Fillas de Cassandra inicia este venres 16 a xira ‘Últimas Dionisíacas’ no Auditorio Mar de Vigo

María SOA e Sara Faro estarán acompañadas de Tania Camaño e Marina Vidal sobre o escenario, nunha cita que contará coa presenza de diversas colaboradoras que serán toda unha sorpresa para o público asistente

O concerto dará comezo ás 22.00 horas no hall do Auditorio Mar de Vigo, mentres que a apertura de portas terá lugar ás 21.30 horas


Fillas de Cassandra iniciara mañá venres, 16 de febreiro, a xira Últimas Dionisíacas na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo.
O concerto, que comezará ás 22.00 horas (a apertura de portas será ás 21.30 horas), contará coa colaboración de diversas bandas e solistas cuxa participación será toda unha sorpresa para o público asistente. 
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. Tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público. 
Neste directo, a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante; mais unha das principais novidades é que Fillas de Cassandra están acompañadas sobre o escenario dunha banda, que integran Tania Caamaño e Marina Vidal. Desde xeito, e con esta formación, o grupo relevación do panorama musical galego no 2023 aposta pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles). Despois actuarán o 3 de marzo en Arzúa (Festa do Queixo), o 12 de abril en Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun), o 13 de abril no ZEID FEST de Barakaldo e, máis adiante, nos festivais Ourensound, Ortigueira ou SonRías Baixas, entre outros. 

CONVOCATORIA PRENSA E MEDIOS GRÁFICOS ACREDITADOS

Data: 16 de febreiro de 2024.
Lugar: Hall do Auditorio Mar de Vigo.
Hora: 21.45 horas (recollida de acreditacións e acceso de prensa a través da porta situada xunto á billeteira do recinto. A entrada do público será a partir das 21.30 horas pola porta principal e a hora de inicio do concerto será ás 22.00 horas). 
Acto: Fillas de Cassandra inicia a xira ‘Últimas Dionisíacas’.

Protocolo de fotos e vídeo

Sen limitación de número de cancións. 

Os primeiros temas poderanse facer desde o foso (o acceso ao mesmo farase acompañado polo equipo de prensa desde a billeteira). 

A continuación poderanse tomar imaxes e vídeos por todo o hall do Mar de Vigo, agás sobre o escenario e nas zonas de acceso privado.


20240215-NP-Fillas-de-Cassandra-inicia-a-xira-Ultimas-Dionisiacas

A fantasía do espectáculo familiar ‘Inventio’, adianto de Reis en Vigo

A fantasía do espectáculo familiar ‘Inventio’, adianto de Reis en Vigo

  • Esta proposta escénica galega de gran formato brindará un total de tres funcións no Auditorio Mar de Vigo os días 3 e 4 de xaneiro
  • Comedia, ilusionismo e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos sobre o imaxinario Xacobeo
  • Os billetes para as funcións están á venda na web teuticket.com

Xa está todo a punto para o desembarco do espectáculo Inventio no Auditorio Mar de Vigo os días 3 e 4 de xaneiro. A maxia, o circo e a danza están garantidos con esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar e inspirada no universo xacobeo. Os billetes para as tres funcións previstas en na cidade olívica oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web www.teuticket.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Desde a súa estrea en Ferrol, o espectáculo está a desenvolver unha intensa xira que xa recalou en Santiago, Salamanca, Lugo, Pontevedra e Ourense e que vai chegar nas vindeiras semanas a Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221228-NP-Presentación-Inventio-VIGO