Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

FONTE DO TRABAO

Agardabamos a chegada do mestre, que desde Bolaño, cansado e esgotado pola subida do Bulleiro e a calor que xa comezaba apertar naqueles días de finais de primavera, para, segundo o víamos asomar pola Ferrería, correr cara a el e pedirlle ir beber á fonte do Trabao.

O Trabao estaba a uns trescentos metros. Era unha desculpa perfecta, ir botar uns grolos de auga fresca, para así perder media tarde de aulas. O mestre, amosando certa desconformidade, pero no fondo cedendo de bo grado, dábanos permiso: “Ide logo, pero vide pronto, que hoxe temos que dar a lección das cordilleiras de España”.

Marchabamos, sen présa, perdendo o tempo collendo bolboretas, tomando na man unha xoaniña para logo deixala voar, ou se cadraba un caracol, para cantarlle aquilo de: “caracol, col, col, saca tus cuernos al sol, que tu padre y tu madre ya los  sacó”… Así ata chegar ao seu carón. Seis pasos de baixada e alí estaban os tres canos manando auga continuamente, nunca a lembro seca. Sempre bebíamos polo cano que quedaba á nosa esquerda segundo baixabamos; o do medio era o máis groso, pero atestado de mofo que lle colgaba coma se fose un fío de la ( dábanos moito noxo polo que non bebiamos por el);  o terceiro apenas botaba auga.

Tras beber aquela fresca e gorentosa auga —aínda hoxe ao lembrar aquel pracenteiro líquido, que ao mesmo tempo nos servía para refrescarnos e quitarnos de enriba a suor, fáiseme a boca auga, nunca mellor dito— regresabamos coa mesma pachorra coa que ía case media hora viñeramos.  Aló ía a lección de xeografía e o normal era pasar a algunha actividades das de formación do espírito ou conmemorativas; sempre había algo que conmemorar relativo a algún santo, algunha virxe, algún acontecemento ou exaltación patriótica…

Pero a fonte do Trabao non só era para zafarse das tarefas arduas das tardes calorosas. Todos os días e, máis dunha vez, era mester visitala para traer a sella chea de auga para beber ou algún caldeiro para lavar a louza e, por suposto, para encher o barreño e lavarnos.

Sen contar os momentos, que pasando por diante dela, baixaba botar un grolo. Coma aquel día que vindo da casa de Carreira, no barrio de Tarrío, cunha botella de leite na man,  non sei coma fixen que caín de fociños escaleiras abaixo; aló fomos botella e máis eu, producíndome unha ferida, da que aínda conservo a lembranza en forma de corte no brazo esquerdo.

No libro “O silencio do orballo”, adícolle un poema a esta emblemática fonte da vila de Castroverde.

INFANCIA

A miña infancia é unha fonte

ao pé da casa do Coche,

unha fonte de tres canos

que lle chaman do Trabao.

A miña infancia é unha escola

que agora xa non existe,

unha escola, un vello mestre

que aló pola primavera

en tardes moi calorosas

beber auga do Trabao

nos deixaba de bo grado.

A miña infancia son tres canos,

un mestre que xa se foi,

un poema de Machado

recitado de memoria:

“Una tarde parda y fría

de invierno. Los colegiales

estudian. Monotonía

de lluvia tras los cristales”