‘Valentina’ protagoniza a clausura da IV Semana do Cinema Galego este domingo 19 no Teatro Colón
A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, vai clausurar este domingo, 19 de marzo, a súa cuarta edición con Valentina, dirixida por Chelo Loureiro e producida por Abano Producións, Sparkle Animation e El Gatoverde Producciones. A proxección da cinta, gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022, vai ser ás 11:30 h e o acceso será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.
Grandes e pequechos están convidados a acompañar a Valentina, unha nena con síndrome de Down, na súa aventura para facer realidade o seu soño: ser trapecista. Ademais, a presentación da película vai contar coas intervencións de Chelo Loureiro, directora, produtora e guionista; Alicia Rábade, voz de Valentina nas cancións; e Lucía Serén, dobradora de Valentina na versión en galego.
O equipo de Valentina posará para os medios mañá sábado, ás 10.30 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 11.00 h, no interior do Teatro Colón.
Valentina de Chelo Loureiro
Valentina soña con ser trapecista, pero coida que nunca o dará logrado por ter síndrome de Down. A súa avoa -que lle ensina a xogar ao xadrez e mais unha morea de cancións- anímaa sempre a perseverar: se os vermes se dan tornado en bolboretas, nada é imposible. Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender; olla para min -di a avoa-, eu aínda estou decidida a ser directora de orquestra algún día! Pero Valentina non está moi convencida; pensa que un verme é demasiado noxento para se converter nunha bolboreta… Como será esa metamorfose da que fala a avoa? Ao se dispor a preguntarllo, Papá e Mamá danlle unha desconcertante noticia: a Avoa marchou de viaxe. De viaxe? Sen se despedir?!