A Escola de Teatro vilalbesa vai celebrar os seus dez primeiros anos de existencia. Comezará a celebración cunha exposición que se realizará na sala de Exposicións do Auditorio Municipal Carmen Estévez, dende o vindeiro 10 de marzo até o 31 deste mesmo mes. Nesta exposición amosaranse os carteis de todas as obras que estreou a escola vilalbesa nesta década, de todos os grupos (nenos ou adultos), ademais de obxectos de atrezo, vestiario e unha colección de fotografías das representacións, os seus ensaios e outras actividades nas que participou na capital chairega, en distintos eventos como as feiras medievais, o San Xoán ou o Enterro da Sardiña.
Por outra banda, o concelleiro de Cultura vilalbés, José Antonio Pita, salientou, durante a presentación de ditos actos de celebración, o agradecemento «polo traballo dos últimos anos a María Xosé Lamas, a través do Centro Dramático Vilalbés, Teresa Castro, Cristina Mariño e, agora, Guillermo Cancelo e Iria Acevedo», que permitiu levar a cabo «un gran labor a nivel social e, tamén, de integración, xa que participan rapaces do centro ocupacional».