por martinho | Oct 8, 2017 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Centro Cultural Vello Cárcere (rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34) a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra a sétima edición de Letra das Festas, revista oral que ten lugar polo San Froilán. Será no salón de actos do Centro Cultural Vello Cárcere, o martes, 10 de outubro, ás 18:00 horas, con entrada gratuíta até completar aforo.
Contan:
- Fernando Arribas
- Xosefa Anllo Fernández
- Aida Soengas
- Aurora do Carballiño
- Amador Porta Alfonsín
Ambientación musical:
Coordinan e presentan
*Información facilitada pola AELG
por martinho | May 24, 2017
Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017
Sábado, 27 de maio de 2017, ás 18:00 horas
Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, Avenida Alcalde Anxo López Pérez, 34 (como chegar)
Co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo.
Entrada libre
Acto de entrega dos diplomas acreditativos de MESTRAS DA MEMORIA ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e do diploma de MESTRE DA MEMORIA a Serafín Mourelle Bugallo, da Coruña.
Ademais das persoas homenaxeados, intervirán no acto:
- Xosé Iglesias, mariñeiro e poeta
- Isidro Novo, escritor
- Poldo Cañizo, escritor
- Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG
- Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG
A música corre a cargo de Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado.
Presentación: Antonio Reigosa
Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.” (Poldo Cañizo)
Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto)
A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, na Avenida Alcalde Anxo López Pérez, 34 (como chegar).
O obxectivo principal da Gala é a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.
O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.
Pódese consultar aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o vindeiro sábado se engadiran as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.
Fonte: AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega)