Unha mala decisión, un xe no cadrado erróneo, un descoido ao volante… Un intre de desatención e, de súpeto… Soan campás disonantes e non sabe un a que aterse. O erro, xurdido de puntual distracción, ocupa o momento. O erro. Sempre firme no seu desfile. Sempre abrollando cando non o consideramos, cando obviamos a súa ameaza constante. Cando esquecemos ter presente unha das súas formas. O erro, que nunca perde a colleita. E nós, que aprendemos do temporal que nola estraga. Que convivimos coa nosa condición de seres que se trabucan e que acertan. E que volven espreguizar os dedos cando os días se engurran. Porque aínda hoxe, con outra feitura e con miradas de estrea, o milagre segue sendo posible.
E, porén, ocorre o milagre do sorriso. Medráralle na boca unha recua de espiñas. Noutrora. No seu acento, aquel valado de silvas. Aquel recendo de toxos bravos que lle emanaba das veas. Entre as súas partes fracturadas, flotaba un rumor acedo de tristura. Flotaba. Noutrora. E, porén, hoxe florea.
Nada máis nas beiras das présas, medrando no asfalto, na ponte da confluencia. O intre sostense, sabedor do que fomos, explorando o que somos. Nin corrente anuladora, nin vento fero que rache o encontro. Nada pode romper o momento. No bico, sempre novo e de estrea, non existe nada máis.
Unha explosión de arquipélagos. Unha ponte entre batalla e batalla. Para bicar a epiderme de cada cor. Para desfacer cada liña que trace o medo. Lin que polo noso organismo transcorren uns noventa e seis mil quilómetros de vasos sanguíneos. E, ás veces, non conseguimos atopar o camiño.