Presentación da obra “IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria”, de varias autoras, na Casa da Cultura de Vilalba

Este sábado presentarase en Vilalba, ás 12 h. na Casa da Cultura, o libro IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria. Nesta obra, editada por Alvarellos Editora, coa axuda económica do Concello de Vilalba, oito autoras actuais renden homenaxe ás mulleres silenciadas das Irmandades da Fala (1916-1936).

As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.

As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.

Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e coordinado por Beatriz Dourado. A capa é obra de Adolfina Mesa.

NP_G_Irmas_alvarellos-ed_2023

Conversa con… Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro na Biblioteca Rural San Martiño de Pino

O vindeiro 7 de xaneiro de 2023, a partir das 17 h., a Biblioteca Rural San Martiño de Pino (no local social, antiga escola de Pino) acollerá unha conversa literaria cos escritores Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro. Este encontro literario, que será moderado por Martiño Maseda, está organizado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino e a Biblioteca Rural San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ, a Editorial Galaxia e a Librería Díaz.

Presentación das obras gañadoras do IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA no Museo das Aves de Cospeito

O vindeiro sábado, 17 de decembro, ás 17 h. no Museo das Aves de Cospeito celebrarase a presentación das obras gañadoras no IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, Contra-Tempos, de Andrea Fernández Maneiro, e Río Carne, de Rafael Lobelle González, editadas baixo o selo de Tris-Tram.

Este certame literario, que vai pola súa quinta edición, está convocado conxuntamente entre o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ.

Fallo do V Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

O pasado venres, 11 de novembro, celebrouse a xuntanza do xurado do V Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ e a Xunta de Galicia, e acordou conceder por maioría de votos o seguinte fallo:

1º Premio: CARTOGRAFÍA DOS TRÁNSITOS, de Maurizio Polsinelli

2º Premio: CAEIRO, de María Mercedes Rodríguez Bolaño

Da obra gañadora, CARTOGRAFÍA DOS TRÁNSITOS, o xurado salientou que se trata dun traballo artesanal da palabra poética, dentro dunha proposta desenvolvida con técnica e elegancia. Ademais de destacar a súa riqueza en recursos expresivos e referencias cultas e evocadoras, acaídas con moi acertada habilidade. Estruturalmente equilibrado e cunha excelente musicalidade.

De CAEIRO citou a súa plasticidade e emprego de imaxes poderosas. En ocasións presenta un ritmo sincopado, e unha contención que evita a saturación ornamental, cunha forza metafórica suxestiva.

O xurado estivo integrado por Adolfina Mesa, artista multidisciplinar; Andrea Fernández Maneiro, escritora e gañadora da pasada edición do certame; Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario; Beatriz Dourado, escritora e profesora, e Xosé Otero Canto, escritor e profesor.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado, 19 de novembro, ás 18 h. no local social de Pino, onde previamente, ás 17 h., se realizará a inauguración da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino.

Presentación do libro ‘intraGUERRAS’, de Beatriz Dourado, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro venres, 18 de novembro, ás 19:30 h celebrarase no salón de actos da Casa de Cultura de Vilalba a Presentación-Recital do poemario intraGUERRAS, de Beatriz Dourado. O acto organizado por Culturalia GZ, coa colaboración do Concello de Vilalba, contará coa participación da citada autora, acompañada de Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ.

intraGUERRAS, publicada pola Editora Urutau neste 2022 e con prólogo da artista multidisciplinar Luz Darriba, foi a obra coa que a escritora Beatriz Dourado resultou gañadora no VII Premio Maria Mariño de Poesía.

De xeito simbólico, no transcurso do acto haberá o reparto de mazás combativas, nun proceso de interacción co público asistente.