Representación da obra de teatro FORMIGAS NO PETO, por Ítaca Teatro, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba, organiza a representación da obra FORMIGAS NO PETO, dirixida por JOSÉ CAMPANARI e interpretada por CARLOS REBOLO, a cargo do grupo ÍTACA TEATRO, dentro do CIRCUITO DE TEATRO PROFESIONAL convocado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo para o presente ano 2024.

A representación terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o SÁBADO 19 DE OUTUBRO DE 2024, ás 20:00 horas.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.

NOTA-INFORMATIVA-FORMIGAS-NO-PETO-copia

Ciclo Mestre Mateo. Proxección da película FATUM no Auditorio de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película FATUM, de JUAN GALIÑANES, continúando co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta segunda proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o XOVES 10 DE OUTUBRO DE 2024, ás 20:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-FATUM

Presentación do libro FRAGOR DO URDIDO, de Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval, na Casa da Cultura de Vilalba

Este venres, 20 de setembro, ás 20 horas na Casa da Cultura de Vilalba celebrarase a presentación da obra Fragor do urdido, da poeta Eva Veiga e do tamén poeta e narrador Francisco X. Fernández Naval. A edición da obra correu a cargo de Belagua Ediciones y Comunicación.

Na presentación, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Vilalba e a web Culturalia GZ, acompañarán aos autores da obra, a Concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez López, e o Administrador de Culturalia GZ, Martiño Maseda.

A eumesa Eva Veiga é unha das voces salientables dentro do panorama poético galego. Leva publicados unha ducia de poemarios, entre eles A luz e as súas cicatrices (2006), A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e premio Poesía da AELG), Soño e vértice (2016, premio Poesía Concello de Carral e premio da Critica Española en galego). Canda os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o pintor Alfonso Costa forma o Grupo Ouriol. Sen esquecer as súas colaboracións como actriz e guionista coa cineasta Margarita Ledo Andión.

O ourensán Francisco X. Fernández Naval, poeta e narrador, coincide coa súa compañeira de autoría en FRAGOR DO URDIDO no número de libros de poesía publicados en distintos lugares da orbe (Galicia, París, México ou Nova York, salientando títulos coma Mar de Lira (2005, 2023), Miño (2007, premio Poesía Cidade de Ourense), Bater de sombras (2010, premio Fiz Vergara Vilariño), Nova York: ceo e mazá (2007, edición trilingüe). A súa obra poética está traducida a outras linguas.

Sobre a obra Fragor do urdido, que este venres se presenta na capitalidade chairega, recollendo palabras incluídas no seu prólogo, dicir que é unha intervención poética sobre un tempo confinado, o da pandemia por Covid-19. A poesía como exercicio creativo que é movemento de apertura e liberación. (…) O resultado é un conxunto de cincuenta poemas sen ningunha marca de autoría de modo que a particular subxectividade, tan propia do xénero poético, perde importancia a prol desa voz colectiva ou fonte común da que, ao cabo, emerxe toda obra artística.

*Imaxes tomadas da internet

Entrega de premios do VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2024, na Casa da Cultura de Vilalba

O salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba acolleu no mediodía deste sábado 7 de setembro a entrega de premios do VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2024, que convoca anualmente o Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ. O acto, presidido pola concelleira de Cultura de Vilalba, Tamara Rodríguez López, contou tamén coa participación do representante do xurado, Daniel Irimia Yáñez (que falou no seu nome e no de Emma Pedreira e Mercedes Queixas Zas, tamén integrantes do xurado e que non puideron asisitir), o editor e director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, e o administrador de Culturalia GZ, Martiño Maseda, que foi o condutor de dito evento.

No acompañamento musical contouse coa participación da agrupación Buxos Verdes

A relación de persoas premiadas, que, ademais de recolleren cadanseu premio, leron o seu microrrelato, foi a seguinte:

Categoría Infantil:

3º Premio Deserto

2º Duarte Mariño Torrado, co microrrelato O poliño lector

1º Nicolás Salgueiro Alonso, co microrrelato Arquiinimigos

Categoría Xuvenil:

3º María Fernández Escaríz, co microrrelato Ondas

2º Paula Pérez Cendán, co microrrelato Soa

1º Lucía Domínguez Pereira, co microrrelato Rebelde

Categoría Adulta:

3º Carlota Millor Prado, co microrrelato Salvavidas

2º Sonia Martínez López, co microrrelato Reflector

1º Pedro Naveira Pedreira, co microrrelato Erro

As obras arriba citadas, xunto coas premiadas na edición do 2023, verán a luz o ano vindeiro nunha publicación que realizará Alvarellos Editora, editorial que tamén se encargou de levar ao prelo os dous primeiros volumes deste certame de narrativa hiperbreve que se vai consolidando no panorama literario galego.

A continuación unha ESCOLMA FOTOGRÁFICA que recolle distintos momentos da entrega de premios.

(Autoría das imaxes: Sonia García e Patricia Torrado)

Presentación do foto-libro LUMES, de Adra Pallón, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba

O venres 6 de setembro de 2024, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, terá lugar a presentación do FOTO-LIBRO “LUMES”, do fotógrafo lucense ADRA PALLÓN.

NOTA-INFORMATIVA-LUMES_ADRA-PALLON