As arpistas máis novas de Galicia abren mañá, 8 de agosto, a 11ª edición do Noia Harp Fest
O Liceo de Noia acollerá desde as 10.30 horas o III Encontro das Escolas de Arpa de Galicia, que contará coa participación do alumnado de cinco centros,e que culminará cun concerto colectivo a partir das 13.30 horas
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia ofrecerá, até o sábado 10 de agosto, diversos concertos de música clásica, folk, experimental e jazz en seis escenarios diferentes da localidade coruñesa
O coñecido como Noia Harp Fest, o único evento do noroeste peninsular dedicado á interpretación musical a través da arpa, comeza este xoves, 8 de agosto, a súa 11ª edición. O evento arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación e crear unidade entre as e os instrumentistas máis novos do país, e que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos).
Así, un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos, acompañados por membros da Asociación Noia Harp Fest, desde as 10.30 horas da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no mesmo Liceo e, como peche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común. O acceso á dita actuación será de balde para o público.
Xa en horario de tarde, as dúas ducias de estudantes de arpa de Galicia que participarán neste III Encontro poderán gozar dunha sesión de navegación en embarcacións tradicionais e convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes.
Finalmente, a xornada inaugural deste 11º Festival Internacional de Arpa Vila de Noia pecharase ás 20.00 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, que se celebra por vez primeira a ceo aberto na Rúa do Curro -que se estrea, á vez, como sede do evento-. Na folía participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final chegará da man da banda do NHF.
NOIA HARP FEST
O Noia Harp Fest celebra a súa 11ª edición do 8 do ao 10 de agosto. Trátase do único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, ademais do talento local, forman parte dun cartel ateigado de talento e pluralidade estilística.
O Noia Harp Fest, codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, ten neste 2024 seis escenarios: a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a Praza do Tapal, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. Toda a información sobre as bandas, solistas e horarios dos concertos pódese consultar en www.noiaharpfest.gal.
AXENDA NHF | 8 DE AGOSTO
10.30h – Liceo de Noia | Inicio do III Encontro das Escolas de Arpa de Galicia.
13.30h – Liceo de Noia | Concerto colectivo do alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
20.00h – Rúa do Curro | Foliada de benvida ao 11º Noia Harp Fest.
20240807-NHF-Axenda-xoves-8