As “Lobas” volverán aos escenarios no 2025 cun traballo onde o amor, poliédrico, será o fío condutor
‘Lova’, que se acompañará dun videoclip, poderase escoitar a partir das 00.00 horas do día 13 nas principais plataformas dixitais
Logo dun ano de intenso traballo creativo, A banda da Loba, ABDL, ultima os detalles do que será o seu quinto traballo discográfico. O vindeiro venres 13 de decembro, a partir das 00.00 horas, o público poderá escoitar Lova, o primeiro petisco do álbum que será publicado a comezos do 2025 e que suporá o esperado regreso de ABDL aos escenarios.
Neste Lova está presente o característico estilo calidoscópico de ABDL e adiántase o que vai ser o fío condutor deste novo traballo: o amor e as súas múltiples formas de expresión. Será un disco onde confluirán diferentes estilos e na que reivindicarán a inspiración literaria da que fan gala desde os seus inicios. Lova chegará acompañado dun videoclip que se poderá descubrir o xoves 12 de novembro ás 21.00 horas na canle de YouTube da banda.
ABDL
A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas(2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. A comezos do 2025 volverán aos escenarios co seu quinto álbum de estudio.
Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.
Web A banda da Loba | https://abandadaloba.gal/
Canle YouTube ABDL | https://www.youtube.com/@AbandadaLoba