Poesía en feminino, si, porque non existe o sexo, só o xénero.

Porque os determinantes el/ela xa non determinan nada se non queren.

Porque todos somos elas e todas, eles.

Neste entre lusco e fusco da ousadía sostéñome en ti que me comprendes.

En ti, muller, en vós-nós femias do mundo e da man da historia que sempre nos ignora

inventando crenzas e pecados indisolúbeis como o aceite en auga doce,

como a terra nai en uranio enriquecido.

Poesía en feminino, porque aínda tetas non rima con poetas,

a pesar das rosalías, das luces, das helenas, das xelas, das luísas ou das emmas.

Porque dos condutos seminais saen palabras escollidas,

metáforas sorprendentes, imaxes inigualábeis, alegorías fóra das dimensións aceptadas…

e das trompas de Falopio só óvulos sanguentos de refugallo en tres soles por lúa.

Poesía en feminino, porque esta noite, amor, non teño cefalea,

pero tampouco quero soportar o teu peso sobre min no berce dos teus soños,

nin escoitar sentencias como que son a “muller” da túa vida;

non sabes, ceo, o que desexaría ser a “persoa” que acotío te acompaña!

(e non penses que por iso te amo menos, son eivas da linguaxe, de seguro…)

Eivas da linguaxe, desa linguaxe sexista que empregamos día a día,

inconscientes do dano que fixemos no onte, facemos no agora e aínda faremos no futuro

cada vez máis incerto en igualdade a pesar das loitas por uns mínimos dereitos.

Mínimos con minúsculas en Times New Roman de corpo seis

-votos en referendos organizados polos mandatarios de quenda,

en comicios de partidos políticos non paritarios e paridos por homes de xeito incruento,

acceso ao traballo de fóra (e ao de dentro)

con salarios reducidos, sen a flor de sal reservada para os traballadores de oficio,

aqueles -eles- aos que pertence por dereito un posto, unha praza, un destino…

Poesía en feminino, porque a voz que se eleva até as alturas, nesta altura,

xorde de cordas de frecuencias curtas, aguda

como trade de aceiro que en formigón armado desexa penetrar,

como subela sutil que vai furando na cerna dura

até atopar a esencia da palabra que nomea, que adxectiva, que contén e que define

a existencia de nós para nós sempre nun neutro e plural que nos designe.

 

Poesía en feminino, para fornecer de epítetos aquilo que se extingue,

para inzar de vida canto medre no paraíso das ilusións que se dan por perdidas,

das realidades que esmorecen por falta da choiva (non aceda) restrinxida polos neboeiros xordos que non responden ás chamadas dende números secretos

e que vagan vagamente vagabundos coa bagaxe de bágoas agochadas

na equipaxe de seu, esquecida nalgunha estación á deriva.

Poesía en feminino que hoxe agromou do humus deste sotobosque estruturado

en loas, en lembranzas, en prestixios, en nomes e homes concienciados,

en donas produtoras, reprodutoras, fecundas en texturas,

en poemas, en verbas escollidas que agora escoita o noso espírito afectado.

 

***

Lembro unha Sinfonía nº 1, “Ruptura lírica” en Re Maior, Opus doce

no seu terceiro movemento (Tipo minueto de sonata ternario), sección terceira (Re-exposición da Sección I, sen repeticións) que así dicía:

Tres .

Tres de veo en triángulo cumprido

sobre a fermosa face agochada baixo a tea luída.

Tres de trío

por catro de cadrado,

de cela autorizada, permitido serrallo

onde as flores tenras murchan esquecidas

das agullas do tempo en reloxos parados.

Tres por catro de danza non bailada,

de ritmo non sentido, de calada

boca rindo

inquedanzas perdidas nese abismo

machista, decadente e consentido

por poderes absurdos, dominantes

das conciencias detidas no divino,

na falacia integrista soterradas,

baixo o peso de aceiro das olladas

dos imáns  de mans longas e engurradas

que prolongan as túnicas raídas

e colocan os burkas sobre as vidas.

Tres por catro, sen présa, mais lixeiro,

rematado no seu ton principal:

na denuncia que ascende contra o vento

dende as cordas da voz en espiral.

 

***

Poesía en feminino, se seguimos penduradas da esperanza

entre fíos de araña enmarañados, mais cumpridos, enormes contra o tempo,

fortes – por veces- contra a nada,

mais, febles se pretenden encadear a nosa loita.

Poesía en feminino, agora, xa, facendo historia.

 

María Xosé Lamas

16-9-2017