The Rapants inicia esta fin de semana a xira de presentación de La máquina del buen rollo cun dobre ‘sold out’ na Sala Capitol

As entradas para gozar do enérxico directo da banda muradá, finalista nos Premios MIN na categoría de Mellor Artista Emerxente, esgotáronse aos poucos minutos de saír á venda

The Rapants prenderá as luces de La máquina del buen rollo esta fin de semana en Santiago de Compostela. A sala Capitol acollerá, nas noites do sábado 23 e do domingo 24, os dous primeiros concertos da xira de presentación do terceiro LP da banda muradá, que vén de ser recoñecida como finalista na categoría de Mellor Artista Emerxente nos Premios MIN da música independente.

As entradas para asistir á estrea ao vivo do novo disco de The Rapants o sábado 23 esgotáronse aos quince minutos de saír á venda, o que provocou que o grupo reservara unha segunda data no mesmo recinto: as fichas para subir a La máquina del buen rollo para o domingo 24 tan só estiveron á venda algo máis dunha hora, o que provocou o segundo ‘sold out’. Para celebrar a feliz ocasión, os rapantes sorprenderán ao seu público desde a apertura de portadas da Capitol.

La máquina del buen rollo, cuxos nove temas xa suman máis de 250.000 escoitas nas distintas plataformas dixitais, é un retrato fiel de The Rapants, o proxecto musical muradán ateigado de diversión, talento e que conta cunha gran conexión co público nos directos, tal e como se poderá comprobar esta fin de semana en Santiago de Compostela.

A xira de presentación de La máquina del buen rollo continuará este mesmo mes de marzo. Tras ofrecer un concerto sorpresa (venres 29), The Rapants levará o seu directo o sábado 30 a Carnota, no marco da cita Víndemo ver. Á semana seguinte, a banda visitará a Sala Tizón de Xixón (venres 5) e a Festa do Queixo de San Simón de Vilalba (domingo 6). De cara á última fin de semana do mes, os rapantes actuarán no certame Último acorde x Johnnie Walker, que se celebrará o 26 de abril en La Sala do Wizink Center de Madrid.

En maio The Rapants iniciará a xira por festivais. As primeiras citas nas que xa se coñece a participación da banda son Ourensound, Portamérica, Surfing The Lérez, SonRías Baixas ou Osa do Mar, mais non serán os únicos escenarios nos que Matías, Samu, Xanma e Xaquín actúen este verán. Para coñecer todas as datas e mercar as entradas, pódese visitar www.therapants.es 


PRESENTACIÓN DE LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO *

  • Sábado 23 na Sala Capitol
    • 20.00h: Apertura de portas e inicio da festa.
    • 21.00h: Concerto de The Rapants.
  • Domingo 24 na Sala Capitol
    • 19.00h: Apertura de portas e inicio da festa. 
    • 20.00h: Concerto de The Rapants. 

* Os medios que solicitaron a súa acreditación recibirán a confirmación por escrito e indicacións de acceso ao recinto a través do correo electrónico.

Fillas de Cassandra crea a música que fiará a gala dos XXII Premios Mestre Mateo

“É marabilloso poder formar parte da festa do audiovisual galego de xeitos tan diversos como os que poderá ver e escoitar o público este sábado”, sinalan María SOA e Sara Faro, que compuxeron pezas específicas para a ocasión

As creacións musicais de Fillas de Cassandra fiarán a gala dos XXII Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego, que se celebrará este sábado, 23 de marzo, na cidade da Coruña. María SOA e Sara Faro son as responsables das composicións que acompañarán os distintos fitos da cerimonia, ademais de ser parte da súa dinamización a través de distintas actuacións que ofrecerán ao longo da noite. 

“Para nós é marabilloso poder formar parte nesta edición dos Mestre Mateo, artellando composicións para a ocasión, con motivos novidosos que noutros contextos non se poderían dar, e nunha noite na que compartiremos escenario con outros proxectos do país, como é o caso do noso benquerido Mondra. Todo o proceso de creación e desenvolvemento da proposta foi revitalizador e moi enriquecedor”, apuntan María SOA e Sara Faro.

Así, a banda sonora orixinal creada por Fillas de Cassandra fiará musicalmente as distintas escenas que conformarán a cerimonia. É o caso das entregas dos galardóns, do Premio de Honra e doutros momentos do evento, que terá lugar no Coliseum da Coruña e que se poderá seguir ao vivo a través da Televisión de Galicia. 

Fillas de Cassandra regresa á cidade da Coruña tras actuar o 22 de febreiro na Sala INN, nunha adaptación do espectáculo que están a presentar na súa nova xira, nomeada Últimas Dionisíacas. Trátase dunha proposta escénica e musical na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. No directo, no que a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante, tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.

Logo da exitosa estrea das Últimas Dionisíacas o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo (cita á que asistiron máis de 1.400 persoas) e do seu paso pola Coruña, Arzúa, Ribadeo ou BIlbao (acompañando a Zetak no seu Aaztiyen Tour), Fillas de Cassandra actuará tanto en Galicia coma nas localidades de Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun) e Madrid (Sala Sol); así como en grandes citas musicais do territorio peninsular, entre as que se atopan ZEID FEST, Gozo Fest, Ortigueira, El Tingladu ou Revenidas

Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas

  • 30 de marzo. Tui. Festas de San Telmo
  • 31 de marzo. Padrón. Festas de Pascua.
  • 12 de abril. Donostia. Ciclo Bizi ala Iraun.
  • 13 de abril. Barakaldo. ZEID FEST.
  • 24 de maio. Ourense. OurenSound Fest. 
  • 25 de maio. Muras. VIII Romaxe artesá da Chaira.
  • 1 de xuño. Madrid. Sala Sol. 
  • 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest. 
  • 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
  • 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
  • 1 ao 3 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
  • 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas. 

Fillas de Cassandra, finalista en 4 categorías dos Premios MIN da Música Independente

Fillas de Cassandra tamén resultou finalista, co seu álbum debut Acrópoleen catro categorías dos Premios MIN da Música Independente, os galardóns que recoñecen a creación artística, diversidade cultural, o novo talento e a calidade das producións publicadas polas Pemes da industria española.  

O dúo vigués conformado por María SOA e Sara Faro é candidato aos seguintes galardóns: 

 Mellor álbum en galego por Acrópole
– Mellor álbum de música de raíz por Acrópole
– Mellor artista emerxente
– Mellor videoclip por II. Lisístrata (Varre vasoira)

“Estamos moi contentas por todas as alegrías que nos está a dar Acrópole, pero moi especialmente por poder ver, nuns premios tan coñecidos, a tantas compañeiras finalistas, tanto nestas coma noutras categorías. Tanxugueiras, Caamaño & Ameixeiras, Bala, Baiuca, The Rapants, Grande Amore… Isto dá boa conta de todo o potencial e da boa saúde que goza a creación musical en galego”, sinalan. 

A entrega destes recoñecementos, outorgados pola Unión Fonográfica Independiente (UFI), terá lugar o 17 de abril en Zaragoza.

20240320-NP-Fillas-de-Cassandra-Mestre-Mateo