Fillas de Cassandra asina a canción orixinal da película ‘Soy Nevenka’, nomeada ‘Cuando nadie ve’

O tema poderase escoitar a partir das 00.00 do mércores 25 de setembro nas principais plataformas dixitais, dous días antes da chegada do filme ás salas

Fillas de Cassandra publicará o vindeiro mércores, 25 de setembro, o seu novo sinxelo, Cuando nadie ve. O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais, é a canción orixinal creada polo dúo especificamente para a película Soy Nevenka, cuxa estrea mundial tivo lugar onte, sábado 21, no marco da 72º edición do Festival de San Sebastián. O filme, dirixido por Icíar Bollaín, chegará ás salas de cinema o 27 de setembro. 

Cuando nadie ve trátase do debut cinematográfico, como autoras, de Fillas de Cassandra, ámbito no que Sara Faro e María SOA deron os seus primeiros pasos coa creación da música que fiou a celebración dos XXII Premios Mestre Mateo o pasado mes de marzo -un ano despois da publicación do seu primeiro disco, Acrópole-. O compositor Xavi Font, responsable da banda sonora de Soy Nevenka, foi quen falou con Fillas de Cassandra do proxecto, unha proposta aplaudida por Icíar Bollaín, “quen contactou con nós e quen nos deu liberdade absoluta para que desenvolveramos o noso traballo”, sinalan Sara Faro e María SOA. 


A canción orixinal do filme naceu da lectura e do estudo do guión da película, asinado pola propia Bollaín e Isa Campo. “Para nós foi moi impactante afondar máis aínda na historia de Nevenka Fernández, tan fiada ao universo e o relato do álbum Acrópole. A nosa gran preocupación durante o proceso creativo era atopar a voz, a sonoridade, as palabras e as harmonías dunha historia tan potente, mais dun xeito elegante e mesurado, sen caer na revictimización”, di Fillas de Cassandra.

“Buscamos que a canción fixera referencia a momentos clave da película ou que incluira, dalgún xeito, reminiscencias da mesma. Por iso no retrouso, ao tomar como referencia a súa decisión, lanzamos unha mensaxe esperanzadora (y si me alejan de mí /vengan todas sin callar); ou cando é obvio que todo o mundo do seu arredor observa o que hai e non se pronuncia, dicimos iso de aquí todos miran / pero nadie ve ”, explica o dúo.

Cuando nadie ve, producido por Fillas de Cassandra, Mumbai Moon e Greta Ch’aska, tamén incorpora uns versos en galego, nos que se fai referencia directa á negra sombra de Rosalía de Castro, “que tamén persegue a Nevenka”. “I en tódalas partes me buscas /  i en todas me nombras / os flashes proxectan a forma dunha negra sombra”, canta o dúo, que na gravación da peza contou coa colaboración de Cibrán Seixo no violín e de Margarida Mariño no violoncello.

“Poñer en música e palabras o que viviu foi unha experiencia moi intensa e cremos que non hai un mellor debut posible para nós no mundo do cinema que sendo parte desta película. Estamos moi agradecidas”, aseveran María SOA e Sara Faro.

O tema Cuando nadie ve poderase escoitar nas principais plataformas dixitais desde o día 25, dúas xornadas antes da chegada da cinta ás salas de cinema, o venres 27 de setembro. A première mundial de Soy Nevenka -unha película orixinal Movistar Plus+ producida por Kowalski Films, Feelgood Media, Nva Peli AIE e produción asociada de Garbo Produzioni (Italia)-  tivo lugar esta mesma fin de semana no Festival de San Sebastián, no que o filme de Icíar Bollaín competirá, na sección oficial, pola Concha de Ouro.

Pregarda Cuando nadie ve

O #FIOT33 activa a venda para o seu Programa de Sala, con Javier Cámara, Malena Alterio, Berrombambán e moitas más figuras imprescindibles da escena actual

Este luns, 23 de setembro, desde ás 10.00h, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, activa a venda das entradas para o público xeral para os espectáculos de Sala e OTNI da súa 33ª edición, que se desenvolverá entre o 26 de setembro e o 31 de outubro de 2024. 

Dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero ou Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto ou Paula Quintas, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán, Talía Teatro ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no festival.

Moitos dos espectáculos dos que o público poderá gozar este ano no FIOT remítennos a autores ou obras clásicas, coa idea de lanzar unha reflexión global: o que no século XXI nos parece actual e propio, xa foi exposto no pasado e, aínda que cambien as circunstancias, os grandes conflitos ou problemas das persoas ou sociedades son indisolubles da condición humana. E desta reflexión agroma o lema desta edición: Agora é sempre.

Deste xeito, este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3.

Por outra banda, este xoves, 26 de setembro, día de inauguración do #FIOT33, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá, ás 20.30h, a inauguración da Exposición Zoom FIOT.