Este sábado homenaxe a Rosalía con Eva Veiga e o grupo Ouriol na Casa-Museo Manuel María

A poeta e comunicadora Eva Veiga estará este sábado, día 22 de febreiro, véspera do día de Rosalía, na Casa-Museo Manuel María, para levar a cabo un marabilloso e emocionante recitado de poemas de Rosalía de Castro e Manuel María, baixo o título FIAR NA PALABRA.. Será ás 19 horas dentro dun espectáculo poético-musical-plástico titulado Fiar na palabra, en que estará acompañada polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o artista Alfonso Costa.

Os catro fan parte do grupo Ouriol, formación comprometida desde hai máis de vinte anos coa comunicación da poesía no noso idioma, tendo, desde os seus comezos, no seu repertorio os recitais dedicados á nosa poeta máis universal, Rosalía, como tamén ao propio Manuel María.

A realización do recital, cunha duración aproximada de cincuenta minutos, consistirá na recitación dunha escolla de poemas das obras de Rosalía e Manuel María, elaborada pola propia Eva Veiga. Un ritmo recitativo en avinza coa música improvisatoria interpretada por Bernardo Martínez –guitarra, saxo, percusión e xoguetes musicais- e Fito Ares –frauta e clarinete-. Sonoridades a crearen atmosferas igualmente constituídas en aparencia e intensidade por unha axeitada iluminación e por unha estética visual baseada na proxección das imaxes realizadas ex profeso polo artista Alfonso Costa.

A actividade é de entrada libre mais é necesario previamente facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621