Este sábado 12 de abril ás 12 h. a Casa da Cultura de Vilalba acolleu a presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO. Un volume editado por Alvarellos Editora, e no que aparecen os dezasete textos que acadaron galardón no V e VI Certame do Concello de Vilalba.
Na presentación participaron Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, presidindo a mesa na que tamén estive ron Mónica González en calidade de concelleira de Cultura e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
O acto foi conducido por Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, web cultural que colabora co Concello de Vilalba na convocatoria deste concurso de narrativa hiperbreve. Ao pouco de comezar a presentación produciuse unha ‘interrupción’ teatral co título de Protocolo Micro, interpretada por dúas actrices da Escola Municipal de Teatro de Vilalba, Susana Pérez Fernández e Tamara Grandío Barrio. A continuación interviron Mónica González e Henrique Alvarellos, que salientaron o bo camiño que levaba o Certame de Microrrelatos dentro do panorama literario galego. Na parte final do acto leron os seus textos Duarte Mariño Torrado, Paula Pérez Cendán, Henrique Neira Pereira, Lucía Domínguez Pereira, María Fernández Escariz e Carlota Millor Prado, autores/-as premiadas nas edicións de 2023 e 2024. O acto rematou coas palabras da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a foto colectiva de todas as partes implicadas no desenvolvemento do certame literario ( entidades convocantes, editorial e persoas galardoadas).
Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da presentación deste sábado







*Imaxes facilitadas por Sonia García, técnica de Cultura do Concello de Vilalba