O luns 31 de outubro ás 19,00 h, no salón de actos do Centro sociocultural de Monterroso, terá lugar o acto de Conmemoración dos 800 anos da Feira de Santos organizado polo Instituto de Estudos Ulloáns.
A vila de Monterroso celebra a Feira de Santos dende hai máis de oitocentos anos de xeito ininterrompido, o que a convirte na feira con máis antigüidade e tradición de Galicia. Foi no ano 1219 cando o rei Alfonso IX de León concedeu en Monforte, ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, o pedaticum do sal vendido en Monterroso dúas semanas antes do 1 de novembro. Dende entón a Feira de Santos celebrouse todos os anos, durante oito séculos, excepto no ano 1918, debido á epidemia de gripe, e no ano 2020, debido á do COVID.
O acto, coordinado pola filóloga e historiadora María José Gómez Alvite, comezará coas intervencións de Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso, e de Francisco Pardo, director do Instituto de Estudos Ulloáns, seguidas da lectura dun fragmento da Crónica Compostelana e de textos de Otero Pedraio, Manuel Amor Meilán, Darío Xohán Cabana, Miguel Yebra Varela, Antonio Xiz Ramil e Lorenzo Varela por parte dos ex-alcaldes Luis Pereiro e Miguel Rico, os concelleiros Eloy Pérez e Rocío Díaz, as profesoras Marisa Madriñán e Marta Saavedra, o escritor Xosé Luis Santiso e o historiador Jesús Otero Pereiras.
O poeta Toño Núñez, o músico José Miguel G. Miguélez e o actor Brais Gayoso interpretarán no acto obras do romanceiro galego.
O sacerdote e historiador D. Carlos Méndez Vázquez, fundador e propietario do Museo Parroquial de Monterroso doou o seu museo ao Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) e ao Concello, coa condición de que as pezas da súa extensa colección pasen a ser propiedade do Concello de Monterroso e a xestión do futuro museo sexa realizada en exclusividade polo Instituto de Estudos Ulloáns.
A colección está formada por pezas de grande interese histórico (muíños prerromanos, verracos, ídolos, tégulas, pezas de tear romano, ventás visigóticas, capiteis románicos…) que D. Carlos Méndez recolleu e catalogou durante décadas, algunhas encontradas ou mercadas polo historiador, e outras doadas polos veciños de Monterroso ou cedidas en depósito. A tipoloxía das pezas é moi variada, abrangan restos históricos de diferentes épocas, e de moi diferentes temas (culinario, espiritual, festivo, artístico, documental).
Como herdeiros deste prezado legado, o IEU e o concello de Monterroso proxectan a creación dun gran complexo museístico integrado por un Centro de Interpretación da Feira, o Museo Carlos Méndez (arqueoloxía, historia e etnografía), unha Aula-taller de restauración, a biblioteca, o arquivo e unha sala de usos multíplices, agrupados todos eles baixo a denominación xeral de Museo de Monterroso.
O Museo de Monterroso será instalado no edificio do antigo centro de saúde da vila (actual sede do IEU), ocupando as tres plantas do mesmo. Na planta baixa instalarase a Aula-Taller de restauración e a sala de actos e exposicións, e na planta segunda a biblioteca especializada e o arquivo. Na planta primeira localizaranse o Centro de Interpretación da Feira, con tres grandes salas (“O enclave da feira”, “Os feirante”s e “As mercadorías”) e o Museo Carlos Méndez, con outras tres salas (“Etnografía comarcal”, “Dende as orixes de Monterroso ata a década dos 20 do século pasado”, “O último século da historia monterrosina”).
O Instituto de Estudos Ulloáns será o responsable da xestión, motivo polo que a Xunta de Goberno creou a Comisión de Xestión do Museo de Monterroso, integrada por unha directiva (directora, dous vicedirectores e conservador), unha ampla representación do concello de Monterroso e unha serie de vogais socios do IEU e de asesores externos. A directora do Museo do Monterroso será a historiadora María José Gómez Alvite e os vicedirectores serán o presidente e vicepresidente do IEU, Francisco Pardo Teijeiro e Jesús Otero Calvo. A D. Carlos Méndez se lle concederá a distinción de director honorario.
Trátase dun ambicioso proxecto museístico interactivo, dirixido ao público en xeral pero tamén a investigadores e estudosos das feiras e da historia da comarca da Ulloa. Un complexo museístico que pretende ser un referente de dinamización cultural da Galicia rural.
O IEU participa con diferentes actividades nas feiras comarcais máis destacadas, como as Feiras do Libro, Feiras do Queixo da Ulloa, Feira dos Bicos. E non podía faltar na feira das feiras que é a de Santos de Monterroso (1 de novembro de 2019). Este ano organizan, en colaboración co Concello de Monterroso, os Cantares de Cego, recuperando unha vella tradición e a idiosincrasia da feira monterrosina. Contarán coa actuación do socio, o escritor, poeta e cantor Toño Núñez; do animoso acordeonista Xosé Manuel Miguélez de Santo Xusto; e do pícaro máis ocorrente, Brais Gayoso. Tres personaxes que darán moito que falar. As actuacións, como se facía tradicionalmente, non terán lugar nun espazo único nin a unha hora determinada, senón que os actores percorrerán a feira, e alí onde haxa un lugar axeitado e concorrido interpretarán os seus romances. Unha cita imprescindible.