· A situación sanitaria obriga a pospoñer a novena edición ata o verán para se poder desenvolver en condicións de seguridade
· Así e todo, o vindeiro 20 de marzo está prevista a celebración do Día Internacional da Narración Oral con actividades por toda Galicia
O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica vai celebrar a súa novena edición no verán. A organización do encontro, que adoita desenvolverse durante o mes de marzo, decidiu pospoñer esta veterana cita cos contos por mor da pandemia. Malia as ganas de se xuntar arredor das historias, o Festival é consciente de que agora a prioridade e coidar o público e os artistas, así que Atlántica 2021 agardará polo verán para podelo celebrar en condicións que garantan a seguridade dos participantes.
Así e todo, o vindeiro 20 de marzo Atlántica ten previsto organizar un intenso programa de actividades por toda Galicia para conmemorar o Día Internacional da Narración Oral. A programación desvelarase nas próximas datas e o evento será un petisco do que chegará no verán se as condicións sanitarias o permiten.
Ata entón, a organización de Atlántica agradece publicamente o apoio das institucións, empresas, artistas e público que fan posible o Festival.
“Necesito ler, observar, dialogar, investigar e despois xa aparecerá, en todo caso, a escrita. Probablemente haberá un detonante que provoque esa necesidade de plasmar coas palabras unha ou varias ideas, mais previamente tivo lugar ese traballo invisíbel que permite isto último.(…)”,
En Culturalia GZ retomamos os espazos do Parladoiro con… E nesta ocasión contamos coa palabra creadora, coa imaxinación reflexiva de Beatriz Dourado, unha autora que vai construíndo a súa senda particular na xeografía literaria galega.
Quen é Beatriz Dourado?
Coido que definirse en primeira persoa sempre é arriscado e podemos tender ás fabulacións. Mais no eido persoal, con toda a carga de defectos que posúo, diría que me movo moito pola sensibilidade e a empatía. De feito, si que me teñen dito que son algo avogada das causas perdidas (Ri). No literario –que conflúe tamén co persoal- procuro ser moito máis intrépida e achegarme de preto á ferida que habita en todxs nós. Creo que esta voz foi modulándose, especialmente, na última década como resultado de diferentes procesos. Entre eles destacaría, a indagación na propia xenealoxía e as súas migracións, a revelación das diversas violencias que padecemos as mulleres polo simple feito de sermos muller e a formación como escritora a través de lecturas, coloquios con outrxs autorxs e obradoiros. Con todo, penso que non deixo de ser un animal salvaxe, en permanente alerta, e, polo tanto, preciso tentear o terreo que piso, cuestionarme e cuestionar o meu contorno máis próximo. E malia que ese exercicio de interrogación resulta incómodo a maior parte das veces, tamén me permite como autora descubrir novas pasaxes.
Fálame da túa faceta como escritora. Descríbeme o proceso.
Creo que escribir como tal, ben sexa de maneira manual, con bolígrafo nun caderno, ou dixital, a través do móbil, tableta ou ordenador, precisa dun limiar que é tan importante como a escrita en si. É dicir, necesito beber de diferentes fontes antes de sentirme preparada para desenvolver esta tarefa. Necesito ler, observar, dialogar, investigar e despois xa aparecerá, en todo caso, a escrita. Probablemente haberá un detonante que provoque esa necesidade de plasmar coas palabras unha ou varias ideas, mais previamente tivo lugar ese traballo invisíbel que permite isto último. A partir de aí, si que considero que debe existir unha disciplina de oficio para darlle forma a ese ideario. Outras veces ese limiar non desemboca nun texto e tampouco ocorre nada. Temos que desfacérmonos desa concepción capitalista de producir constantemente a calquera prezo. Eu procuro unha escrita artesá con independencia das modas.
Con varios galardóns acadados no eido da literatura, acreditas nos certames literarios como ferramenta importante para o desenvolvemento da Beatriz escritora?
Eu podo falar, obviamente, da miña propia experiencia. Hai xa unha década que recibín o meu primeiro premio. Foi no certame literario que convocaba A Pipa de Becerreá –permítaseme pór en alza o labor que desenvolveu- e desde aquela sucedéronse varios máis. Porén, debo recoñecer que aquel primeiro galardón foi un aliciente importante. Non para escribir –escribía antes de gañar e seguiría escribindo de todos os xeitos-, mais si para experimentar coa escrita en canto a temáticas ou formatos (desde o haiku até a novela breve) e tamén para peneirar, necesariamente, os textos, mediante ese feedback que che devolve a mirada allea dun xurado experto.
Algún proxecto creativo no que andes mergullada ou queiras mergullarte?
Agora mesmo estou tratando de dar forma a uns versos que xurdiron desde o confinamento, porén non teño aínda claro algúns matices. Coido que me levará un tempo chegar a concluílo. E cando as circunstancias o permitan presentarei intraGUERRAS, publicado pola editorial Urutau, que acadou, asemade, o premio de poesía María Mariño. Non obstante, como son unha fervellasverzas da utopía – modo brincadeira- preciso alimentarme seguido de ilusións. Así que nun futuro próximo gustaríame mergullarme en proxectos creativos que engloben diferentes disciplinas. Mais non me engano e son consciente de que iso precisa dun intenso adestramento. Xa se verá…
Na túa escrita literaria predomina algunha temática? Por que?
Esta é unha pregunta que teño respondido noutras ocasións e, polo momento, non mudei a resposta. Serei previsíbel, en consecuencia (Ri). Teño dito, e sosteño, que o feminismo está presente na miña obra. Non xa tanto como temática en si senón como perspectiva. E isto non é algo que faga con certa intencionalidade. O que acontece é que escribo a partir da experiencia e da observación e negar que o machismo está presente en todo o que nos rodea é unha absoluta falacia. Segue habendo moita xente que non quere nin ouvir falar do feminismo porque non está disposta a repensar os seus privilexios. O sistema patriarcal nútrese da desigualdade que orixina.
Partindo do título daquela canción de Golpes Bajos, Malos tiempos para la lírica, ¿ti tamén cres que son malos tempos para a arte, en xeral? Ou es optimista nese senso?
Eu creo que Galiza xoga na primeira división da liga lírica. Contamos cunha equipa de poetas incomparábel. Pilar Pallarés (Premio Nacional de Poesía 2019), Alba Cid (Premio Nacional de Poesía Xove 2020) ou Olga Novo (Premio Nacional de Poesía 2020) son algunhas das voces que veñen a constatar a fertilidade poética da nosa terra. As tataranetas de Rosalía de Castro están ofrecendo unha poesía de primeirísima calidade. Agora ben, mentres desde abaixo estamos pico e pá, nas alturas miran para outro lado. Non se inviste o suficiente neste eido. Segue a considerarse desde as poltronas, e máxime nestes momentos, sectores non esenciais. Eu, desde logo, non sei se tería sobrevivido sen acceso á cultura nos últimos meses. E non é unha esaxeración, para min foi e está a ser un bote salvavidas.
Soñemos un pouco: ¿ata onde che gustaría chegar como escritora?
Se por soñar fose, eu que son unha soñadora empedernida… Gustaríame parir unha soa obra –polo menos, unha sería máis que suficiente- que chegase de maneira potente ao público, coma unha especie de sacudida, unha interpelación da que non puidese fuxir. O resto, os ornamentos dos tempos interésanme máis ben pouco. Vivo comodamente facendo o que fago, coma unha cidadá calquera –ou non?-. Até o de agora son quen de manexar os meus delirios en intermitente interacción coas rutinas diarias.
Nada nas terras de Catalunya, aínda que de ascendencia galega, ¿como te desenvolves sendo unha escritora principalmente na lingua das túas raíces?
Para min escribir en galego é un compromiso que non sei cando e onde asinei, mais que sinto ferventemente. Tamén debo dicir que forma parte dun proceso de aprendizaxe e revisión constante, xa que fun educada en castelán. Así e todo, síntome orgullosa do meu empeño e podo afirmar, como xa sinalou Séchu Sende, que ao mudarmos de lingua tamén mudamos de vida. E iso para min foi unha descuberta enorme. Non podería ter accedido a certas vivencias, desde ese diálogo de igual a igual, de non recuperar a lingua dxs devanceirxs. Agora eu non sería quen de falarlle á miña filla noutra lingua que non fose esta.
A inspiración conta no teu proceso creativo?
Particularmente non creo nesa inspiración que agroma sen máis, que semella que fai o groso do traballo. Como xa mencionei anteriormente, identifícome máis coa escrita artesá, dos procesos – e metaprocesos-, do pouso. Os detonantes veñen a posteriori. Deleitácheste co voo da aguia porque subiches, primeiro, ao cume do monte. E para iso tiveches que prepararte fisicamente, sortear obstáculos, improvisar rutas…
Que pregunta desexarías que che tivese feito? Daquela, formúlaa ti mesma e respóndea.
Pois falemos de libros, paréceche? Imos ao palpábel. Enuméroche as últimas lecturas e relecturas –nalgúns casos- que emprendín nestes tempos de pandemia. Lecturas que me inspiraron e que se abriron coma novos camiños para seguirmos avanzando malia todo.
El infinito en un junco de Irene Vallejo
Agosto de Míriam Ferradáns
Que me queres amor? de Manuel Rivas
Bodas de sangre de Federico García Lorca
Un hivern fascinant de Joan Margarit
La Casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca
Las madres no de Katixa Aguirre
Yerma de de Federico García Lorca
Abril de Luz Darriba
Matar a Platón de Chantal Maillard
Quixera tamén confesar que me afeccionei, en certa maneira, aos paseos con audiolibro incluído. É unha delicia, por exemplo, escoitar os poemas de Chantal Maillard na súa singular e inconfundíbel voz.
O libro, que nace con motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, contará con diversas e destacadas voces dentro do panorama literario galego. Está previsto que saia do prelo de cara á súa presentación na vindeira primavera.
O próximo sábado, 16 de xaneiro, ás 19 horas, Xurxo Souto presenta no auditorio da Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei da Terra Chá), “Pangalaica. Recortes poderosos”.Son oitenta pequenos relatos que foron publicados no xornal NÓS Diario e que agora son recollidos e ilustrados nun libro editado por Galaxia . As historias e as persoas marabillosas que Xurxo Souto foi atopando nas súas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano. Todas somos da aldea. Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Músico e escritor, en 1988 comezou a colaborar en diferentes medios de comunicación, nomeadamente na radio, onde conduciu os programas A Tropa da Tralla (Radio Coruña) ou Aberto por Reformas (Radio Galega). Escribiu dúas novelas e varios libros de relatos. Dirixiu a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Con outros compañeiros do barrio creou Os Diplomáticos de Monte-Alto, conxunto bravú. Tocou o acordeón en Tres Trebóns e, agora, é un dos compoñentes da Banda Xangai.Para asistir a esta actividade é imprescindíbel anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
O IESCHA EN CONTRA DO PECHE DO COLEXIO DE BAAMONDE
A xunta directiva do IESCHA manifesta publicamente a súa oposición ao intento de pechar en Baamonde –con todos os pais e nais en contra- un Colexio ao que aínda asisten 30 nenos e nenas. Velaí unha ocorrencia -presentada como decisión política do goberno municipal de Begonte- que contribúe a seguir baleirando o rural coa supresión dun servizo público esencial, cando xa conta desde hai moitos anos cos recursos humanos –que fan a súa achega á dinamización da vila- e as instalacións que posibilitan a prestación deste servizo, fulcral en calquera nación desenvolvida. Ao tempo, a Xunta de Galicia vén de facer público que a loita contra a despoboación do medio rural vai ser o eixo vertebrador dos proxectos cos que solicitará as axudas da UE do fondo Next Generation EU, un plan que quere facer fronte á grave crise económica e social trala pandemia de COVID-19. Cando seremos quen de poñer o ensino –como a sanidade- á cabeza das prioridades dunha sociedade que quere ser do benestar? Que haberá máis importante que a sanidade ou o ensino para que unha nación siga a ter vida? O Colexio é vida; preservémola. A Cultura é segura; non sequemos unhas das súas fontes.