ESTE NOVO SINXELO É O SEGUNDO ADIANTO DO QUE SERÁ O SEU PRÓXIMO EP

ESTREARÁ EN DIRECTO O TEMA MAÑÁ VENRES 27 NO PRIMEIRO CONCERTO DA SÚA XIRA DE SALAS GALEGAS NA SALA RUIDO DE FERROL

Sabela presenta un novo sinxelo da súa nova etapa baixo o nome de “Eu Espero Aquí”, exercendo como segundo adianto do que será o seu próximo EP, que verá a luz a finais deste ano 2024. Este novo tema mantén o carácter nostálxico que adoita caracterizar á artista galega, pero a xuntanza co produtor Ed Is Dead, artífice tamén do seu anterior tema “Hi, My Love” e do que será o seu próximo EP, alonxa ese factor nostálxico da tristeza e o achega máis a sentimentos eufóricos, enérxicos e ata románticos. Esta nova aposta de pop electrónico de Sabela é toda unha declaración de intencións, afianzándose con este son fresco e innovador como unha referente deste eido. A primeira vez que se poderá escoitar esta canción en directo será o próximo sábado 28 de setembro na Sala Ruido de Ferrol, onde comezará a súa xira por salas galegas baixo o nome de “Hi, My Love Part”.

“Eu Espero Aquí” é o segundo traballo en conxunto na produción entre Sabela e Ed Is Dead. Ed é un recoñecido e prestixioso DJ e produtor de música electrónica a nivel internacional, con múltiples galardóns da talla do Premio VMA a “Mellor Produtor de Música Electrónica” ou o Premio MIN a “Mellor Gravación de Música Electrónica”. Algúns dos seus traballos están recoñecidos como referencias da música electrónica, seleccionados entre os mellores álbums do ano na música electrónica por revistas internacionais especializadas, contando con millóns de escoitas en plataformas dixitais, colaboracións con artistas finalistas nos  Premios Grammy ou presentacións en vivo nalgúns dos festivais máis importantes de España como son o BBK, o Sónar ou o Arenal Sound.

Nesta ocasión, ademais da produción xunto a Ed, Sabela traballou na composición xunto á súa compañeira de edición en Operación Triunfo, África. A artista de Ourol destaca a admiración pola forma de construír melodías da súa compañeira, coa que comezou a compoñer esta canción fai tempo, e que despois adaptou para levala ao galego e baixo ese toque electrónico tan característico de Ed Is Dead. A propia Sabela resalta a facilidade coa que saíu a letra e a melodía, que contrasta co traballo de produción xunto a Ed, no que custou atopar ese equilibrio entre o pop e a electrónica que tanto peso teñen na canción. A portada deste novo sinxelo corre a cargo de Juan Ramil.

Datas da xira “Hi, My Love Part”

28/09 · Sala Ruido · Ferrol

12/10 · Masterclub · Vigo

25/10 · Riquela · Santiago de Compostela

26/10 · Clavicémbalo · Lugo

09/11 · Pub Gatos · Melide

30/11 · Auriense · Ourense

01/12 · A Arca da Noe · Vilar de Santos

01/02 · A Pousada da Galiza Imaxinaria · Boiro

08/02 · Garufa Club · A Coruña

ENTRADAS DA XIRA

MÁIS SOBRE SABELA

Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes cidades ao longo de España como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla entre outras, así como festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o propio O Son do Camiño. Sabela está mergullada neste 2024 nunha gran xira por todo o país, no que  tamén fixo oco para levar o seu directo a festivais como o SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo durante o verán, ao que se lle sumarán máis datas que irá anunciando proximamente. Con todo isto, a finais de ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, publicado en maio deste mesmo ano, é xa o seu primeiro sinxelo. Desta maneira culmina así un ano totalmente prolífico para a de Ourol.

A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Hi, My Love precede a temas como Cenizas, Ya No Me Quiero Ir ou Cidade Desexo, que veñen de obter grandes números de escoitas. Este éxito afianzou unha carreira que conseguiu encandear ao público nos seus directos e de lograr colaboracións con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra, así como de alzarse tamén con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza por Despedida.