Rager homenaxea ao Xabarín Club coa publicación de “Estou na lavadora”

O GRUPO ESTREA O TEMA DESPOIS DE SUBIRSE AO ESCENARIO DE VARIOS DOS GRANDES FESTIVAIS GALEGOS ESTE VERÁN

Pasado e futuro danse a man no novo sinxelo da banda galega Rager, Estou na lavadora. Esta reedición do mítico himno da banda ponteareá O Caimán do Río Tea, conecta dúas xeracións bastante alonxadas baixo un mesmo elemento, a lembranza e homenaxe ao Xabarin Club. Desta maneira, o grupo pontevedrés trata de deixar a súa pegada no tema sen perder a esencia orixinal que marcou a tantos galegos. Con este lanzamento, a banda celebra un verán inmellorable, tras a súa presencia nalgúns dos maiores festivais de Galicia, como son SonRías Baixas ou BIGOSUND Pontevedra, onde amosaron que son unha das caras máis prometedoras da escena emerxente galega.

Pese á súa xuventude, todas as persoas integrantes de Rager lembran ver e medrar co mítico programa infantil e xuvenil da Televisión de Galicia, para quenes foi un auténtico privilexio darlle outra nova vida a unha das cancións galegas máis míticas. Como apunta a banda, reconstruír este tema para darlle o seu toque máis persoal foi moi sinxelo e fluído, tendo en conta que os arranxos ao tema foron moi naturais.

Esta versión cociñouse arredor do filme documental Bravú XXX, realizado por Nós Televisión, no que se puxo en valor e conmemorou os 30 anos do Rock bravú galego. Esta adaptación da banda foi a encargada de abrir a peza conducida por unha das figuras máis históricas do xénero, Xurxo Souto. O grupo destaca o importante que foi coincidir e falar tanto con Xurxo como a súa banda, Orquestra Bravú Xangai, cos que compartiron escenario no Culturgal, e dos que extraen o apoio e a motivación que sentiron ao convivir e entablar relación con eles.

PRÓXIMAS DATAS EN DIRECTO

26/09 · Festival Psicotroita · Sigüeiro

MÁIS SOBRE RAGER

Rager é a voz das xeracións futuras. Coa súa mestura visceral do rock e o punk coa electrónica, a banda galega emerxe como unha das figuras máis prometedoras do panorama musical actual. Con rabia, reivindicación e enerxía, a banda érguese como estandarte das novas xeracións cun discurso e idioma propio que busca dar de que falar e escoitar a quen se atreva. Combatividade, identidade e guitarras para alzar a voz dende o inconformismo, aportando e enriquecendo unha escena  emerxente con tendencia ao urbano e cada vez máis lonxe dos riffs, os berros e a mentalidade crítica.

Nacida en 2022, a banda dá os seus primeiros pasos cunha firmeza que rápido as posiciona como unha das grandes figuras da nova fornada de promesas da música en galego, chamando a atención de estandartes como Xurxo Souto, lenda do rock bravú galego, co que colaboraron participando no seu documental Bravú XXX.

Con xa numerosos concertos por Galicia ás súas costas, saltando incluso a fronteira ata Portugal, a banda encara un 2026 no que xa pisaron varios dos festivais máis importantes de Galicia, compartindo cartel e escenario con artistas estatais e internacionais. Desta maneira, chegan para amosar que con personalidade e dende as marxes tamén se pode desenvolver unha carreira musical, recollendo ese futuro prometedor para convertelo nunha realidade. A agrupación está a traballar no estudo para que este ano poida ver a luz o seu primeiro traballo discográfico.

20260917-NP-GAL-LANZAMENTO-ESTOU-NA-LAVADORA-RAGER

XXIII Ruta Chairega: RUTA DOS MUÍÑOS DO REGO DAS GÁNDARAS por terras de VILASANTAR

O IESCHA organiza a XXIII Ruta Chairega RUTA DOS MUÍÑOS DO REGO DAS GÁNDARAS por terras de VILASANTAR, prevista para o domingo 4 de outubro de 2026.

A saída de Vilalba, dende os arredores da Casa da Cultura, producirase ás 9:00 horas. A continuación, viaxe Vilalba–Vilasantar para dende A Ponte do Sapo dar comezo ao recorrido da RUTA DOS MUÍÑOS DO REGO DAS GÁNDARAS, acompañados nesta ocasión por Xosé Manuel Felpeto e Xesús Bermúdez, sempre con interesantes e atinadas observacións.

NOTA-INFORMATIVA-XXIII-RUTA-CHAIREGA-VILASANTAR

Entradas xa dispoñibles para a Rúa dos Contos do #FIOT35 e, desde este venres 18, para o público xeral para o resto do programa

Deste este luns, 14 de setembro, xa é posible adquirir os bonos e as entradas para a Rúa dos Contos do FIOT:

https://i.gal/fiot35-entradas-ruadoscontos

Nesta 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, a Rúa dos Contos volverá converter bares, cafés e outros espazos cotiáns en escenarios para a palabra, o humor, a improvisación e a retranca, con propostas como ¡Por fin me voy!, a despedida escénica de Carles Sans, fundador de Tricicle, que celebra 45 anos de traxectoria; As ben dadas, de Atenea García, que recupera con humor as historias das disidencias sexuais en Galicia; A historia vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos, unha irreverente viaxe pola representación do corpo feminino ao longo da historia; Pequenos pero faltóns, de Adrián do Regenco e Pablo Alvite, sobre as contradicións da vida cotiá desde a nova retranca galega; e El Famoso Trino, que leva ao escenario a súa sátira viral das falsas noticias. A programación complétase con historias da memoria oral de Galicia da man de Carmen Conde, a poesía acústica con Lúa Mosquetera e o humor imprevisible de Josito Porto, ademais da improvisación de Fábrica de Impro e a sesión musical de DJ Maikel.

Por outra bada, as persoas asociadas da Asociación Telón e Aparte poden mercar xa, tamén desde hoxe luns, 14 de setembro, os seus bonos para o Programa de Sala do #FIOT35.

Mentres, o público xeral, poderá facerse cos seus bonos de Sala a partir deste venres, 18 de setembro, ás 10.00h, momento no que tamén sairán á venda as entradas soltas de Sala e do resto das seccións do festival (OTNI, Fiot en Ruta, etc.).

No programa de Sala do #FIOT35 poderémos gozar con nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Andrés Lima,Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir:

https://fiot.gal/programacion/#programa-de-sala

Toda a información sobre a venda de entradas do festival pode consultarse na páxina web oficial:

https://fiot.gal/entradas

2025.09.04.NP-presentacion-FIOT35-1

O cinema galego consolídase no Reino Unido na nova edicición do London Spanish Film Festival

Imaxe de As liñas descontinuas

O London Spanish Film Festival acollerá unha nova edición desta sección organizada polo Galician Film Forum que incluirá a estrea británica de As liñas descontinuas, a proxección de Rondallas e cinco recentes curtametraxes

O cinema galego volverá ter unha presenza destacada no XXII London Spanish Film Festival (LSFF) coa cuarta edición de Letters from Galicia, unha sección organizada polo Galician Film Forum (GFF) que achega ao público británico unha selección da creación audiovisual galega recente. A programación desenvolverase entre os días 18 e 21 de setembro en diferentes espazos de Londres e incluirá a proxección da longametraxe Rondallas, unha sesión dedicada á curtametraxe galega contemporánea e a presentación de As liñas descontinuas.

Letters from Galicia está organizada polo Galician Film Forum e conta co financiamento derivado da colaboración establecida entre o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, no marco de Xacobeo 2027. A iniciativa conta, ademais, co apoio de Abanca.

A sección abrirase o venres 18 de setembro ás 20:30 horas (UK) en Riverside Studios, coa proxección de Rondallas. A película, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo e protagonizada, entre outros, por Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas, sitúase nunha pequena vila mariñeira galega marcada polo naufraxio dun pesqueiro e narra o proceso polo que a comunidade recupera a súa rondalla como espazo de encontro, ilusión e esperanza. A longametraxe combina comedia e drama arredor da capacidade dunha comunidade para sobrepoñerse á perda.

Cinco curtametraxes galegas

O domingo 20 de setembro ás 15:50 horas (UK), no Ciné Lumière II, terá lugar a sesión Short Letters from Galicia, dedicada á curtametraxe galega. A programación reúne cinco obras recentes que ofrecen unha panorámica da diversidade temática, estética e autoral do audiovisual galego contemporáneo: As maos da pulpeira (2025), de Silvia Cachafeiro; Alboroque (2025), de Sabrina Fernández; Escala un cincuenta mil (2026), de Ángel Suanzes; O corpo de Cristo (2025), de Bea Lema; e Cara de cona (2026), de Guillermo de Oliveira.

Esta selección de curtas dá continuidade ao labor do Letters from Galicia como espazo de exhibición internacional para novas voces e para unha cinematografía galega que nos últimos anos está a ampliar a súa presenza en festivais e circuítos internacionais.

As liñas descontinuas, con coloquio coa protagonista Mara Sánchez

A programación galega no London Spanish Film Festival pecharase o luns 21 de setembro ás 18:15 horas (UK), no Ciné Lumière I, con As liñas descontinuas (2025), de Anxos Fazáns. A película, protagonizada por Mara Sánchez, Adam Prieto, Ana Fornéas e Mónica García Cadahía, terá a súa estrea no Reino Unido e, ao remate da proxección, o público poderá participar nun coloquio con Mara Sánchez, actriz protagonista, moderado por Adriana Páramo, responsable do GFF.

Esta nova edición de Letters from Galicia consolida así a colaboración entre o Galician Film Forum e o London Spanish Film Festival, creando un espazo estable para a difusión internacional do audiovisual galego e para o encontro entre profesionais, creadoras e creadores e público británico.

Sobre o Galician Film Forum

En 2015 un colectivo de galegos residentes en Londres puxo en marcha o Galician Film Forum (GFF), coa intención de promover e visibilizar o cinema galego na capital do Reino Unido. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega.

4TH LETTERS FROM GALICIA | PROGRAMACIÓN

Rondallas de Daniel Sánchez Arévalo

Venres 18 setembro | 20:30 h | Riverside Studios

Entradas: https://riversidestudios.co.uk/whats-on/ubz-band-together-rondallas/

Shorts Letters from Galicia (As maos da pulpeira, Alboroque, Escala un cincuenta mil, O corpo de Cristo, Cara de cona)

Domingo 20 setembro | 15:30 h | Ciné Lumière II

Entradas: https://www.institut-francais.org.uk/cinema/shorts-from-galicia-2/#/

As liñas descontinuas de Anxos Fazáns

Domingo 21 setembro | 18:15 h | Ciné Lumière I

Coloquio coa actriz protagonista Mara Sánchez moderado por Adriana Páramo (GFF)

Entradas: https://www.institut-francais.org.uk/cinema/the-dashed-lines/#/