O venres 4 de abril ás 19:30 h na Galería NÉBOA, en Lugo, celebrarase a inauguración da exposición individual Cando a paisaxe se fixo verba, de Christian Villamide (Lugo, 1966), comisariada por Paula Cabaleiro.

A mostra, aberta ata o 31 de maio, aborda a arte como medio para cuestionar a crecente desconexión entre o ser humano e a natureza, destacando a paisaxe como unha construción cultural que reflicte a nosa forma de vivir e entender o mundo.

O proxecto critica como o progreso e o capitalismo transformaron o natural nun espazo de conflito, onde a materia se converte nun campo de batalla e o poder asóciase á destrución do entorno. Neste contexto, a obra de Christian Villamide preséntase como un chamamento á reflexión e á recuperación da contemplación e do respecto pola natureza. A través de pezas escultóricas que reconfiguran materiais, o artista denuncia a transformación da paisaxe nun símbolo do sometemento humano e convida a repensar a nosa relación co medio natural antes de que sexa demasiado tarde.

Durante a inauguración ofrecerase un aperitivo por cortesía de Gandería Quintián e Adegas e Viñedos Lareu.

A arte como soporte para o cuestionamento. A paisaxe como construción cultural, como terreo simbólico no que configuramos a nosa maneira de estar no mundo. O natural, hoxe espazo para o conflito e a barbarie. A materia e o material como campo de batalla. Existe algunha esperanza para rachar co desapego? Perdura algunha posibilidade de suturar a ferida? Aínda podemos accionar dende a fenda, que cada vez máis dilata a distancia que se interpón entre nós e a natureza que acubillou a nosa orixe? Sometémola, baixo formigón e pseudointelectualidade. Unha e outra vez, con pegada irreversible. 

Progresamos (ou non) baixo a forma da indiferencia, perdendo a curiosidade primixenia por descubrir e sentir, pavimentando sendas para que o capitalismo voraz sexa dono e señor do “imperio do primeiro mundo”, dunha sociedade cada vez máis egoísta, adormecida e, en boa medida narcisista, preocupada só por manter(se) parte ou preto do poder. Pero, que é o poder? O poder preséntase hoxe como a fin de todas as selvas, como o exterminio do natural. Como o último poema. O poder é a morte que temos por diante. 

A obra de Christian Villamide (Lugo, 1966) sempre é unha chamada á reflexión, unha vindicación para espertar a emoción ante a barbarie, na procura dunha volta á contemplación, á valoración da natureza e da contorna, á convivencia dende o respecto. Dende a memoria dos materiais e a pegada do tempo sobre estes, o artista constrúe pequenos artefactos que nos interpelan, que nos remiten a novas realidades posibles, que nos fan reflexionar sobre o modo en que habitamos o territorio. Paisaxes de-construídas ou (re)construídas se alzan ante nós, a partir de materiais atopados, refugallos industriais ou retallos orgánicos, desvelando novos relatos a través de pequenos simulacros, experiencias estéticas, que xogan entre a linguaxe, o concepto e a evocación. Pode unha sombra debuxar unha montaña? É posible atisvar novos horizontes ensamblando coidadosamente anacos de madeira, pedra e cemento? Pode emerxer a vida, encofrada entre lindes de formigón e asfalto?

“Cando a paisaxe se fixo verba” é unha toma de conciencia cara a resignificación do termo paisaxe,superando a contemplación romántica de artistas e viaxeiros ante a inmensidade da natureza, na procura sempre do sublime, para adentrarse agora nunha nova interpretación, cun carácter complexo, múltiple e variable. Onde no “pasado” discorrían os montes, as chairas e os ríos, “onte” foron o cultivo, a conquista e a civilización ós que asentaron os alicerces da verba “paisaxe”, no seo da acción de construír as novas sociedades contemporáneas. Así, “paisaxe” é un termo cultural, é a natureza racionalizada, pensada e conceptualizada, sendo o resultado da interacción no tempo das persoas e o medio natural. A súa expresión é hoxe un territorio percibido e valorado polas súas cualidades culturais, produto dun proceso e soporte da identidade dunha comunidade. Somos paisaxe. Cada vez máis. Malia que tamén somos natureza, aínda que cada vez menos.

Christian Villamide pon en valor aquilo que tamén é paisaxe, rescatando da ocultación e do velado a “maleza”, esa natureza mínima que agroma ante a adversidade. Semella fráxil, máis sobrevive ante o conflito e a especulación, ignorando un mundo sobrevido de pobreza e destrución enerxética e ecolóxica. O orgánico e o natural vese encofrado, tensionado, lapidado, soportando sobre a súa fisicidade toda a presión e a hostilidade do artificial, do industrial, do intelectual. O peso e a lacra do pseudo-progreso. O artista presenta paisaxes acotadas (e afogadas), unha sorte de paraísos prefabricados na procura do mellor ornamento das novas cidades, etiquetadas como sustentables, nun alarde de supremacía e superioridade moral dun capitalismo patriarcal salvaxe. 

Pero non se confía plenamente ao desalento e á desesperanza. O traballo de Villamide sitúase (e sitúanos) sempre nunha investigación e nun escudriñamento contínuo, perseguindo a beleza e rastreando a evocación en cada trazado, en cada xesto. Nesa construción cultural da paisaxe, nesa articulación das imaxes mentais, esa natureza pensada e reflexionada articúlase linguaxe. As liñas que debuxan o horizonte connotan verbas, frases, expresións. É a contemplación, á que o artista insiste en volver como último salvoconducto para a supervivencia do ser humano, a que fai emerxer as palabras e o pensamento crítico. Pensámonos na paisaxe, reflexionámonos nesas reverberacións da natureza perdida, nesa contorna primixenea que vemos esmorecer hoxe nas nosas sociedades anestesiadas. Só esa necesidade emocional de seguir formando parte dela pode ser a súa salvagarda. En, en definitiva, tamén a nosa salvagarda.

Christian Villamide profundiza nesta mostra na cruel distancia co natural. Visibiliza esa fenda, cada vez máis insalvable, que me fai lembrar esa magnífica intervención de Doris Salcedo na Tate Modern realizada en 2007: “Shibboleth”. Esa profunda greta de 167 metros que simbolizaba o gran burato que existe entre a humanidade e a falta de humanidade, hoxe cobraría novos significados, rezumando os actuais conflitos bélicos (inimaxinables fai máis dunha década), as reiteradas vulneracións dos dereitos humanos, o maltrato aos fluxos migratorios, a devastación dos bosques e das selvas, a explotación salvaxe dos recursos naturais, o negacionismo ante o cambio climático e un longo etcétera que debuxa un presente e un futuro (se aínda existe) profundamente desolador. As pezas escultóricas de Villamide rescatan refugallos para tratar de esbozar posibles futuros utópicos, novas paisaxes reflexivas, agardando algunha reacción da especie humana. O escombro se descontextualiza para dignificar materiais e volverse verba, poesía e reflexión. As cartografías e os planos transfórmanse en espazos de exploración, evidenciando a intervención e a planificación premeditada para o sometemento humano, nesa procura de racionalizar os espazos naturais, de aplicar lindes e barreiras, de conter e dirixir o crecemento. Villamide visibiliza así as malas praxes das sociedades contemporáneas, clamando unha volta urxente á reflexión e ao sentido común, ao respecto, nun acto necesario para recondurir a palabra e o pensamento cara o rescate do natural.

Pode ser a última oportunidade, para mudar a nosa forma de habitar o mundo e para reivindicarnos parte del, antes da fin de todas as selvas. 

Christian Villamide (Lugo, 1966) é un artista multidisciplinar. A súa obra aborda a interacción entre o mundo natural e o artificial, explorando a transformación da paisaxe e as contradicións do ser humano en relación coa súa contorna. A través da pintura, a fotografía, a escultura e as instalacións, constrúe unha reflexión visual sobre o equilibrio entre a natureza e a súa alteración pola man do home.

Villamide traballa con diversos materiais e soportes, como mármore, madeira, ferro, cemento ou metacrilato, creando composicións que desafían a percepción tradicional da paisaxe. O crítico Antón Castro describe o seu traballo como “unha expansión do concepto de pintura cara a un espazo de comportamento máis real, onde os sentidos e as emocións se integran na experiencia artística”.

O seu proxecto artístico, con influencias do conceptualismo, busca establecer unha comunicación tanto social como íntima co espectador, evidenciando o crecente desapego emocional e intelectual co espazo natural. A súa obra invita á reflexión sobre a supervivencia da natureza, a súa vulnerabilidade e forza, nun contexto de sobreexplotación e cambio constante.

Entre as súas exposicións individuais máis recentes destacan “Maleza” (Fundación RAC, Pontevedra, 2023), “In Landscape Mode” (CGAC, Santiago de Compostela, 2019), “PERturbacións” (CAB, Burgos, 2019), mostra site-specific comisariada por Javier del Campo, “Hortus Conclusus” (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2018) e “A Paisaxe contra a Parede” (Museo Provincial de Lugo, 2016).

A súa obra estivo presente en numerosas mostras colectivas, bienais, feiras e certames, destacando a súa participación na “XXXII Bienal de Arte de Pontevedra” (Pontevedra, 2025), “Simultánea” (A Fundación Vigo e Lugo, 2024),  “JustMad” (Madrid, 2023), “Art Madrid” (Madrid, 2018), na “II Bienal de Canarias, Arte Paisaxe y Arquitectura” (Círculo de Bellas Artes, Tenerife, 2009) e na exposición “Foron Novísimos” (Centro de Arte Torrente Ballester, Ferrol, 2003). Ademais, recibiu varios premios e bolsas de creación e participou en diversos programas de residencia artística en diferentes puntos de España, e a súa obra forma parte de coleccións de entidades públicas e privadas como o Centro de Arte CAB – Fundación Caja de Burgos, MAC (A Coruña), a Colección Caja Canarias (Gran Canaria), Afundación, Caja Madrid, a Delegación de Cultura de Lugo, o Museo Municipal de Ourense, a Fundación de Arte Ana Torre (Buenos Aires), a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e o Museo Provincial de Lugo.