O colectivo publicará este venres, 31 de xaneiro, o cuarto avance do álbum, un tema hiper-pop titulado ‘ondas sonoras de xúpiter (24/7)’ que aborda a fase inicial do namoramento e no que renden homenaxe a Lola Flores


O álbum debut do colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional xa ten data de estrea. O vindeiro 14 de febreiro de amor, que así se titula o novo traballo discográfico, verá a luz nas principais plataformas dixitais. A estrea do disco nesa data non é unha cuestión baladí: tal e como resaca emocional avanzou estes meses, este LP, ateigado do xa característico son pop electrónico do colectivo, explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.

Antes da estrea o vindeiro 14 de febreiro, resaca emocional publicará o 31 de xaneiro, ondas sonoras de xúpiter (24/7), o cuarto e último adianto do disco, unha peza na que abordan a primeira fase do namoramento. O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas do venres nas principais plataformas dixitais e no que colabora JUANA, é unha canción ‘hiper-pop’ que se mestura con pinceladas ‘lo-fi’, xéneros contemporáneos cos que RSK non dubida en botar unha ollada cara atrás para render homenaxe a Lola Flores e citar o seu mítico verso “siempre a la verita tuya”. O lanzamento acompañarase dun videoclip que estará dispoñible (tamén desde o 31) na canle oficial de Youtube de resaca emocional.

O cuarto sinxelo do LP de amor afonda no universo emocional de RSK. Tras bolboretas, unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse; mario crush, tema que explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico; e sae o sol, que aborda o nacemento dunha relación afectiva; agora chega ondas sonoras de xúpiter (24/7), unha canción que aborda a “obsesión” da primera fase do namoramento, “que nace case coma unha adicción na que estás prendado as 24 horas e os 7 días da semana”.

Que é resaca emocional?

resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde. 

Pregarda ondas sonoras de xúpiter (24/7) | Aquí poderás ver a peza audiovisual
Escoita sae o sol nas principais plataformas dixitais | Videoclip en Youtube
Escoita mario crush nas principais plataformas dixitais | Videoclip en Youtube

Escoita bolboretas nas principais plataformas dixitais | Videoclip en Youtube