• Desde hoxe, 19 de decembro, é posible escoitar ‘Pava 3’ nas principais plataformas dixitais e adquirilo a través do Bandcamp do grupo
  • O lanzamento coincide coa presentación do videoclip do tema ‘Unha cadela chamada Por Favor’ que conta coa colaboración de Gloria Pavía
  • O concerto de presentación oficial de ‘Pava 3’ será o vindeiro 5 de xaneiro na sala Mardi Gras da Coruña e as entradas xa están á venda en www.entradium.com


Xa é posible escoitar Pava 3, o terceiro EP de PAVA, a banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. Desde hoxe, 19 de decembro, Pava 3, un exercicio de pop luminoso, está dispoñible nas principais plataformas dixitais e é posible adquirilo a través do Bandcamp de PAVA. O lanzamento coincide coa estrea do videoclip realizado por Antón & Martiño para o tema Unha cadela chamada ‘Por Favor’, unha balada con ritmo envolvente na que destaca a colaboración de Gloria Pavía.

No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. 

Pava 3 está composto por cinco temas sendo o primeiro deles Catastro, unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben. 

O segundo, O himno da lesión, é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.    

Segue a continuación Tremendamente coquetas, que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes.

O cuarto tema é o xa mencionado Unha cadela chamada ‘Por Favor’ e o peche deste álbum chega con Catastriño, unha versión case espida do tema Catastro gravada –literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz.

5 de xaneiro: Noite de Raíñas Pavas

concerto de presentación de Pava 3 terá lugar na Mardi Gras o domingo 5 de xaneiro. A partir das 22.00 horas, a mítica sala de concertos coruñesa acollerá unha “Noite de Raíñas Pavas” alternativa, disidente pero non por iso menos máxica, á marcada polo calendario. As entradas para a cita xa están dispoñibles, por 13 €, na plataforma web www.entradium.com

Ademais, Pava 3 acompañarase un merchandising moi especial: unha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras. 

Biografía de PAVA

PAVA é unha banda de pop liderada por Lucía Aldao, que conta con Analís na batería, David Santosno baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. Ao fronte da masterización atópase Álvaro Gallego.

PAVA é o resultado da evolución de Pava (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de Pava 2 (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. Este mes de decembro PAVA lanza o seu terceiro EP, Pava 3

Escoita Pava 3: https://pava.bandcamp.com/album/pava-3

Videoclip de Unha cadela chamada ‘Por Favor’: https://youtu.be/q5zwEv5W3G4

Concerto de presentación de Pava 3
5 de xaneiro 2025 | 22.00 h | Sala Mardi Gras (A Coruña)
Tickets 13 € | https://entradium.com/events/concerto-presentacion-pava-3

PAVA en Bandcamp | https://pava.bandcamp.com/music

20241219-NP-Pava-3-de-PAVA-xa-esta-disponible

Dossier-prensa-PAVA-3-GAL