Momi Maiga, Descofar e Camille Levecque pechan este sábado a 11ª edición do Noia Harp Fest

O Claustro de San Francisco e a Praza do Tapal acollerán este sábado 10 os tres últimos directos -de acceso gratuíto ata completar capacidade dos recintos- do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que bota mañá o pano

O percusionista senegalés e o trío bretón actuarán por vez primeira en Galicia no marco do evento, no que Levecque ofreceu no 2017 un exitoso espectáculo para público infantil e xuvenil 

O Noia Harp Fest despedirase este sábado da súa 11ª edición con tres concertos de altura e que terán lugar en dous espazos emblemáticos da localidade coruñesa: o Claustro de San Francisco e a Praza do Tapal. O virtuoso percusionista senegalés Momi Magia, a francesa Camille Levecque e os bretóns Descofar porán o ramo ao Festival Internacional de Arpa Vila de Noia con tres actuacións que, de seguro, quedarán para o recordo do público asistente.

A xornada comezará ás 19.00 horas coa estrea do Claustro de San Francisco (Casa do Concello) coma nova sede do Noia Harp Fest, que acollerá o recital da intérprete francesa Camille Levecque, quen volve formar parte do cartel logo da súa participación no ano 2017 co espectáculo infantil e xuvenil El arpicuento. Nesta ocasión, será un concerto íntimo -entrada de balde e libre ata completar a capacidade do espazo- no que o público do festival poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo desta recoñecida arpista, quen ademais de actuar nas mellores salas europeas con formacións orquestrais, tamén ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger. 

Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá dous directos -cuxo acceso tamén será gratuíto- nunha noite marcada pola experimentación e pola estrea en Galicia dos seus protagonistas. A sesión comezará con Descofar, un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest pasa da disonancia ao lirismo, e dos arpexos brillantes aos riffs ruidosos, todo coa intención de reivindicar a emoción a través do son. O seu primeiro LP, Chimera (2022), mestura temas orixinais, composicións tradicionais e cultura rock. O movemento estará garantido. 

A continuación, o peche do 11º Noia Harp Fest chegará tamén co debut en Galicia do cantante e intérprete senegalés afincado en Cataluña Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, quen presentará o seu primeiro disco, NIO, no que combina o jazz étnico, o flamenco e os son das súas raíces mandinka. Sobre o escenario, a partir das 22.00 horas, os sons da kora, do violín, do violonchelo, da percusión e da voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular entre os límites da creación musical contemporánea e da tradición oral de Senegal.



NOIA HARP FEST

O Noia Harp Fest celebra a súa 11ª edición do 8 do ao 10 de agosto. Trátase  do único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, ademais do talento local, forman parte dun cartel ateigado de talento e pluralidade estilística

O Noia Harp Fest, dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, ten neste 2024 seis escenarios: a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a Praza do Tapal, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. Toda a información sobre as bandas, solistas e horarios dos concertos pódese consultar en www.noiaharpfest.gal

AXENDA NHF | 10 DE AGOSTO

19.00h – Claustro de San Francisco | Camille Levecque (Francia)

21.00h – Praza do Tapal | Descofar (Bretaña)

22.00h – Praza do Tapal | Momi Maiga (Senegal)

20240809-NHF-Axenda-sabado-10

O Noia Harp Fest comeza este xoves, 8 de agosto, coa arpa coma protagonista absoluta

O Noia Harp Fest, o único festival do noroeste peninsular no que a arpa é protagonista absoluta, celebrarase do 8 ao 10 de agosto

A 11ª edición do evento musical conta no seu cartel con figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk, mais tamén co alumnado das escolas de arpa de Galicia

A música clásica, folk, experimental, rock e jazz farán vibrar á localidade coruñesa con directos en seis escenarios: Liceo de Noia, Claustro de San Francisco, Igrexa Museo de Santa María A Nova, Rúa do Curro, Teatro Coliseo Noela e Praza do Tapal

O acceso aos oito concertos que se celebrarán ao longo destas tres tornadas será libre ata completar a capacidade dos recintos.


O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, celebrará a súa 11ª edición do 8 ao 10 de agosto. O único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa regresa á localidade coruñesa para ofrecer, un verán máis, tres xornadas ateigadas de talento, música e pluralidade estilística nas que o protagonista absoluta será, de novo, dito instrumento.

A interpretación a través da arpa será o fito que reúna en Noia, este mes de agosto, a bandas e solistas chegadas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania, que se amosarán a súa notable calidade artística en eidos como a música clásica, o folk ou mesmo o jazz. Figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk serán parte dun cartel que, como é habitual, tamén integrará artistas e colectivos galegos.  

O Noia Harp Fest, codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, este ano contará con máis escenarios ca nunca: un total de seis espazos serán sede do evento, á fin de poder ofrecer desde concertos íntimos até propostas máis amplas. Deste xeito, os directos terán lugar nas xa habituais Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal; e ás que se unen, nesta ocasión, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. A programación desenvolverase cada xornada en dous recintos diferentes, á fin de espallar a proposta musical pola localidade e, como vén sendo habitual no evento, a entrada de todos os directos será de balde. 

O 11º Festival Internacional de Arpa Vila de Noia arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do  Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos do país, e que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos). Un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos desde primeira hora da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no mesmo Liceo e, como peche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común. 

Xa en horario de tarde, o alumnado galego de arpa poderá gozar dunha sesión de convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes. A xornada inaugural pecharase ás 20.00 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na Rúa do Curro, que se estrea como sede do festival. Nesta folía participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final virá da man da banda do NHF

A segunda xornada do 11º NHF transitará polas músicas de raíz. A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta e cuxos vídeos contan con millóns de visualizacións na plataforma Youtube, ofrecerá un recital ás 19.00 horas do venres 9 en Santa María A Nova, nunha cita na que se poderán escoitar temas dos seus álbums en solitario. Pola noite a programación terá lugar no Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará Solomiia Savchuk, moza ucraniana residente en Ferrol e destacada intérprete de bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laúde; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que achegará un dos directos máis esperados deste NHF. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de ‘clarsach’ (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e darán a coñecer o seu álbum máis recente, élan (2023), un traballo no que presentan unha animada mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man.  

A terceira e última xornada desta edición chegará o sábado 10 de agosto, día no que a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do evento. Será un concerto íntimo no que o público poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo dunha intérprete que, ademais de ter actuado con diversas orquestas nas principais salas europeas, ten colaborado con artistas internacionais como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger. 

Xa pola noite, a partir das 21.00h, a emblemática Praza do Tapal acollerá directos marcados pola experimentación. O trío Descofar, que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”, presentará o seu LP Chimera, no que mestura composicións orixinais, temas tradicionais e cultura rock. A banda transita da disonancia ao lirismo e dos arpexos brillantes aos riffs ruidosos, polo que o movemento estará garantido. O peche e punto álxido da celebración chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO. Sobre o escenario, a kora, o violín, o violonchelo, a percusión e voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular, a camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.




PROGRAMACIÓN DE CONCERTOS * DO 11º NOIA HARP FEST

8 DE AGOSTO

10.30h – Liceo de Noia | Inicio do III Encontro das Escolas de Arpa (Galicia)

13.30h – Liceo de Noia | Actuación do alumnado das Escolas de Arpa (Galicia)

20.00h – Rúa do Curro | Foliada de benvida ao Noia Harp Fest (Galicia)

9 DE AGOSTO

19.00h – Santa María A Nova | Nadia Birkenstock (Alemaña) 

21.00h – Teatro Coliseo Noela | Solomiia Savchuk (Ucraína)

22.00h – Teatro Coliseo Noela | Rachel Hair & Ron Jappy (Escocia)

10 DE AGOSTO

19.00h – Claustro de San Francisco | Camille Levecque (Francia)

21.00h – Praza do Tapal | Descofar (Bretaña)

22.00h – Praza do Tapal | Momi Maiga (Senegal)


* Todos os concertos do Noia Harp Fest son de balde e de acceso libre ata completar capacidade.

Mais información: www.noiaharpfest.gal

20240805-NHF-Previa-GAL