OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Los galgos, los galgos

Autora: Sara Gallardo

Editorial: Malas Tierras

Año: 2021

É difícil explicar o abraio que supón atopar unha novela tan impresionante coma esta, que data de 1968. Unha novela que envellece realmente ben e que nesta edición, tan coidada de Malas Tierras, amósase coma unha verdadeira alfaia literaria. Case cincocentas páxinas que retratan unha época e unha sociedade coma a arxentina, albiscando o luscofusco que envolve ao seu protagonista, Julián, que semella ir animalizándose ao longo da obra.

Cargada de humor, intelixencia e, tamén, de melancolía, Los galgos, los galgos narra, con gran mestría e delicadeza, a viaxe dun perdedor, que evoca na lectora ou lector unha amálgama de diferentes sensacións, que van desde a tenrura até o desprezo. Non é doado despegarse desta fuxida cara ningures, que alterna os escenarios Bos Aires-París-Bos Aires, e que talvez veña a indicarnos que ninguén pode ficar por sempre nun lugar invariábel.

Sen dúbida, o tempo, tan habilmente tratado pola autora, sexa o elemento transcendente que conforma esta narración. O tempo que nos consome e que pasa arrogantemente veloz coma os adorábeis galgos de Las Zanjas, ese lugar que nos recibe e nos despide con certo sabor agridoce.

“Caminemos. Otra vez caminemos, a campo atraviesa. Ya se ve mi casa. Allí, extendidos en mecedoras de color, estarán mis parientes”.

Imposíbel non anotar o nome de Sara Gallardo e querer descubrir máis sobre a súa escrita tan brillante e vivamente poética. Esta é xa unha tarefa pendente.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: CORREDORA

Autor: María Reimóndez

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2017

Deseño da cuberta e interiores: Miguel A. Vigo

Imaxe da cuberta: Zerihun Seyoum (pintor etíope), The Runners, 2006

Volvo á LIX con Corredora. Xa anteriormente comentara que as liñas que delimitan as lecturas para público infantil- xuvenil ou adulto son –ás  veces-pouco nítidas. E coido que está ben así. Sobre todo, para poder movérmonos, sen ningún tipo de estigma, por diferentes propostas literarias, que nos enriquecen a todxs.

Recoñezo nestas páxinas a mirada crítica da súa autora, María Reimóndez, sempre comprometida con diferentes causas sociais e políticas. A través da protagonista desta historia –Genet, unha atleta etíope-, asistimos a unha carreira de fondo pola visibilidade das mulleres e do seu empoderamento. De feito, diría que o libro deixa en si un certo pouso a resistencia, a seguirmos correndo para loitar polos nosos dereitos.

“Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro”.

Sen dúbida, estamos perante un relato conmovedor e de superación, que nos convida a coñecer outras realidades xeográficas e culturais e, especialmente, a pensar e repensar un mundo que segue a pór obstáculos a todas aquelas persoas que se afastan do prototipo home branco- occidental- acomodado.Abofé, un relato necesario.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O verán no que miña nai tivo os ollos verdes

Autor: Tatiana Țîbuleac

Tradución: Andreea Birsanu

Editorial: Rinoceronte

Ano de publicación: 2022

Nada máis ver o libro sobre a mesa da libraría, a vista repara nese título que desprende poesía. Case sen querelo –ou querendo, quen sabe- penso en miña nai, nos seus ollos castaños case verdes, que van adquirindo esa cor cos primeiros raios de sol. 

Precisamente, do que máis gustei desta lectura é do desvío que toma a narrativa para levarnos ao territorio do poético. Imaxino que algunhas cousas só poden ser transitadas –que non contadas- desde ese lugar.

O inicio é especialmente duro. Nel asistimos a unha relación materno-filial convulsa, desgastada, cargada de odio e desconfianza. As palabras que emprega o protagonista, Aleksy, para referirse á súa nai, desde unha evidente violencia, chegan a sacudir a quen le. Coido que eses primeiros capítulos, dalgún xeito, constitúen unha proba de fogo para decidir se seguir ou non coa trama, co risco que iso supón para calquera obra.

A medida que avanzo e coñezo máis aos personaxes, que van  amosando os seus matices, comezo a sentirme máis cómoda na lectura. Non porque mingüea intensidade da devastación do relato, senón porque dan en brotar algunhas sementes no ermo que existe entre nai e fillo. E a beleza vai aflorando, aos poucos, coma o xirasol da portada, mergullándonos nun verán infinito a través das pradeiras francesas.

En pouco máis de duascentas páxinas podemos viaxar por diferentes emocións e, mesmo, recoñecernos nalgúns recunchos do drama, malia que cada familia, como escribiu Tolstói, é infeliz á súa maneira. Talvez sexa este unha especie de libro- bala: impacta, fire, mais deixa espazos en branco para atoparmos algunha senda cara ao propio encontro.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O QUE FICA FÓRA

Autor: Manuel Rivas

Editorial: APIARIO

Ano de publicación: 2021

Creo que debo confesar, antes de escribir sobre O que fica fóra, a miña debilidade por Manuel Rivas. El é un dos primeiros autores que comecei a ler en lingua galega. Linlle e léolle narrativa, ensaio, artigos de prensa, e, sobre todo, Poesía –se é que esta última non se filtra tamén no resto de xéneros cultivados polo escritor-. Devezo sempre, sempre, por escoitalo recitar. Aínda hoxe manteño nítida a imaxe do poeta nun dos seráns do pasado xullo, inaugurando o ciclo Versos na Barraca en Lugo, protexido pola nosa muralla, vixiado desde o ceo polos guindastres, mantendo desafiante a flor de toxo na man.

Acáelle ben o branco a esta obra que pouso e aloumiño entre as miñas mans. Quen logra resistir ao branco? Todo está coidado ao detalle na edición de Apiario: a encadernación, a textura e calidade do papel, a distribución entre os poemas imprentados e os manuscritos e, mesmo, a exclusión do paxinado. Este libro, coma o mar, non quere pecharse nin se pecha. Este libro “anda ás ceibas”, moi dentro de quen o le.

O libro respira. O libro é un ser vivo. Déixase acariñar mais non atrapar. Por veces semella un ser mariño –“a náufraga que camiña no mar con pés de la”-, deixándonos algo de salitre na boca. Outras, muda as branquias por pulmóns, “abrindo galerías no manuscrito da terra”, na procura dalgún faro que nos devolva a vista, nesta cegueira perpetua dos nosos días. Porén, a metamorfose non quere ceder e a vida amosa a súa capacidade de redución, case até a extinción, para dicirnos en clave de haiku, que “pobre, pobre/ é non ter/ escuridade ningunha”. Velaí un vagalume.

Premio Follas Novas deste 2022 nas categorías de Poesía e Libro mellor editado, O que fica fóra é, sen dúbida, o único que fica en pé, despois de tantasguerras, crises e pandemias. Imprescindíbel lectura –osíxeno- para as que abrazamos moitas das formas do exilio.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Un elefante na sala de estar

Autor: Berta Dávila

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2022

Repito autora. Desta vez cunha obra que forma parte do catálogo Fóra de xogo, de Xerais, e que acadou o XIII Premio Jules Verne. Con todo, coido que pode ser de interese, tamén, para o público adulto –se é que existe fronteira algunha entre estes dous territorios-.

A trama xira ao redor do suicidio. Déixase claro desde o inicio e evítase, en calquera momento, camuflar ou subordinar este tema a outros. Un punto elemental da obra é o rigor desde o que se narra este feito e se abordan cuestións relacionadas coa saúde mental. A autora, desde o meu punto de vista, sae ben parada deste reto.

Outro dos acertos sitúase na maneira en que se constrúe unha protagonista ausente. Imos sabendo dela a través da mirada poliédrica do resto de personaxes, que dan contan do universo de Rosa.

Un elefante na sala de estar non é tan só un libro que fale de temas que estamos a recuperar no espazo público. Non. É moito máis. É memoria, reparación e afecto, entre outras moitas cousas.

Gustoume, especialmente, o peche da obra coa parábola hindú, que a seguir vos deixo:

“Catro sabios cegos querían saber como era verdadeiramente un elefante e pedíronlle ao rei que lles deixase tocar un.

Un tocou a cola do elefante e dixo: un elefante é coma unha corda.

Outro tocou o bandullo e dixo: un elefante é coma un tambor.

Outro tocou a orella e dixo: un elefante é coma un abano.

O último tocou unha das patas e dixo: un elefante é coma o tronco dunha árbore.

Como non se poñían de acordo preguntáronlle ao rei quen deles os catro dicía a verdade e o rei contestou así: o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefante é a suma de todo iso e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería”.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: El amante

Autor: Marguerite Duras

Editorial: Círculo de Lectores

Ano de publicación: 1987

Chego a Marguerite Duras tarde. Demasiado tarde, tal e como adoita sucederme con moitas das autoras que nos últimos anos vou descubrindo, grazas, case sempre, ao diálogo que establezo con outras lectoras. Digo isto sen deixar atraparme pola culpa, tan só coma evidencia do labor de busca que imos realizando para recuperarmos distintas voces femininas, máis ou menos consagradas.

Durante este verán asisto a un proxecto de biblioterapia con mulleres, que se desenvolve na Fundación Uxío Novoneyra. Na segunda sesión, que guía Lucía Miranda, falamos de “lembrar e reconstruírse”, transitando por diferentes textos, entre os que atopamos fragmentos desta obra.

Recoñezo unha forza atraínte na narrativa de Marguerite Duras. Pois parece que a protagonista desta novela autobiográfica, malia a súa xuventude, gozase dunha asombrosa determinación en cada un dos seus actos. E a pesar diso, non pode haber máis fraxilidade en toda ela, exposta a diferentes violencias, que unha identifica perfectamente a medida que avanza na lectura. “Nunca buenos días, buenas tardes, buen año. Nunca gracias. Nunca una palabra. Nunca la necesidad de pronunciar una palabra”.

Coido que El amante consegue atravesarnos, precisamente, por todo aquiloque non se conta de maneira explícita e que envolve netamente a secuencia dos encontros amorosos entre unha adolescente e un adulto adiñeirado. Así a todo, o tempo e o espazo, situados na Indochina de principios do século XX,xogan un papel decisivo para comprendermos o modus operandi dos personaxes, que esixe, pola nosa parte, unha mirada afastada do presente.

Aventuraríame a dicir, abraiada aínda polo pouso desta experiencia lectora,que detrás do desexo latente nestas páxinas existe unha ferida aberta que sangra, que non deixa de sangrar. Dela non podemos nin poderemos fuxir, quizais, porque como sinala a poeta Chantal Maillard, “la herida nos precede”.