ESTE NOVO SINXELO É O SEGUNDO ADIANTO DO QUE SERÁ O SEU PRÓXIMO EP
ESTREARÁ EN DIRECTO O TEMA MAÑÁ VENRES 27 NO PRIMEIRO CONCERTO DA SÚA XIRA DE SALAS GALEGAS NA SALA RUIDO DE FERROL
Sabela presenta un novo sinxelo da súa nova etapa baixo o nome de “Eu Espero Aquí”, exercendo como segundo adianto do que será o seu próximo EP, que verá a luz a finais deste ano 2024. Este novo tema mantén o carácter nostálxico que adoita caracterizar á artista galega, pero a xuntanza co produtor Ed Is Dead, artífice tamén do seu anterior tema “Hi, My Love” e do que será o seu próximo EP, alonxa ese factor nostálxico da tristeza e o achega máis a sentimentos eufóricos, enérxicos e ata románticos. Esta nova aposta de pop electrónico de Sabela é toda unha declaración de intencións, afianzándose con este son fresco e innovador como unha referente deste eido. A primeira vez que se poderá escoitar esta canción en directo será o próximo sábado 28 de setembro na Sala Ruido de Ferrol, onde comezará a súa xira por salas galegas baixo o nome de “Hi, My Love Part”.
“Eu Espero Aquí” é o segundo traballo en conxunto na produción entre Sabela e Ed Is Dead. Ed é un recoñecido e prestixioso DJ e produtor de música electrónica a nivel internacional, con múltiples galardóns da talla do Premio VMA a “Mellor Produtor de Música Electrónica” ou o Premio MIN a “Mellor Gravación de Música Electrónica”. Algúns dos seus traballos están recoñecidos como referencias da música electrónica, seleccionados entre os mellores álbums do ano na música electrónica por revistas internacionais especializadas, contando con millóns de escoitas en plataformas dixitais, colaboracións con artistas finalistas nos Premios Grammy ou presentacións en vivo nalgúns dos festivais máis importantes de España como son o BBK, o Sónar ou o Arenal Sound.
Nesta ocasión, ademais da produción xunto a Ed, Sabela traballou na composición xunto á súa compañeira de edición en Operación Triunfo, África. A artista de Ourol destaca a admiración pola forma de construír melodías da súa compañeira, coa que comezou a compoñer esta canción fai tempo, e que despois adaptou para levala ao galego e baixo ese toque electrónico tan característico de Ed Is Dead. A propia Sabela resalta a facilidade coa que saíu a letra e a melodía, que contrasta co traballo de produción xunto a Ed, no que custou atopar ese equilibrio entre o pop e a electrónica que tanto peso teñen na canción. A portada deste novo sinxelo corre a cargo de Juan Ramil.
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes cidades ao longo de España como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla entre outras, así como festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o propio O Son do Camiño. Sabela está mergullada neste 2024 nunha gran xira por todo o país, no que tamén fixo oco para levar o seu directo a festivais como o SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo durante o verán, ao que se lle sumarán máis datas que irá anunciando proximamente. Con todo isto, a finais de ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, publicado en maio deste mesmo ano, é xa o seu primeiro sinxelo. Desta maneira culmina así un ano totalmente prolífico para a de Ourol.
A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Hi, My Love precede a temas como Cenizas, Ya No Me Quiero Ir ou Cidade Desexo,que veñen de obter grandes números de escoitas. Este éxito afianzou unha carreira que conseguiu encandear ao público nos seus directos e de lograr colaboracións con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra, así como de alzarse tamén con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza por Despedida.
A banda actuará hoxe ás 20.30 horas na facultade luguesa de Veterinaria e mañá, xoves 26, á mesma hora, na praza de Mazarelos, en Compostela
O peche chegará no Grove o 4 de outubro, coa actuación dos muradáns na praza do Corgo, no marco da programación da Festa do Marisco
As vindeiras datas confirmadas son no 2025: o 22 de marzo no Coliseum da Coruña e o 26 de abril no pavillón da Magdalena de Avilés para abrir os concertos de La Raíz
La máquina del buen rollo para, mais non pecha. The Rapants ofrecerán desde hoxe, mércores 25, e até o venres 4 de outubro, os seus últimos tres directos da xira estival. Logo de percorrer ducias de salas e eventos musicais do país, que comezaron no mes de marzo cun dobre ‘sold out’ en cuestión de minutos na Sala Capitol, os muradáns achegaranse a Lugo, Santiago de Compostela e O Grove para activar o “saltón rapante” de balde.
Así, The Rapants actuará esta tarde, ás 20.30 horas (apertura de portas ás 20.15 horas) no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, no marco da programación das xornadas de benvida que a Universidade de Santiago de Compostela ofrece ao seu alumnado. O acceso será de balde e libre ata completar a capacidade do espazo. Ao día seguinte, o xoves 26, e á mesma hora (20.30h), fará o propio na praza compostelá de Mazarelos.
A última data do verán da xira de presentación de La máquina del buen rollo, o terceiro LP do grupo, chegará o venres 4 de outubro. A praza do Corgo, no Grove, acollerá -no marco da programación da Festa do Marisco- un concerto de balde dos rapantes. O acceso será libre e a organización do evento facilitará ao público os horarios nos vindeiros días.
Con estas tres últimas citas The Rapants pecha unha xira que levou aos muradáns a actuar nalgúns dos festivais máis coñecidos do país, como Portamérica, Revenidas, Noroeste Estrella Galicia, Surfing The Lérez, Osa do Mar, Carrilanas, Ourensound ou SonRías Baixas. Tamén formaron parte do cartel de eventos populares como a Festa do Albariño de Cambados ou a Festa do Champiñón de Ordes; e mesmo actuaron sobre as táboas de espazos míticos como o Náutico de San Vicente (O Grove) ou mesmo en La Sala do WiZink Center de Madrid, na que se coroaron o pasado abril como gañadores do certame Último acorde x Johnnie Walker.
As vindeiras actuacións confirmadas de The Rapants serán xa para o ano que vén. Os muradáns serán a banda de apertura dos concertos da nova xira de La Raíz, que regresa aos escenarios logo de seis anos de ausencia. Os rapantes abrirán os directos do grupo liderado por Pablo Sánchez nos concertos que estes ofrecerán o 22 marzo na Coruña (Coliseum) e o 26 de abril en Avilés (pavillón da Magdalena). As entradas están á venda nas plataformas Enterticket e Ataquilla.com. Máis información: www.therapants.es
Este domingo, 29 de setembro, organizan desde a Casa-Museo Manuel María unha camiñada pola parroquia de Bonxe, terra de cacharreiros e cacharreiras. Seguindo o patrimonio do barro, Orlando Viveiro (divulgador e estudoso da olaría), descubriranos, ao longo de case cinco quilómetros polos distintos lugares da parroquia, ese mundo (os seus fornos, obradoiros…)…, e todo, acompañado por pequenos textos de artigos de Manuel María e algún que outro dos seus poemas.
Sairán da Casa-Museo Manuel María, en automóbeis, ás 10 horas, para nos desprazar ao punto de inicio (o obradoiro de Pepa Lombao). A camiñada comezará contra as 10:20 horas.
Tras “Unhas poucas picadelas” producido no 2016, Teatro de Ningures volve ás táboas con “As Gardiás”, un texto de Násser Djemaï dirixido por Cristina Domínguez.
“As Gardiás” estrearase o vindeiro 9 de novembro de 2024 en Cangas e porá en escena por primeira vez no Estado un texto de Násser Djemaï.
O espectáculo
O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se atopa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria textil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade.
Ficha artística
Autoría: Násser Djemaï
Dirección: Cristina Domínguez
Reparto:
Susana: Casilda Alfaro
Ana: Rebeca Montero
Margot: Sonia Rúa
Rosa: Amparo Martínez
Vitoria: Melania Cruz
Tradución: Henrique Harguindey
Adaptación: Vanesa Sotelo
Deseño Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
Deseño Gráfico, Fotografía, Cartel e Programa: Diego Seixo
Espazo Sonoro: Héctor Pazos
Deseño Iluminación: Héctor Pazos/Salvador del Río
Dirección de produción: Salvador del Río
Produce: Teatro de Ningures
Axuda á creación: Xunta de Galicia a través da AGADIC
AS GARDIÁS reflexiona sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias co calor humano da comunidade. O autor francés, Násser Djemaï, narra con sensibilidade a resistencia destas “gardiás” contra a inclemente modernidade. A peza explora o desexo de vivir e a solidariedade comunitaria, interpelándonos sobre como, onde e con quen queremos envellecer.
O espectáculo orixinal está de xira en Francia con moi boas críticas dende a súa estrea en 2022. Este é o teaser do espectáculo na súa versión en francés:
A compañía
Despois de trinta e oito anos de teatro profesional, Teatro de Ningures (fundada en 1986) reúne unha serie de recursos técnicos, humanos e materiais que fan desta empresa unha das máis estables de Galicia e un punto de encontro indispensable para os profesionais e creadores desta zona, así como unha referencia no panorama teatral galego. Conta cun elenco estable formado polas catro socias fundadoras da empresa (Casilda Alfaro, Sonia Rúa, Pepa Barreiro e Salvador do Río), ademais dun amplo número de actores e actrices que de unha forma ininterrompida estiveron traballando nos últimos anos en varias producións teatrais.
Ao longo de toda esta traxectoria leváronse a escena 32 obras de teatro de autores tanto clásicos como contemporáneos, estando presentes nas redes e circuítos de distribución tanto de Galicia como a nivel nacional, en numerosos festivais, mostras e certames en Asturias, Madrid, Castela-León, Euskadi, Valencia, Portugal, etc…
Desde 2017 vense realizando cada ano a produción do macroespectáculo Defensa da Vila. María Soliña, recreación histórica do ataque sufrido pola Vila de Cangas por parte de piratas berberiscos que desencadenou a traxedia de María Soliña, onde interveñen ademais de actores e actrices, bailaríns e músicos profesionais máis de 100 persoas relacionadas coas asociacións culturais da zona.
O noso obxectivo principal é a posta en escena de autores tanto clásicos como contemporáneos, tratando de tocar temáticas de actualidade e ser un espazo aberto de debate e reflexión dos problemas que afectan tanto aos individuos como á sociedade na que vivimos.
O autor
Nasser Djemaï, graduado da École Nationale de la Comédie de Saint-Étienne e da Birmingham School of Speech and Drama en Gran Bretaña, comenzou a traballar con René Loyon, Daniel Benoin e Robert Cantarella. Continuou a súa formación actoral con Philippe Adrien, Alain Françon, Joël Jouanneau, Georges Lavaudant antes de interpretar e dirixir os seus propios textos.
Unha estrela para o Nadal , un espectáculo en solitario inspirado na súa vida, foi creado na Maison des Métallos de París en 2005 e representarase máis de 500 veces en Francia e no estranxeiro entre 2005 e 2012. A seguir Les Vipères se parfument. au jasmin en 2008, logo Invisibles , en 2011, creado en MC2: Grenoble.
Nasser Djemaï recibiu tres nominacións aos premios Molières 2014 nas categorías de Autor francófono, Director de teatro público e Espectáculo de teatro público, así como o premio SACD Novos Talentos de Teatro.
Desde o 1 de xaneiro de 2021, Nasser Djemaï é director do Théâtre des Quartiers d’Ivry – CDN du Val-de -Marne. Les Gardiennes , séptima creación, viu a luz no TQI o 9 de novembro de 2022.
Algunhas cuestións sobre a produción
-O autor Nasser Djemaï non foi aínda levado ás táboas en galego nin en castelán. Como foi o encontro coa súa obra?
Nasser Djmai é un sólido e solvente autor e director de escena francés, que trata temas apegados á actualidade, recoñecibles para as clases populares. Foi na procura de materiais de interese para o grupo, e dentro do ámbito xeográfico europeo, que topamos este texto.
-E como decidides a selección desta súa última peza?
Despois dunha primeira tradución, feita por Quique Harguindey, optamos por tentar levar o texto á escena, debido á calidade da escrita, á universalidade do tema e a facilidade para adaptalo á realidade galega.
-A temática está de especial actualidade, quizáis porque nos decatamos agora de que envellecer require coidados ou que somos unha sociedade avellentada?
A temática foi fundamental, á hora de decidirnos a levar a cabo a montaxe., porque procurabamos un tema que estivese pegado á realidade e que fora de interese xeral. E nestes momentos, nos que vivimos unha sociedade envellecida, pero que non sabe que facer cos seus maiores cando deixan de ser persoas produtivas, pensamos que era o momento de propoñer o debate sobre como queremos vivir a nosa vellez.
-Bullying, maltrato, lgtbiq+, apariencia e consumismo, precarización laboral, … segue sendo unha ferramenta de loita social o teatro? un escaparate da realidade?
O teatro é a ferramenta máis asequible, debido á súa inmediatez, para propoñer conflitos, que nos movan, que nos fagan pensar, e por que non? que nos fagan actuar. Nós, con As gardiás queremos propoñer un debate, abrilo no palco, para que continúe no ámbito público, na rúa, e no ámbito privado, nas nosas casas, nos nosos grupos de amizade, etc.
-Convidaredes á estrea ao autor?
Cremos que sería óptimo topar o espazo axeitado para convidar ao autor, non só a ver a peza, senón tamén abrir un espazo de conversa para compartir os diferentes xeitos de traballar no ámbito escénico en Francia e en Galicia. Ningures leva anos entendendo a cultura coma un dereito, e recoñecendo ao público non só como mero consumidor, senón como protagonista da experiencia escénica. Un encontro co autor supón, pechar o círculo de dita experiencia.
*Na foto: lecturas iniciais durante o proceso de produción.
O tema poderase escoitar a partir das 00.00 do mércores 25 de setembro nas principais plataformas dixitais, dous días antes da chegada do filme ás salas
Fillas de Cassandra publicará o vindeiro mércores, 25 de setembro, o seu novo sinxelo, Cuando nadie ve. O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais, é a canción orixinal creada polo dúo especificamente para a película Soy Nevenka, cuxa estrea mundial tivo lugar onte, sábado 21, no marco da 72º edición do Festival de San Sebastián. O filme, dirixido por Icíar Bollaín, chegará ás salas de cinema o 27 de setembro.
Cuando nadie ve trátase do debut cinematográfico, como autoras, de Fillas de Cassandra, ámbito no que Sara Faro e María SOA deron os seus primeiros pasos coa creación da música que fiou a celebración dos XXII Premios Mestre Mateo o pasado mes de marzo -un ano despois da publicación do seu primeiro disco, Acrópole-. O compositor Xavi Font, responsable da banda sonora de Soy Nevenka, foi quen falou con Fillas de Cassandra do proxecto, unha proposta aplaudida por Icíar Bollaín, “quen contactou con nós e quen nos deu liberdade absoluta para que desenvolveramos o noso traballo”, sinalan Sara Faro e María SOA.
A canción orixinal do filme naceu da lectura e do estudo do guión da película, asinado pola propia Bollaín e Isa Campo. “Para nós foi moi impactante afondar máis aínda na historia de Nevenka Fernández, tan fiada ao universo e o relato do álbum Acrópole. A nosa gran preocupación durante o proceso creativo era atopar a voz, a sonoridade, as palabras e as harmonías dunha historia tan potente, mais dun xeito elegante e mesurado, sen caer na revictimización”, di Fillas de Cassandra.
“Buscamos que a canción fixera referencia a momentos clave da película ou que incluira, dalgún xeito, reminiscencias da mesma. Por iso no retrouso, ao tomar como referencia a súa decisión, lanzamos unha mensaxe esperanzadora (y si me alejan de mí /vengan todas sin callar); ou cando é obvio que todo o mundo do seu arredor observa o que hai e non se pronuncia, dicimos iso de aquí todos miran / pero nadie ve ”, explica o dúo.
Cuando nadie ve, producido por Fillas de Cassandra, Mumbai Moon e Greta Ch’aska, tamén incorpora uns versos en galego, nos que se fai referencia directa á negra sombra de Rosalía de Castro, “que tamén persegue a Nevenka”. “I en tódalas partes me buscas / i en todas me nombras / os flashes proxectan a forma dunha negra sombra”, canta o dúo, que na gravación da peza contou coa colaboración de Cibrán Seixo no violín e de Margarida Mariño no violoncello.
“Poñer en música e palabras o que viviu foi unha experiencia moi intensa e cremos que non hai un mellor debut posible para nós no mundo do cinema que sendo parte desta película. Estamos moi agradecidas”, aseveran María SOA e Sara Faro.
O tema Cuando nadie ve poderase escoitar nas principais plataformas dixitais desde o día 25, dúas xornadas antes da chegada da cinta ás salas de cinema, o venres 27 de setembro. A première mundial de Soy Nevenka -unha película orixinal Movistar Plus+ producida por Kowalski Films, Feelgood Media, Nva Peli AIE e produción asociada de Garbo Produzioni (Italia)- tivo lugar esta mesma fin de semana no Festival de San Sebastián, no que o filme de Icíar Bollaín competirá, na sección oficial, pola Concha de Ouro.