A Comunidade Galega de Cataluña leva ao Gran Teatre do Liceu de Barcelona o seu espectáculo ”Unha Xeración. Dous Mundos”
A Comunidade Galega de Cataluña leva ao Gran Teatre do Liceu de Barcelona o seu espectáculo “Unha Xeración. Dous Mundos”
A gala de teatro musical é unha homenaxe á emigración galega chegada a Cataluña nas décadas dos 60 e 70
A Comunidade Galega de Cataluña presentará o próximo 10 de decembro ás 18.00 horas, no Gran Teatre do Liceu de Barcelona o seu espectáculo “Unha Xeración. Dous Mundos”.
“Unha Xeración. Dous Mundos” é unha gala de teatro musical que explica varias historias da Emigración Galega en Cataluña desde a década dos 60 e 70 ata os nosos días, unha época na que se crearon a maioría de Centros Galegos e Casas de Galicia, así como institucións sociais e empresariais, contribuíndo a construír e mellorar a nosa sociedade e a terra de acollida, Cataluña.
Por iniciativa da Casa Galega de L’Hospitalet e Xuntanza de Catalunya, “Unha Xeración. Dous Mundos” é unha realidade grazas á suma de máis de vinte entidades galegas colaboradoras (Comunidade Galega de Catalunya) e ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Deputación de Barcelona, así como AEGA-CAT (Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña).
“Unha Xeración. Dous Mundos” conta cun elenco de máis de 250 participantes, actores e músicos, que darán vida a un guión escrito por Xosé Carlos García e Manuel Prados. Os recoñecidos artistas galegos Artur Puga e Xisco Feijoó son, pola súa banda, directores artísticos da obra, cuxa dirección teatral e musical recae en Cote González e Xurxo Gándara, respectivamente. Por outra parte, Fidel Vázquez é o responsable da iluminación do espectáculo, mentres que Alberto Quintá é o responsable de son.
Música, baile, teatro e emoción daranse cita neste espectáculo, que levará Galicia á capital catalana, para homenaxear a todas aquelas persoas que tiveron que vivir “entre dous mundos”.