Andanzas do Suso de Lameliña. ANDAR POLA ESQUERDA
ANDAR POLA ESQUERDA
Había unha vez un director dunha escola universitaria durante os últimos anos do franquismo, que raro era o día que non se vía envolto nalgunha polémica. Naquela época de cambio, cando xa se barruntaba o final do ditador, as protestas e manifestacións eran acontecementos case semanais, tanto nas rúas como dentro do propio centro educativo. O mencionado director, fervente seguidor do réxime, convertérase na diana habitual das críticas estudantís. Nunha destas protestas, mesmo tivo que refuxiarse no seu despacho fuxindo da cólera dun grupo de estudantes exaltados. Casualmente, hai uns días, cando regresaba de dar un paseo pola vila, cruceime cun antigo compañeiro meu, e saíu á conversa o nomeado profesor. E tróuxome ao maxín esta anécdota que xa tiña esquecido, e que agora vou compartir.
Nunha ocasión, mentres anunciaba en público as cualificacións dos exames da materia que impartía, chegou a un estudante ao que, despois de nomear, lle outorgou un 4,5. O alumno, claramente sorprendido xa que esperaba unha nota superior, recibiu unha resposta en castelán impecable, por parte do director, oriundo dunha provincia alén de Pedrafita:
—Señor…, usted anda mucho por la izquierda y cualquier día lo va a parar la Guardia Civil.
Un silencio sepulcral envolveu o salón de actos, onde a asignatura se impartía con solemnidade. A voz do profesor, clara e incisiva, cortaba o aire mentres continuaba coa lectura da lista de notas. Cada nome anunciado resoaba na estancia, impactando como unha daga no peito dos estudantes nomeados, que agardaban con ansia e nerviosismo a temida cualificación.