Pola súa banda, Malena Alterio regresa ás táboas de Carballo para presentar, este domingo, 20 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, a función ‘Los amigos de ellos dos’
O público poderá asistir a unha conversa coa artista Paula Quintas, nunha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, o sábado 19, ás 13.00h, no Salón Social do Pazo da Cultura; e, tamén, a un ‘Café con’ con Malena Alterio e David Lorente, o domingo 20, no Salón da TV, ás 18.00h; ambos encontros son de libre acceso ata completar a capacidade
Paralelamente, o sábado 19, ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h, chegan ao FIOT dúas novas propostas de micro-teatro no marco de Micro-Escenas M2: ‘Rebel Rebe’, de Vórtice Escénico, na tenda de roupa Akira; e ‘Teño un carabel no peito’, de Aviva-Lo, na Fonte da Cristina
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, continúa a andaina da súa 33ª edición esta fin de semana con tres novas propostas no marco do OTNI e do seu Programa de Sala: por unha banda, a galega Paula Quintas presentará a estrea absoluta de Multiperspectivas#3, a súa nova creación, o venres, 18 de outubro, ás 20.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo.
Improvisación teatral, circo, danza, tecnoloxía e performance son os compoñentes desta proposta orixinal e nova que parte da nosa perspectiva como espectadores, deixando espazo para a interacción. O público gozará somerxéndose nunha instalación circense compartida a tempo real na que vivirá unha experiencia a curta distancia da acción, da que forman parte humor, risco, beleza e sorpresa. Esta “cápsula #3” é a culminación dunha investigación na que a creadora, bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas experimenta cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea: os límites entre o privado e o público, e o vivencial na arte.
Xa o sábado 19 de outubro, ás 20.00h, chegaralle a súa quenda á estrea en España de El brote, da compañía Criolla. Cun ritmo vertixinoso, esta comedia, por momentos moi negra, móstranos a cara interna do teatro e retrata con acidez as relacións humanas e as frustracións contemporáneas, convidándonos a mirarse e buscar os límites propios. Este espectáculo foi estrado no ano 2023 e converteuse nun verdadeiro fenómeno da carteleira de Bos Aires, recibindo diversos premios. Considerado como un das figuras máis relevantes do teatro arxentino da última década, o autor e director Dionisi, crea unha obra poética e conmovedora interpretada con paixón e virtuosismo por Roberto Peloni.
Ao finalizar a representación de El brote, no mesmo auditorio do Pazo da Cultura, terá lugar a entrega do galardón Xograr de Outono 2024 a Avelino González.
Antes, na mesma xornada do sábado 19, ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h, chegan ao FIOT dúas novas propostas de micro-teatro no marco do Certame Micro-Escenas M2: Rebel Rebe, de Vórtice Escénico, que poderá verse na tenda de roupa Akira; e Teño un carabel no peito, de Aviva-Lo, na Fonte da Cristina.
Finalmente, este domingo, 20 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, Malena Alterio regresará ás táboas de Carballo para presentar a función Los amigos de ellos dos, unha omedia dramática reflexiona sobre como as persoas se senten valoradas polos seus achegados, as inseguridades e percepcións que os rodean, e papel que cada un ocupa nesta sociedade. Daniel Veronese ten unha das traxectorias máis relevantes do novo teatro arxentino, con máis de 25 premios, entre eles o Premio Nacional de Dramaturxia de Arxentina ou o Max Iberoamericano. Nesta obra dirixe a dous recoñecidos intérpretes e tamén multipremiados, Malena Alterio (último Goya á interpretación feminina) e David Lorente, que nos conducirán entre a risa e a reflexión para explorar os vínculos humanos e as súas complexidades.
No marco das actividades paralelas, o público poderá asistir a unha conversa coa artista Paula Quintas, nunha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, o sábado 19, ás 13.00h, no Salón Social do Pazo da Cultura; e, tamén, a un ‘Café con’ con Malena Alterio e David Lorente, o domingo 20, no Salón da TV, ás 18.00h. Ambos encontros son de libre acceso ata completar a capacidade da sala.
AXENDA DO #FIOT33 DO 18 AO 20 DE OUTUBRO
VENRES 18 DE OUTUBRO
OTNI
Multiperspectivas#3
Paula Quintas
21.00 h no Salón de Actos do Pazo da Cultura
SÁBADO 19 DE OUTUBRO
Onda FIOT: Escola do Espectador nas Ondas
Conversa aberta ao público sobre Multiperspectivas#3
Con Paula Quintas, moderada pola xornalista de TVE especializada en artes escénicas Machús Osinaga
Micro-Escenas M²
Rebel Rebe
Vórtice Escénico
12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h na tenda de roupa Akira
Teño un caravel no peito
Aviva-Lo
12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h na Fonte da Cristina
Programa de Sala
El brote
Compañía Criolla
20.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura
Ao rematar a función terá lugar a entrega do galardón Xograr de Outono 2024 a Avelino González
https://fiot.gal/programa/xograr-de-outono/
DOMINGO 20 DE OUTUBRO
Café con…
Conversa aberta ao público en torno á representación de Los amigos de ellos dos
Con Malena Alterio e David Lorente
18.00 h no Salón da TV do Pazo da Cultura
Programa de Sala
Los amigos de ellos dos
Producciones [Off] e Vania
20.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura
UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33
Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.
Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.
Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.
Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.
UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO
O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.
O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición.
Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos.
Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc.
Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información completa desta 33ª edición do FIOT.
MÁIS INFORMACIÓN