Título: OCOS DE AUSENCIA
Os camiños que emprendemos alónganse en reviravoltas e cada paso que damos semella afastarnos máis do que procuramos. Construímos, trementes, unha figura desconxuntada. Un crebacabezas incompleto. E acabamos por respirar neses ocos de ausencia, nesa predisposición de baleiros.
Nada posuímos. Soamente un cesto baleiro e famento, que se desfai desde dentro. Un furado no fondo do peto. Un paxaro morto no intento. Nada posuímos e algo inmenso énos achegado pola morte do desexo. Porque nada é para ser posuído. Por iso nos espimos na beleza sen tocala, do mesmo xeito que a beleza nos ispe tocándonos. Por iso descartamos o camiño recto, para medrar lonxe dos atallos, para diluírnos en meandros.