MARIMONDRA 🏳️‍🌈, o sinxelo co que Mondra reivindica con orgullo “ser galego e maricón”, xa está dispoñible nas plataformas dixitais

A nova creación de Mondra, un tema proLGBTIQA+ no que reivindica a creación cuir en galego e feita no país, quere dar voz á disidencia e á diversidade


O tema acompáñase dun videoclip no que o artista e o seu equipo bailan rodeados de froita de orixe galega, á vez que signan e visibilizan termos como “trans”, “lesbiana”, “cuir” ou “marica”



Mondra leva por bandeira “ser galego e maricón”. Por iso, no Día do Orgullo LGBTIQA+, o artista multidisciplinar lanza o seu novo sinxelo, MARIMONDRA, un canto á disidencia e no que reivindica a creación cuir en galego e desde Galicia. O tema está dispoñible desde hoxe nas principais plataformas dixitais.

Ei, son MARIMONDRA / un ser ben dramático / Sempre di meu pai / que nacín fóra do armario” canta Mondra nunha peza na que tamén participa a intérprete Mónica de Nut, unha colaboración que xoga coa dualidade, tanto a nivel musical coma gráfico. “Enfrontamos a sofisticación, neste caso a través do canto lírico, co desenfado”, explica o creador, quen tamén apunta ao vídeo que acompaña o tema (e que codirixe con Adela Otero), un traballo ambientado nunha froitaría algo inusual e na súa diversidade de cores e formas.  

Deste xeito, MARIMONDRA preséntase como un canto proLGBTIQA+ que reivindica, con orgullo, a creación cuir galega, disidente, diversa e inclusiva; feita no país e implicada no territorio. O tema abrangue un discurso tanto lúdico e festivo coma comprometido. En atención ás diversas realidades presentes no colectivo, Mondra e o seu equipo (Jandros Rodríguez e Sabela Domínguez) visibilizan múltiples identidades con orgullo. Así, coa coreografía de Daniel Rodríguez e co asesoramento do proxecto ‘En Lingua de Signos’, signan termos como “trans”, “lesbiana”, “cuir” ou “marica”. 

“Queremos que MARIMONDRA sexa un canto de celebración, de liberación e de orgullo, que poida representar a calquera persoa do colectivo”, asevera Mondra, quen avanza que o tema se poderá escoitar nas súas vindeiras citas en directo. 

MONDRA

Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. O pasado outono publicou ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico, unha proposta que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa; e pola que foi recoñecido recentemente co Premio Martín Códax na categoría de Electrónica

Desde a estrea de ARDĒN na Sala Capitol (setembro de 2023), Mondra ten participado coa súa FOLĪA das ARDENTES en numerosas citas musicais. Este verán será parte do cartel de festivais imprescindibles do noroeste peninsular. É o caso Portamérica, Atlantic Pride, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas ou Osa do Mar, entre outros moitos. 

Mondra publicará o 28 de xuño, Día do Orgullo, ‘MARIMONDRA’, un canto de celebración cuir

O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas deste venres 28 en todas as plataformas dixitais, conta coa colaboración de Mónica de Nut

A proposta artística de Mondra xoga coa dualidade entre sofisticación e desenfado, tanto a nivel musical coma visual

Mondra publicará este venres 28 de xuño, coincidindo coa celebración do Día do Orgullo LGBTIQA+ o seu novo sinxelo, MARIMONDRA, un canto á disidencia e que reivindica a creación cuir en galego e desde Galicia. O tema, no que colabora a intérprete Mónica de Nut, estará dispoñible a partir das 00.00 horas do día 28 nas principais plataformas dixitais.

O creador do universo ARDĒN (Altafonte, 2023) co que está a xirar desde o pasado mes de setembro por escenarios de toda Galicia, lanza desta quenda unha canción pro LGBTIQA+, coa que quere, alén de dar voz á diversidade, facer unha proposta artística que xoga coa dualidade entre “a sofisticación e o nutritivo co desenfado e o saboroso”, segundo sinala Mondra, tanto a nivel musical coma gráfico. Neste sentido, o tema MARIMONDRA acompañarase dunha peza audiovisual que estará dispoñible tamén a partir das 00.00 horas do venres 28 na canle de VEVO do artista.

Pregarda MARIMONDRAhttps://links.altafonte.com/marimondra

20240626-NP-PREVIA-MARIMONDRA

Mondra, Sila Lua, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo súmanse ao Atlantic Pride 2024

A nova escena musical galega convértese en protagonista do festival, que celebrará a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo

No programa do Atlantic Pride está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez e Nebulossa, o dúo que representará a España no Festival da Canción de Eurovisión 2024 este mes de maio con Zorra

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Global Grafic

A nova escena musical galega incorpórase ao cartel do Atlantic Pride 2024. Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo súmanse ao programa do festival, que celebrará a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo.

Deste xeito, o Atlantic Pride será testemuña este verán da FOLĪA das ARDENTES de Mondra, unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega; unha proposta íntima e irreverente a un tempo, da man dunha das voces máis celebradas da escena musical actual e o seu relato de resistencia e celebración. Os Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina bailarán tamén ao ritmo de Sila Lua e o seu singular son, una mestura libre de xéneros a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea. Pola súa banda, O Rabelo e Nenaza convidarán ao público a non deixar de bailar coa súa proposta conxunta, que mestura a música tradicional galega con ritmos como o reguetón, o tecno, o neoperreo e o funk favelaPola súa banda,Catuxa Salom dará boa conta da súa experimentación coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, mentres que Lontreira, de novo viaxando da electrónica á música tradicional, sorprenderá cun caleidoscopio estilístico de sons variados, que van do speak-word ao dream-pop ou mesmo do tecno-folk a un vangardista reguetón. Finalmente, a efervescencia de Amoebo convertirá o Atlantic Pride nunha auténtica verbena galega de sons urbanos contemporáneos, bailes desmedidos, humor e moita diversión. 

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia  e Global Grafic. No seu cartel, ademais destes novos nomes recién anunciados, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Rosa López, Las Ketchup, Lucía Pérez e Nebulossa, o dúo de electropop formado por María Bas e Mark Dasousa, que representará a España no Festival da Canción de Eurovisión este 2024 co seu tema Zorra

O ORGULLO DO NORTE

A Coruña volverá ser a sede do Orgullo do Norte entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular, que moi pronto desvelará novos nomes e actividades. O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito xornadas. En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 como un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia  e Global Grafic. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.

SOBRE AS NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS

Mondra

Mondra é artista, cantareiro e bailador. Medra vencellado á música e ao baile tradicional galego, así como ao teatro e ao audiovisual. Desde 2021 forma parte, como como vocalista e bailador, de DeMente, a compañía de danza Fran Sieira, responsable dunha das pezas con maior percorrido na historia da danza galega. No 2024, recibirá o Premio Alfredo Iglesias, da Revista Coralia, a artista revelación. En setembro de 2023, publica ARDĒN (Altafonte Music Spain), o seu primeiro traballo discográfico, producido por Berto. O álbum presenta unha experiencia musical, visual e performativa, en diálogo coa música tradicional galega. É unha proposta íntima e irreverente a un tempo, un relato de resistencia e celebración.

Os primeiros avances do álbum, SACOdePULGAS e beijos de LK, superan as 50.000 escoitas no Spotify, plataforma na que o artista acumula máis de 17.000 oíntes mensuais. PUNHETA!, en colaboración coas Fillas de Cassandra, supera as 240.000 reproducións na plataforma e máis de 40.000 visualizacións no YouTube, sendo un dos temas máis escoitados no verán do 2023 na Galiza. RUANDO, a carón de AIDA (Tanxugueiras), aglutina preto de 100.000 reproducións no compendio das plataformas.

Mondra estrea o seu primeiro espectáculo, a FOLĪA das ARDENTES, en abril do 2023, dando inicio a unha xira de máis de trinta concertos ao longo de todo o territorio galego. Aclamado pola crítica, o espectáculo foi acollido por grandes festivais galegos como as Revenidas, o Festival da Luz ou o Agrocuir. A FOLĪA das ARDENTES é un espectáculo de gran formato que tende unha man á percusión tradicional galega e á electrónica, e outra ás danzas urbanas. O espectáculo, baixo a dirección artística do bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez, abre unha porta á terra ARDENTE. Son ARDENTES Artur Puga e Julia Sánchez-Biezma, ás percusións; e Sabela Domínguez, Julia Laport, Jandros Rodríguez e Daniel Valde, na danza. Na presentación do álbum ARDĒN, nas salas Capitol e Rebullón, Mondra esgotou todas as entradas días antes dos concertos.

Sila Lua

Sila Lua, artista e produtora galega, leva desde 2017 desenvolvendo o seu son, algo a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea; una mistura libre de xéneros froito da súa crianza española e dos seus anos vivindo e estudando produción musical en Londres. As súas cancións, de forte mensaxe lírico, producións detalladas e unha elegancia misteriosa, valéronlle o título de “diva marciana do novo pop escuro europeo” por parte da prensa especializada.

Este talento emerxente logrou o ano pasado un éxito viral cos seus temas Nada e Quiero llorar, parte da banda sonora oficial da cuarta temporada da serie Élite, de Netflix, e que acumula xa +4M streams combinados e +200k Shazams (Nada alcanzou o posto #160 nas listas globais de Shazam na primeira semana da estrea da  serie). Isto brindoulle a oportunidade de escribir a encargo Tanta vida, canción orixinal da serie de Atresplayer Premium La edad de la ira

Agora presenta o seu primeiro álbum, ROMPE, un traballo conceptual que xira en torno ao mar, os seus símbolos, os seus mitos e a súa inmensidade, e que está composto por 11 cortes. Unha mestura moi coidada de música urbana, electrónica e pop na que a artista estivo traballando o pasado ano e medio xunto ao produtor Mumbai Moon e onde contou con varios músicxs, productorxs e colaboradorxs invitadxs de España, Brasil e Ecuador.

O Rabelo e Nenaza

O Rabelo é un animal humano que gusta de xogar, estar “tranqui” e rir. É antifascista, transfeminista, anarquista a favor da tenrura, os coidados e a violencia reactiva. Nos seus concertos fai música ao xeito en que se facían as festas de antes, as rúas, mesturando a música tradicional galega con xéneros como o reguetón ou o tecno, para convidar á xente a bailar. Xoga coa identidade a través da arte escénica para cuestionar o que é normal e o que facemos co malestar. Explora a mitoloxía, a marxinalidade e o normativo a través da mestura e das expresións artísticas. Da obradoiros de regueifa, fai charlas e debates en centros de ensino e desenvolveu proxectos artísticos arredor da escrita e a música, con publicacións como El libro de Iarnal, Tenruras e raivasBetadine ou os discos Suor e Silva, entre outros.

Nenaza é unha artista drag galega que reivindica a feminidade a través do imaxinario da mitoloxía galega. É un ser fantástico que mestura o etéreo e protector das fadas cun mundo escuro, violento e punk, froito das violencias exercidas sobre as persoas que viven o xénero de forma feminina. Na súa performance utiliza o corpo, o movemento e o son. Máis aló do seu proxecto performativo, en 2022 comeza a súa carreira como DJ mesturando ritmos de neoperreo e funk favela con electrónica e deconstructed, trallando en festas e clubs, ademais de en galerías de arte e museos.

Catuxa Salom

Catuxa Salom é unha artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis potentes da escena folk electrónica do momento. No seu debut discográfico experimenta coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, conseguindo unha sonoridade que nos conecta co noso lado máis salvaxe. De Aimogasta ás montañas de Lugo, a artista constrúe un relato cargado de simbolismo, onde a natureza e o movemento están en primeiro plano. O seu directo magnético e vibrante promete ritmos de baile.

Lontreira

Adriana Cores, Héctor Rodríguez (Rotce) e Iván Barral son os tres compoñentes de Lontreira, grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación. Desde os seus inicios no verán 2022, Lontreira non deixa de dar pasos de xigante na industria musical, compoñendo sen descanso novos temas e argallando directos que logren sorprender ao espectador, converténdose nunha prometedora banda emerxente galega. O seu tema Corazón de toxo foi elixido canción do verán en Galicia en 2022 pola CRTVG e, con ela, visitaron citas tan imprescindibles como o Surfing The Lérez, o Atlantic Fest ou o 17º, entre moitos outros festivais. No ano 2023 foi elixida finalista na categoría de banda emerxente nos 10º Premios Martín Códax da Música, e foi, tamén, unha das 14 bandas seleccionadas entre máis de 300 para participar no MUMI  Músicas do Minho 2023.

Lontreira presentou en 2023 o seu primeiro traballo discográfico, Apnea, que intercala poemas e cancións para ir narrando singraduras da vida a través das conexións especiais cos espazos naturais que lles rodean. Para Héctor Rodríguez, teclista e compositor do grupo, a música é unha vocación que quere transformar en profesión. Para Adri, a música é unha afección “herdada polo ambiente cultural no que me criei na casa” coa que quere transmitir a súa paixón polo medio natural. Pola súa parte, Iván Barral, guitarrista autodidacta e último en incorporarse a Lontreira, é o encargado de lanzar as “balas guitarreiras” que envolven de melodía ao público. Xuntos crean arte, unha arte que queren compartir na terra que a inspira, Galicia, e a complicidade co seu público. Sen dúbida, a troupe pode presumir de cargar cada directo con novidades e postas en escena que pouca xente agarda ver.

Amoebo

Amoebo é efervescencia, unha reconstrución da verbena galega, unha proposta de música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop dos anos 80. Amoebo é festa e diversión sen tapuxos, bailes desmedidos e moito humor, todo isto reflectido en temáticas que tocan o costumismo galego, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega, desde unha visión do neto que mira con nostalxia ao rural desde un entorno máis urbano. 

A banda propón directos cunha alta intensidade que incitan a mover as cadeiras e a chorrear de suor. Amoebo imita o formato orquestra a pequena escala, con interacción co público, bailes e escenografía sen fin. A súa síntese de sons que evocan ao pasado -como o funk pop, as cumbias, as bachatas e os merengues- con sons máis actuais -como o autotune e os drums agresivos- forman un cóctel explosivo que non deixa indiferente a ninguén. A súa é unha proposta interxeneracional e inclusiva, que busca romper estereotipos, con cancións como medicina para a presión da vida cotiá, para crear un espazo de reconciliación coa diversión, o baile, a verbena e o rural galego. En Amoebo no hai cabida para las vergoñas e os complexos. Todos somos libres de gozar do que somos e do xeito que queiramos. 

Amoebo foi ideado e creado en 2022 por Aaron Valle (frontman, cantante e músico), a quen non tardaron en sumarse David Fernández (músico e produtor) e Gloria Campello (produtora e responsable de audiovisuais). Lanzaron o seu primeiro sinxelo, “Primeiro pase”, no mes de abril de 2022, avanzando a súa síntese de sons e dando as primeiras pistas do que sería seu enérxico directo. En verán de 2022 gañaron o concurso Sonidos Mans e participaron no Festival de la Luz, xirando desde entón por múltiples puntos de Galicia. No 2023 avanzan novos singles do que será o seu primeiro LP, Cada vez mellor. Neste traballo, con influencias de artistas como Dua Lipa ou Lali, mesturan o disco, o pop-funk, a electrónica e os ritmos latinos e urbanos actuais, nun cóctel explosivo para non deixar de bailar.


20240220-NP-novas-confirmacions-Atlantic-Pride

Mondra pendura o cartel de entradas esgotadas na Sala Capitol para a FOLĪA das ARDENTES, o espectáculo no que presentará ARDĒN este venres 29

A posta de largo do álbum debut do cantareiro e bailador terá lugar este venres, 29 de setembro, a partir das 21.30 horas, e contará coa participación de Aida Tarrío, Berto, Coro Encaixe, Fillas de Cassandra e DJ Celulite    

Santiago de Compostela prepárase para acoller este venres 29 a FOLĪA das ARDENTES, unha experiencia musical, visual e performativa na que Mondra dará a coñecer, publicamente, o seu álbum debut, ARDĒN.  Na cita, que terá lugar na Sala Capitol a partir das 20.30 horas, o cantareiro e bailador estará acompañado de convidadas especiais, como Aida (Tanxugueiras), Fillas de Cassandra, Coro Encaixe e Berto, produtor do disco. Logo da finalización do espectáculo, no que Mondra revisará éxitos como PUNHETA! ou RUANDO, chegará a PosFOLĪA da man da DJ Celulite. As entradas para esta FOLĪA especial, de gran formato, xa están esgotadas. 

ARDĒN, o álbum debut de Mondra, está dispoñible desde o pasado 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única. Trátase dunha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga, desde a contemporaneidade, coa música tradicional galega.

Conceptualmente, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. E este espazo libertario de Mondra alcanza a súa máxima expresión na FOLĪA, tal e como expresa o artista no Manifesto ARDENTE que acompaña o LP. “Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrías. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece”. 

Deste xeito, a Sala Capitol será testemuña dunha gran FOLĪA das ARDENTES. Será un espectáculo contemporáneo e performativo, cun estilismo e unha iluminación moi coidadas, no que a danza ocupará un papel central. Ás 20.30 horas terá lugar a apertura de portas é, ás 21.30 horas, o antareiro e compositor subirá o escenario. Durante máis dunha hora, Mondra porá de manifesto, coa súa música e ante un recinto ateigado, por que é unha das figuras máis destacadas do novo panorama creativo do país.


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Tras actuar este verán nalgunhas das principais citas da música ao vivo en Galicia, como o Festival da Luz, o Agrocuir, o Festival Revenidas ou o Canteira Fest, este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico.

ARDĒN é unha proposta que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Producido por Berto, conta coa colaboración de artistas como Aida, Brassica Rapa ou Fillas de Cassandra.

20230926-NP-FOLIA-DAS-ARDENTES

Mondra lanza ARDĒN, o seu álbum debut, este 20 de setembro

O primeiro traballo discográfico do cantareiro e bailador, producido por Berto e editado por Altafonte, publicarase este mércores nas principais plataformas dixitais e tamén estará dispoñible en tendas físicas en formato CD de edición limitada e única 

A posta de largo do LP ARDĒN será o 29 de setembro en Santiago de Compostela e as últimas entradas para o directo están dispoñibles a través de www.salacapitol.com

Mondra, unha das voces máis singulares e prometedoras da nova escena musical galega, publica mañá, 20 de setembro, o seu primeiro LP: ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023). Producido por Berto e editado por Altafonte, o traballo estará dispoñible nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única. 

Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participa Fillas de Cassandra, RUMBAMBĀ ou o máis recente RUANDO, o novo sinxelo do artista xunto a Aida, de Tanxugueiras, que viu a luz o pasado 1 de setembro. Todos estes temas formarán parte de ARDĒN, o álbum debut de Mondra, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.

ARDĒé unha celebración, un apoderamento da liberdade, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. O cantareiro exprésao así no Manifesto ARDENTE que acompaña a publicación do LP:

En ARDĒN hōnranoso resistir na terra.Hōnranoso orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario.

Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrīas. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece.

Resoe o berro ardente tanto, tanto como as chocas na Picota. Reluza tanto coma o satēn de Carmela.

Estes cantares van por ti, ARDENTE. Porque ARDĒN é un apoderamento da nosa liberdade.

ARDENTES, a ruare!

O REPERTORIO DE ARDĒN 

O disco debut de Mondra estará composto por dez temas, nos que destacan as colaboracións de Fillas de Cassandra, Aida e Brassica Rapa, ademais da producción de Berto.

ARDĒN

TRōUPELE

Sepultura (TICOTĪ)

PUNHETA! (con Fillas de Cassandra)

SACOdePULGAS

Berce

RUANDO (con Aida)

beijos de LK

RUMBAMBĀ

CARMELA (con Brassica Rapa)

DISCO EN DIXITAL E NAS TENDAS FÍSICAS

Ademais de poder conseguir o LP nas plataformas dixitais, ARDĒN poderá degustarse tamén en formato físico. Cada copia será única e irrepetible. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interviu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como FnacEl Corte Inglés e Amazon.

A CAPITOL ACOLLE O CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ARDĒN O 29 DE SETEMBRO

ARDĒNé unha celebración, un apoderamento da liberdade. Este espazo libertario de Mondra alcanza a súa máxima expresión na FOLĪA das ARDENTES, o vibrante directo do artista que chegará o venres 29 de setembro á Sala Capitol na que será a primera -e singular- presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. “Preparamos unha actuación única, con máis forza que nunca”, avanza o artista. As últimas entradas para a cita están dispoñibles na web oficial www.salacapitol.com.


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra), RUMBAMBĀ e RUANDO (con Aida).

20230919-NP-Mondra-publica-ARDEN