Castiñeiro Milenario organiza a FOLIADA DE INVERNO adicada ás CANTAREIRAS


Este ano o Día das letras Galegas está dedicado ás Cantareiras e desde Castiñeiro Milenario non podiamos deixar pasar a oportunidade para dedicarlles a Foliada de Inverno (15 de marzo) a esas mulleres, moitas delas anónimas, que foron as responsables de legar á posteridade, un dos grandes tesouros que temos, o inabarcable cancioneiro popular, cheo de coplas e melodías únicas. Por este motivo o obradoiro da Foliada vai estar dedicado ao estudo do xeito de tocar e cantar dos tres lugares das Cantareiras homenaxeadas este ano 2025: Agranzón, Mens e Vila da Igrexa. O obradoiro estará impartido por Roberto Rodríguez, mestre de pandeireta e gran coñecedor do canto e a percusión destas zonas. O obradoiro comezará as seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 10 euros para persoas non asociadas e de balde para asociadas.

O número de prazas é limitado polo que cómpre anotarse no noso correo electrónico: castineiromilenario@hotmail.com.

Despois do obradoiro teremos uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Inverno. Como sempre arrancarán a festa os grupos locais de Foliadeir@s do Castro e Treitoira. A continuación as pandeireteiras de Xaora e Asubíos da Chaira para rematar. Como sempre agradecemos aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e ao Concello de Begonte por colaborar para facer esta gran festa na nosa cultura.

Esta foliada vai dedicada a Adolfina e Rosa Casás da Vila da Igrexa; a Eva Castiñeira de Agranzón e a Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandeireteiras de Mens e, por suposto, a todas esas mulleres que gardaron e transmitiron a tradición oral da nosa música popular, sen elas, o idioma, a música e o país no que hoxe vivimos non sería o mesmo.