O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental Emoción, vida e teatro. A Nave das Marías, deSaamira Ganay e Cris Andina, continuando así co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta quinta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 10 DE NOVEMBRO DE 2024, ás 20:00 horas.
A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO
NOVA CONVOCATORIA IV CERTAME DE CALIGRAMAS “CONSTANZA DE CASTRO”
Dende a Asociación Veciñal Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, e de acordo coa resolución adoptada polo xurado do certame en cuestión, informamos de que, debido a un erro informático alleo á organización e que afectou para a valoración das obras, se convoca de novo o devandito certame cun prazo ampliado ata o 31 de xaneiro do 2025, declarando desta maneira nulo o fallo emitido e procedendo a unha nova convocatoria. Dende a Asociación Veciñal Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino pedimos desculpas. A continuación adxúntanse as bases para a nova convocatoria.
Sairá á venda na madrugada do 1 de novembro, coincidindo coa noite de Samaín.
Tan só un ano despois da publicación do seu traballo anterior, De entre as tebras, o escritor independente Alex Pernas publica o seu cuarto traballo coincidindo coa noite de Samaín, momento a partir do cal poderá ser adquirido a través de Amazon, ao igual que as súas obras anteriores, estando xa dispoñible a pre-venda en formato dixital.
Despois de dous libros de relatos, volve con esta novela curta na que se presenta unha historia escura arredor de Paspartue, unha personaxe enigmática guiada pola obsesión e por unha maldición que semella perseguir a toda a súa estirpe.
“Un relato atroz no que o renacer está inevitablemente ligado á repetición, e no que os propios froitos da maldición serán os que propicien que o pesadelo nunca teña fin.”
Durante os vindeiros meses, o autor realizará unha xira de presentación na que levará o libro a moitas das vilas e cidades galegas.
O Festival Internacional Outono de Teatro 2024 chega a súa fin este xoves, 31 de outubro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, coa estrea en Galicia desta peza
A obra, que esgotou as entradas hai máis dun mes, está protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde, Marta Nieto, Marina Salas, Juan Codina e Manuela Paso
Con ela, Pablo Remón volve a ‘Tío Vania’, unha obra mestra da literatura e do teatro, para falarnos da familia, das relacións e de desexos insatisfeitos e soños incumpridos
Antes da representación do espectáculo, os espectadores poderá asistir a unha conversa co reparto nunha nova sesión da Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT, guiada polo xornalista Pablo Giraldo, nunha entrevista aberta ao público que se gravará, tamén, en podcast, e que terá lugar mañá xoves, ás 18.30h, na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota o pano da súa 33ª edición este xoves, 31 de outubro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, coa estrea en Galicia de Vania x Vania (versión 1), de Teatro Kamikaze. As entradas para a función están xa esgotadas.
Antes da representación do espectáculo, os espectadores poderá asistir a unha conversa co reparto nunha nova sesión da Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT, guiada polo xornalista Pablo Giraldo, nunha entrevista aberta ao público que se gravará, tamén, en podcast, e que terá lugar mañá xoves, ás 18.30h, na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Carballo.
SOBRE O ESPECTÁCULO
Un campesiño ruso de finais do século XIX, namorado e profundamente infeliz. Pasou toda a súa vida coidando da finca que herdou e interpretando o papel que os demais decidiron para el ata que un día explota. Escápaselle o tempo. Todos viven nun verán eterno no que o tempo se disolve, inundados de aburrimento, de frustracións, de amor non correspondido.
O director Pablo Remón volve a Tío Vania, unha obra mestra da literatura e do teatro, para falarnos da familia, das relacións e, sobre todo, de desexos insatisfeitos e soños incumpridos. Quen es?, Como elixes vivir a túa vida? É a túa vida unha comedia ou unha traxedia?
Vania x Vania (versión 1) forma parte do ambicioso e interesante proxecto Vania x Vania, composto por dúas obras interpretadas polos mesmos actores. Dous camiños diferentes ao mesmo texto de Chéjov, reescritos en estilos completamente distintos polo Premio Nacional de Literatura Dramática 2021 Pablo Remón.
Un escenario baleiro e seis cadeiras. Esta ‘versión 1’ é un Chéjov espido, esencial. Un achegamento minimalista ao texto e á interpretación, a cargo dun reparto de auténtico luxo, con seis extraordinarios actores encabezados por Javier Cámara, recoñecido coa Medalla ao Mérito nas Belas Artes, ademais de numerosos premios. Xunto a el, completan o reparto uns exquisitos Israel Elejalde, Marta Nieto, Marina Salas, Juan Codina e Manuela Paso.
AXENDA DO #FIOT33
XOVES 31 DE OUTUBRO
Programa de Sala
Vaia x Vania (versión 1)
Teatro Kamikaze
21.00h no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo
UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33
Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.
Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.
Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.
Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.
UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO
O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional.
Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.
O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición.
Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos.
Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc.
Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. A través da plataforma onlineAtaquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información do FIOT33.
Este sábado, día 2 de novembro, ás 20 h, na Casa-Museo Manuel María, poderemos escoitar os Irmaus da Raia Seca. Os irmáns Pascual (Pedro: bouzouki e Pablo: clarinete baixo) e Álvarez (Gutier: violín e zanfona e Javier: acordeón diatónico) concorren nun proxecto cunha instrumentación ben interesante e un repertorio xenuíno en volta dos territorios limítrofes ou arraianos de Galiza.
Músicos, estes que tocaron e tocan con Marful, Talabarte, Davide Salvado, Zumaque, Comando Curuxás, Xabier Díaz, Xascariz…, e que obteñen das súas raíces e diásporas un sentimento compartido “o que a muitxs lles parece lonxe e distante, para nós nunca deixou de estar cerca”. Úneos un forte magnetismo con esas identidades culturais e reivindícanas musicalmente como parte do seu maxín. A Raia Seca son músicas que nacen do chan cando este resoa co bailar. Son melodías vivas que seguen a ter instinto propio. Son ritmos xa feitos ritual, telúricos, abocados ao transe. Para asistir ao concerto na Casa-Museo Manuel María (en Outeiro de Rei) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete: 5 euros.