Hoxe no Concello de Santiago de Compostela foi presentado, baixo o título Somos Ferministas, a homenaxe nacional ao sociólogo Fermín Bouza Álvarez que terá lugar este vindeiro domingo, ás 12:00 horas, no Teatro Principal compostelán. Dita homenaxe foi presentada polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o codirector da revista Luzes, Xosé Manuel Pereiro, dado que dita revista será coorganizadora do evento.

Para a celebración desta homenaxe en lembranza do sociólogo compostelán haberá música e palabras. O acto, presentado polos dous directores de Luzes, Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, contará coa intervención de Amada Traba, Ana Cuña, Antón Baamonde, Antón Losada, Antón Patiño, Xosé Manuel Beiras e Carmen Pena, viúva do escritor. No tocante á música, está prevista a participación do fillo do homenaxeado, Fermín Bouza Pena, e de Eladio dos Santos, Luís Emilio Batallán e Miro Casabella.

E o acto pecharase cunha lectura da poeta Dores Tembrás, ademais de visualizar a proxección de “Aquela Compostela de Fermín”, unha entrevista do xornalista Xuso Iglesias con Fermín Bouza Álvarez gravada no ano 2014.

Unha homenaxe ben merecida para “un rebelde eficaz”, definición de X. M. Pereiro. Un referente no pensamento do séculos XX e XXI, cuxa obra “constitúe un campo de vagalumes. En tempos de herbicidas, puntos de luz resistentes”, segundo palabras do escritor Manuel Rivas.