Deitábase a tarde entre lenzos de friaxe. Anicouse diante daquel corpo que repousaba na súa cadeira articulada. Achegou o seu rostro á altura dos ollos cansos del e faloulle preguntando.

-Sabes o teu nome, papá?

A pregunta sinxela, mais cargada de funesto simbolismo.

El, coa mirada tesa, mastigou con dislálica lentitude as letras e dixo:

-Urbano.

O nome foise esfarelando na polpa dos beizos coma folerpas de neve antiga, que se derretía nunha tráxica quentura.

-E lembras quen son eu, papá? Como me chamo?

Aquela mirada hierática debilitouse amodo e no peirao dos beizos afogou a posibilidade de calquera son; namentres, negaba coa cabeza e os ollos pechábanse coa cruel inercia de non achar as respostas.

O solpor respiraba invernía.