de Suzie Miller Prima Facie;  a compañía vasca Kulunka Teatro e a súa nova creación, Forever; a última peza de Diego Anido (As Bestas, O Corno), que foi premiada con dous premios María Casares 2023; o regreso do mito de Iphixenia ao festival, entre outras propostas, serán algunhas das citas imprescindibles destes días. 

A semana comezará o xoves 19 coa presentación, en Carballo, de O Deus do Pop, a quinta creación de Diego Anido, actor galego de plena actualidade polo seu éxito en filmes como As bestas (finalista nos Premios Goya e gañador do Premio da Unión de Actores ao actor revelación) ou a recente O corno (gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián). Nesta proposta, e desde o humor absurdo e a tenrura, Diego Anido presenta unha autobiografía inventada, entre a Galicia dos 80 e unha estrela do pop americana. O texto, a danza a música e o clown conviven cunha depurada dramaturxia froito dun longo proceso de creación persoal, no que estivo acompañado por un amplo equipo (Víctor Duplá, Carmen Triñanes, Montse Pinheiro ou Guillermo Weickert, entre outros nomes), e cuxo traballo tanto en iluminación coma en movemento foi recoñecido con dous premios María Casares. O deus do pop, enmarcado no ciclo OTNI, presentarase no Auditorio do Pazo da Cultura o xoves 19, ás 21.00h. 

O sábado 21 será a quenda de Kulunka Teatro. Baixo a dirección de Iñaki Rekarte (galardoado nos Premios Max 2023 polo seu traballo en Supernormales, e quen tamén asume a dramaturxia desta peza xunto cos intérpretes Garbiñe Insausti, José Dault e Edu Cárcamo), a compañía vasca regresa ao FIOT dando boa conta do seu virtuosismo coa linguaxe das máscaras. Combinando tenrura e crueza, Kulunka presenta Forever, unha fermosa e profunda traxicomedia, coproducida polo Centro Dramático Nacional, que reflicte con humor, ironía e emoción as contradiccións do amor. Forever pon o foco sobre cuestións como a maternidade, a educación, a sexualidade ou a violencia, e reflexiona ata onde a incomunicación pode arrastrar e afondar na dor dunha familia. 

Outra das estreas en territorio galego, mais xa no marco da Rúa dos Contos, terá lugar na noite do mesmo sábado 21. Chegadas desde Euskadi, as mestras do humor Maribel Salas e Susana Soletopresentarán La maja y la mona (o vicecersa), creación que nace a partir de textos de Yolanda García Serrano. A partir das 23.00 horas, o mercado municipal vivirá unha catarse colectiva na que, desde a risa, o público reflexionará sobre a condición da muller na sociedade actual. A amizade, a hipocrisía, a imaxe estética ou o feminismo son algúns dos temas que aflorarán ao longo desta comedia áxil e de humor garantido. 

O domingo 22 chegará un dos pratos fortes deste FIOT32: a estrea en Galicia do fenómeno escénico da tempada madrileña, Prima Facie. O director peruano Juan Carlos Fischer adapta o exitoso texto de Suzie Miller na versión en español deste texto, logo do seu grande éxito en Londres e Broadway. Unha adaptación na que sobresae a interpretación de Vicky Luengo, unha das actrices máis recoñecidas na actualidade, quen se pon na pel de Tessa, a brillante avogada a quen lle cambia a vida para sempre logo dun impactante acontecemento. A protagonista enfrentarase a todo aquilo no que máis cre para encontrar xustiza e sacar do camiño o que non lle permite ver e descubrir a verdade. Vertixinosa, intelixente e conmovedora, Prima Facie reta ao público a cuestionar os seus paradigmas. As entradas para a función, que comezará ás 20.30 horas, están xa esgotadas. 

Novas estreas absolutas en Metro Cadrado

O sábado 21 terá lugar a segunda xornada do VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Desta quenda, o microteatro ofrecerá dúas estreas absolutas noutras tantas localizacións singulares e pouco habituais para as representacións escénicas, como o son a sala común do Balneario de Carballo ou na tenda especializada en produtos gourmet Adega O’Lagar. 

No balneario da rúa Estrela, a creadora e intérprete Carlota Mosquera presentará Ninguén tira fotos nos enterros, un conto interactivo que reflexiona arredor do imaxinario colectivo da morte e que pon no centro aquelas miradas que, se cadra, desde o mundo adulto protexemos: as miradas da infancia. Pola súa banda, a compañía Espazo Vacío representará na tenda da rúa Valle Inclán, por vez primeira, DestilaPracer, unha proposta que nos convida a comprender o mundo desde a aceptación do corpo coma elemento puro e estético, e non coma un mero obxecto. Ambos espectáculos, cuxo acceso será gratuíto previa reserva de praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com, contarán con catro pases no día: ás 12h, ás 13h, ás 18h e ás 19h. 

Iphixenia chega a Sofán

O domingo 22, ás 19.00 horas, o Centro Social de Sofán acollerá a representación Iphixenia na porta do super, da Compañía Humana, que trae o mito de Eurípides aos nosos días a través dunha moza, interpretada por Alba Canedo, que pasa os seus días inmersa nun bucle de alcohol e apatía mentres que deambula polas rúas da súa vila. Esta Iphixenia presentará un conmovedor monólgo sobre as consecuencias dos recortes sociais. Unha historia de sacrificio, dignidade e esperanza que chega ao FIOT coa colaboración das ascoaciacións de veciños San Salvador e Mulleres Rurais de Sofán. 

O mito de Iphixenia, adaptado ao galego a partir do texto do inglés Gary Owen -coñecido polo público do festival, quen outorgou o Premio do Público 2018 á peza Iphigenia en Vallecas, interpretada por aquel entón por María Hervás-, regresa así á súa programación, desta quenda da man do FIOT en Ruta, a liña do programa que leva as artes escénicas ás parroquias da comarca de Bergantiños. 

AXENDA #FIOT32 | DO 19 AO 22 DE OUTUBRO


Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1)
Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Xoves 19, 20.30h. Pazo da Cultura (andar 0)
Foto cos participantes da exposición Zoom FIOT 2022, coa presenza da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e o director do FIOT, Alberto Sueiro

Xoves 19, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
O deus do pop, de Diego Anido

Sábado 21, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Balneario de Carballo
Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera | Estrea absoluta

Sábado 21, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Adega O’Lagar
DestilaPracer, de Espazo Vacío | Estrea absoluta

Sábado 21, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
Forever, de Kulunka Teatro | Estrea en Galicia

Sábado 21, 23.00 horas. Mercado municipal
La maja y la mona (o viceversa), de Maribel Salas e Susana Soleto | Estrea en Galicia

Domingo 22, 19.00 horas. Centro social de Sofán
Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana

Domingo 22, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Prima Facie, de P. T. Contemporáneas | Estrea en Galicia

20231018-NP-FIOT32-Vicky-Luengo-Kulunka-e-Diego-Anido-no-FIOT