OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado
Título do libro: De catro a catro. Manuscrito orixinal
Autora: Manuel Antonio
Editorial: Alvarellos Editora
Ano de publicación: 2021
Eu que son de terra, que se me perdeu no mar? Coido que, talvez, un anaco de corazón. Calquera que ame esta terra está mirando para o mar de vez en cando, está lanzando preguntas a un horizonte.
Tras o triste acontecemento do naufraxio do “Vila de Pitanxo” en augas de Terranova decido acudir á poesía, á nosa poesía de mar –o sal sandando asferidas. Leo, así, poemas de Antonio García Teijeiro, Manuel Rivas ou Elvira Ribeiro e é como chorar sobre auga, conmoverse a sabendas que nada podemos mudar, abrazándonos a esta fraxilidade que nos define. Porén, o salto cronolóxico vén da man de Manuel Antonio. De súpeto, aparece coma un faro e volvo a De catro a catro. Desta vez fágoo nunha fermosísima edición, coidada até o detalle, de Alvarellos.
Case un século despois da súa saída ao prelo, De catro a catro. Follas d’undiario d’abordo segue estando de plena actualidade. Mudaron as estradas, os ferrocarrís, mais o mar non tanto. Quizais porque el mellor que ninguén pode presumir de indomábel. E nas páxinas deste poemario, empapadas aínda envangarda, atopamos a soidade, o medo, a calma, a admiración que provoca este xigante. Até as notas que o autor deixa estratexicamente apartadas do poema amosan unhas imaxes potentísimas, que nos revelan que a poesía,cando realmente o é, perdura nos límites do tempo. Velaquí un exemplo:
“O mar adentro é unha illa d’auga
rodeada de ceo por todas partes”.
Non veño a descubrir nada, a crítica xa salientou no seu día o valor da edición deste manuscrito. Tan só detéñome neste oasis, e convido a que se deteñan,para lembrar a figura de Manuel Antonio e a aqueles que perderon a vida no mar.