Vimbio publica un EP con 3 cancións interpretadas en directo no Rock in Río Tea 2024
AO VIVO ROCK IN RIO TEA 2024 CONTÉN AS GRAVACIÓNS DAS INTERPRETACIÓNS EN DIRECTO DE PERSEIDAS, EPICURO E MAYDAY
A banda Vimbio segue publicando nova música, desta vez cun EP titulado Ao vivo Rock in Río Tea 2024, no que o grupo presenta a interpretación en directo de Perseidas, Epicuro e Mayday durante a súa actuación no festival ponteareá. Coa presentación da versión en vivo dun dos seus temas máis recoñecidos, Mayday, de Perseidas, e do ata agora inédito Epicuro, o grupo pon enriba da mesa a carta de presentación ao seu enérxico e contundente directo.
Tras o lanzamento do seu máis recente éxito, Eu non quero traballar, Vimbio asenta neste 2025 as bases da súa carreira presentando a súa nova música e un directo co que espera marcar o ritmo da fusión entre o rap e o metal na escena galega. Con este EP a banda resalta a súa aposta por trasladar unha presentación en vivo demoledora dos seus temas, cunha posta en escena á altura do seu son. A banda presentará as seguintes datas da súa xira en 2025 proximamente.
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.