• Os dez temas de Alvela’ conforman un políptico sonoro sobre a experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza do íntimo, do desexo e do pracer
  • A voz de FAIA revisita arrolos, romances e cantigas tradicionais na compañía de instrumentos de cordas e grabacións de campo manipuladas
  • E se queres, o primeiro sinxelo do disco, publicarase o vindeiro 18 de marzo

FAIA está a ultimar os detalles de Alvela, o seu segundo disco en solitario que verá a luz no mes de abril. Trátase dun traballo complexo, sutil, con dez temas que transitan paseniño pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. Nel atopamos arrolos así como romances e outras cantigas tradicionais revisitadas. Chegan, ademais, acompañados unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.

Trátase dun disco elaborado a lume manso que dialoga co anterior, Ao cabo leirín (2018), e que precisou varios anos ata acadar a súa forma definitiva. O primeiro avance, E se queres, poderase descubrir o martes 18 de marzo. 

Alvela está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Cuartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.


Sobre FAIA

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo.

IMAXES

  • Portada de ‘Alvela’, o novo disco de FAIA | Deseño: Blanca Gracia
  • Retrato de Faia | Foto: Arancha Brandon

20250312-NP-Faia-lanzara-novo-disco-en-abril