Escándalo no escuro é un ambicioso dobre LP no que unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros
O público pode facer xa a pre-garda do disco:
https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroA e https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroB
A Sala Garufa Club da Coruña acollerá o concerto de presentación de Escándalo do escuro o venres 14 de marzo, a partir das 22.00h, con convidados moi especiais: French Riviera, hydn, Alfonso de Capital Voskov, Filloas e Mayra de Leria
Este venres, 7 de marzo, ás 00.00h, Amoebo publica o seu novo disco, Escándalo no escuro, nas principais plataformas dixitais. Neste dobre LP, unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento explora os ritmos urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.
Escándalo no escuro é un dobre álbum do que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto. O público pode facer xa a pre-garda do novo traballo discográfico de Amoebo en:
https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroA e https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroB.
Neste novo traballo producido por David Fernández (Daiv) conviven dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios. Os temas de Escándalo no escuro presentan, tamén, una gran carga explícita, onde non falta a ironía tan característica do seu frontman Aaron Valle. En palabras da banda, “este dobre LP promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que nos achega: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto”.
Sobre esta dualidade de Escándalo no escuro, Aaron Valle apunta tamén: “tanto o título como a estética, as letras e os sons son máis rockeiros e cañeiros, pero tamén máis urbanos e máis bailables. Hai sonoridades máis escuras e letras máis picantes, máis directas, máis explícitas. Pero tamén é un álbum sacado moito máis do peito, que amosa o momento no que nos atopamos. É incesante, enérxico e con moito corazón”.
Escándalo no escuro é un cambio a nivel sonoro, pero Amoebo non está pechado a ningún estilo musical: “gústanos a brasa, o reguetón, o metal, o techno, todo o bailable… Inspirámonos un pouco en todo iso e tratamos de facer esa mestura que é a nosa identidade”, apuntan. E conclúen: “este novo álbum é un xiro de 360º no noso traballo, pero mantendo, sempre, a nosa esencia. Non esquezamos que Amoebo é para bailar, para gozar do show, para divertirse. Apostamos por un álbum con forza, que reflicte o que son os nosos directos”.
O novo LP está conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skitscada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B está tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual, para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ESCANDALO NO ESCURO NA SALA GARUFA CLUB
O venres 14 de marzo, Amoebo presentará ao vivo o seu novo traballo discográfico na Sala Garufa Club da Coruña. No concerto, a banda estará arroupada por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos e bailables.
Así, French Riviera encherá a Garufa cunha divertida viaxe ao anos 80 a golpe de funk e retroelectrónica, para dar paso á fantasía, o fogo e a escuridade da música urbana de hydn e o seu dark pop electrónico con influencias de rnb e outros sons. Pola súa banda, a potencia vocal de Alfonso, de Capital Voskov, chegará para dar boa mostra do seu pop denso, con coidadas texturas do indie e a urxencia do pop. Tampouco faltarán á cita o divertido pop urbano de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria.
A partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegan a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Como a propia banda remarca: “Escándalo no escuro é un disco para bailar sen parar, moi potente, de principio a fin. E o directo que estamos a preparar é potentísimo, cun ritmo desenfreado, cheo de coreografías, de guitarras e de posta en escena; moi intenso, que non deixa respirar”.
As últimas entradas para o directo están dispoñibles a través de Entradium:
https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa
AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS
Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.
O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez.Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.
Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para lanzar seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025.
20250306-NP-Amoebo-EScandalo-no-escuro