O sinxelo é o segundo avance de PAVA 3, o novo álbum da formación liderada por Lucía Aldao, un EP que se publicará en decembro

PAVA, a banda de pop liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, vén de publicar nas principais plataformas dixitais O himno da lesión, a súa nova creación. Trátase do segundo e novo avance do que será PAVA 3, o terceiro EP do grupo, e que verá a luz no vindeiro mes de decembro.

O himno da lesión é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción — e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluida. 

PAVA é a banda liderada por Lucía Aldao que conta con Analís Guillín na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda.  

PAVA é o resultado da evolución de Pava (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de Pava 2 (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. A banda lanzará o seu EP Pava 3 -do que xa se coñece Catastro, publicado en maio- a finais deste ano. 

Escoita O himno da lesión

https://pava.hearnow.com/