O festival ‘Encantos en Compostela’ encherá Santiago de maxia entre o 18 e o 20 de outubro

Unha vintena de espectáculos familiares, funcións solidarias, obradoiros e sesións de maxia de preto espallarase por Santiago e a súa contorna durante tres días

O público poderá gozar coa mestría de Xulio Merino, o mago Paco, Sara Rodríguez e Óscar Fernández en actividades en horarios de mañá, tarde e noite, todas elas gratuítas

A información sobre o festival pódese atopar en encantosencompostela.com

‘Encantos en Compostela’ é unha iniciativa de Magia en la Manga que conta co financiamento do Concello de Santiago

Santiago e a súa contorna prepáranse para celebraren a primeira edición do festival de maxia Encantos en Compostela entre o 18 e 20 de outubro. Están previstas unha vintena de actividades gratuítas e deslocalizadas en diferentes parroquias e espazos co obxectivo de levar a maxia a todos os recunchos do concello. Xulio Merino, O Mago Paco, Sara Rodríguez e Óscar Fernández serán os responsables dos obradoiros e espectáculos, concibidos para maiores e pequenos, que se desenvolverán en espazos diversos e en horarios de mañá, tarde e noite. Este maratón de ilusionismo está organizado pola compañía Magia en la Manga e conta co financiamento do Concello de Santiago de Compostela.

O programa estrutúrase en grandes bloques: espectáculos familiares, funcións solidarias, obradoiros para todos os públicos e sesións de pequeno formato para adultos para viviren a maxia de preto. Polas mañás, os pases solidarios serán os protagonistas, con actuacións en residencias de maiores e na aula pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), mais tamén será o momento dos obradoiros. Neles nenos e mais adultos poderán aprender sinxelos trucos e converterse en magos por un día para logo deixar a súa xente abraiada cos xogos de maxia aprendidos. Nas tardes toda a familia está convidada a gozar con espectáculos de maxia participativa, entretida e divertida. As noites serán o momento das sesión de maxia de preto para adultos, unha oportunidade para experimentar o ilusionismo a escasos centímetros e nun ambiente íntimo.

Ademais, Encantos en Compostela nace coa vocación de achegar a maxia a todos os recunchos da bisbarra compostelá e nesta primeira edición haberá actividades nas parroquias de San Lázaro, Laraño, Busto, Lavacolla, O Romaño, San Lourenzo, Marrozos, Conxo e Carballal, amais de no centro urbano. Ademais, cómpre salientar que o festival persegue tamén a diversidade, así que vai estar presente en lugares como residencias da terceira idade, hospitais, centros socioculturais e locais comerciais colaboradores. Toda a información sobre as 21 actividades previstas e mais as reservas para a maxia de preto están dispoñibles na web encantosencompostela.com.

OS ARTISTAS

Xulio Merino, considerado unha das grandes promesas deste eido, é coñecido pola súa pericia na maxia de preto e máis concretamente coas esponxas. Nos seus 13 anos de traxectoria xa leva pasado por medio cento de festivais dunha ducia de países, por programas de televisión como El hormiguero ou Penn & Teller: Fool Us e por numerosos campionatos, seducindo co seu estilo hilarante e absurdo e sempre armado cunhas poucas boliñas. O seu xeito de adaptar a maxia a calquera condición escénica fai que cada actuación sexa unha experiencia única e extremadamente divertida.

Fran Otero chegou ao mundo da maxia desde o seu traballo como animador infantil. Logo de se formar con mestres en distintas disciplinas como o teatro, a maxia cómica, o clown, os monicreques ou a expresión corporal, converteuse en O Mago Paco, un dos poucos especialistas galegos no eido da maxia infantil. Os seus espectáculos caracterízanse por mesturaren as artes escénicas coa maxia e por alentaren a participación do público. O resultado son sesións únicas cheas de fantasía e de gargalladas para toda a familia.

Sara Rodríguez cultiva unha maxia profesional, coidada e impactante, chea de imposibles que deixan abraiado a calquera espectador. A súa gran paixón é a maxia con cartas e lévaa a outro nivel grazas á súa meticulosidade e atención ao detalle. Detrás da súa aparencia formal, sempre garda un as na manga: un humor cáustico e intelixente no que non falta a retranca.

Óscar Fernández gusta de encher a súa maxia de significado e ten un estilo que se pode describir como vangardista, pero cunha marcada influencia dos grandes mestres da maxia clásicos e modernos. Nas sesións familiares preséntase como un mago moderno e pillabán. Mais cando fai maxia de preto para grupos reducidos deixa ceiba a súa face máis artística, contemporánea e subversiva, buscando provocar o pensamento do seu público.

SOBRE ‘MAGIA EN LA MANGA’

Magia en la Manga é unha compañía profesional de ilusionismo conformada por Óscar Fernández, Sara Rodríguez e Carlos Tomico, tres magos galegos con máis dunha década de experiencia sobre todo tipo de escenarios no territorio nacional. Os tres contan cun estilo propio pero comparten o obxectivo común de difundir e poñer en valor a maxia como arte escénica de pleno dereito.

Dende a súa orixe no 2018, Magia en la Manga especializouse en producións de formatos diversos para público familiar. Un ano despois da súa creación, no 2019, a compañía foi recoñecida no Pont-Up Store 2019 como o mellor proxecto de emprendemento na categoría de Formación, Educación, Arte e Cultura pola súa orixinalidade, calidade e profesionalidade. No 2023 converteuse na primeira compañía de maxia asociada a Escena Galega e abriu en Vigo a primeira escola de maxia de Galicia.


MÁIS INFO | https://encantosencompostela.com

20241009-NP-Festival-maxia-Encantos-en-Compostela