A plataforma pública Common Voice incorpora unha nova funcionalidade que recolle a fala espontánea, o que permitirá documentar e protexer a riqueza oral da lingua
As contribucións, que ata agora consistían en lecturas en voz alta, rexistrarán variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código ou fenómenos propios da oralidade que adoitan desaparecer na fala lida
O Instituto da Lingua Galega (ILG), a través do Proxecto Nós, colaborou coa redacción do primeiro conxunto de preguntas dispoñibles para a recollida de fala espontánea en galego
O galego e a súa diversidade dialectal dan un novo paso para garantir a súa presenza no ecosistema dixital do futuro, ademais de documentar e protexer a súa riqueza oral. A plataforma colaborativa Common Voice, impulsada por Mozilla e alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo, incorpora unha nova funcionalidade para o recoñecemento da fala, nomeada Spontaneous Speech (‘fala espontánea’), que permitirá rexistrar doazóns con acentos diversos, variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código ou fenómenos propios da oralidade que adoitan desaparecer na fala lida.
Ata agora, as contribucións nesta plataforma colaborativa (que ten como misión construír recursos abertos para o recoñecemento da fala) consistían en gravacións de lectura en voz alta de textos dispoñibles en dominio público. A nova funcionalidade, que de momento está en fase de probas, abre a porta á recollida dunha fala máis natural, diversa e representativa do uso real da lingua no día a día: a través de preguntas sinxelas rexistradas en Common Voice, as voluntarias poderán gravar respostas breves e espontáneas que recollerán a súa variedade dialectal.
Esta nova ferramenta, coa que Common Voice reforza o seu compromiso coa diversidade lingüística e coa accesibilidade dixital, facilitará a participación de falantes de distintas idades, rexións ou niveis de alfabetización dixital, ademais de recoñecer e valorizar a fala real, rica en matices e moito máis representativa do uso lingüístico actual que os textos escritos tradicionais.
Como funciona Spontaneous Speech
Dentro da plataforma Common Voice, ao escolleren, na sección Fale, a opción Responda preguntas, as persoas colaboradoras poden gravar as súas respostas; ademais, tamén poden participar transcribindo as respostas doutras usuarias e validando esas transcricións, o que contribúe a crear un corpus de fala de calidade.
O Instituto da Lingua Galega (ILG), a través do Proxecto Nós, colaborou coa redacción do primeiro conxunto de preguntas dispoñibles para a recollida de fala espontánea en galego. Porén, calquera persoa pode propoñer novas preguntas a través da plataforma, o que garante que os contidos evolucionen de forma aberta e participativa.
As achegas recollidas a través de Spontaneous Speech darán lugar a un conxunto de datos independente, que se publicará baixo licenza CC0, en liña coa filosofía de datos abertos de Common Voice. Isto permitirá que investigadoras, lingüistas, etc. accedan a datos de fala espontánea en lingua galega de forma libre e gratuíta, fomentando deste xeito o desenvolvemento de tecnoloxías inclusivas e plurais, adaptadas ás necesidades reais das persoas usuarias, e a ciencia aberta ou cidadá, coa posibilidade para calquera persoa de participarmos na recolla de datos.
Doazón de voz: AgasallaNós
Baixo o lema AgasallaNós, e co obxectivo de facilitar a participación na recollida de voz en galego dentro da plataforma Common Voice, o Proxecto Nós lembra que está dispoñible a páxina web doagalego.nos.gal, unha vía sinxela e accesible para contribuír ao proxecto. A través desta web, calquera persoa pode doar a súa voz, tanto lendo textos en voz alta como respondendo as novas preguntas de fala espontánea. O obxectivo é recompilar gravacións que representen a diversidade do galego, co fin de contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías de recoñecemento da fala que identifiquen toda a riqueza da nosa lingua. Pódese atopar toda a información no espazo web doagalego.nos.gal.
Proxecto Nós
O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.
En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, e unha aplicación de síntese de voz que le en galego) xa están á disposición e accesibles a través da web do proxecto para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.
O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que lle encomendou a súa execución á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través de dúas entidades punteiras de investigación en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da linguaxe: o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Actualmente está sendo financiado polo Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA.
O ‘Orgullo do Norte’ celebrado na Coruña do 6 ao 13 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos, da man de figuras como Judeline, Edurne, David Civera, Nia, Merche, De Ninghures, Alana, Jimena Amarillo, Mayo, Sofía Cristo, Cascales, Arantxa Castilla-La Mancha, Samantha Ballentines e ata máis de 35 de bandas e artistas
A cita consolídase como un referente dos ‘Orgullos’ que se celebran nesta época do ano ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos ano tras ano, e no que se reúnen coloridas propostas para todos os públicos
No seu programa teñen tamén cabida divertidas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que neste 2025 celebrou a súa cuarta edición
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, o apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgraf
O Atlantic Pride reuniu a preto de 45.000 persoas na súa 6ª edición celebrada na Coruña do 6 ao 13 de xullo. Así, o ‘Orgullo do Norte’ pechou con éxito oito xornadas de concertos, da man de figuras como Judeline, Edurne, David Civera, Nia, Merche, De Ninghures, Alana, Jimena Amarillo, Mayo, Sofía Cristo, Cascales, Arantxa Castilla-La Mancha, Samantha Ballentines e ata máis de 35 de bandas e artistas que desfilaron polos escenarios da Praza de Pontevedra e dos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina.
Grazas a súa colorida e diversa aposta musical, na que a calidade dos directos é sempre unha das grandes premisas, a cita consolidouse un ano máis como un referente dos ‘Orgullos’ que se celebran nesta época do ano ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos e no que se reúnen divertidas propostas para todos os públicos.
No seu programa tiveron cabida un total de 37 actuacións. Ademais dos concertos, tamén houbo divertidas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que neste 2025 celebrou con unha nutrida participación a súa cuarta edición.
A Asociación ORCO, organizadora do Atlantic Pride, quere transmitir o seu agradecemento a todas as persoas que un ano máis fixeron posible o festival: artistas, público, equipos, patrocinadores e apoios. “Desde a Asociación Orgullo Coruña e o Atlantic Pride queremos agradecer a todas as persoas e colectivos que gozaron deste evento aberto e diverso, que neste 2025 consolidouse como unha das citas de referencia da música no noroeste peninsular”. E continuou: “Grazas, tamén, aos artistas programados, pola súa xenerosidade e polo bo ambiente que crearon ao longo dos oitos días nos que se celebrou o Atlantic Pride”.
Sobre a asistencia, ORCO quere destacar “o recórd de asistencia desta 6ª edición do evento”. “Isto é unha mostra máis do interese que o Atlantic Pride xera na cidade da Coruña”, remarcaron, apuntando que, moi pronto, “agardamos anunciar novidades para a edición 2026 do festival”. E remataron: “Seguiremos a traballar coa vontade firme de que todas as persoas se sintan representadas e benvidas, para situar a nosa cidade como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración, apostando, de novo, pola sinais de identidade desta cita xa icónica da Coruña: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”.
GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO, ICONAS LGTBIQ+ e DRAGS NO ORGULLO DO NORTE
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrou a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.
A cita, que na presente edición reuniu a preto de 45.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. O encontro nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Neste 2025, o Atlantic Pride consolidouse como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comezo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se deron cita coloridas propostas para todos os públicos. Así, no Atlantic Pride non faltaron concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e estatal e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que neste 2025 otorgoulle o seu primeiro premio a Manuel Iglesias Vila, co relato Que vai ser de nós cando sexamos vellos?
Nesta 6ª edición, o Atlantic Pride contou coa presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encheron a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que fixeron as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subiuse un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.
A elas sumáronse, tamén, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, como son Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales. Turista Sueca puxo a súa boa dose de festa, petardeo e humor, mentres que aos pratos estiveron La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS.
Ademais, o mellor talento drag queen estatal e galego, de Drag Race ao Claro Boba!, sumouse este verán á festa do Atlantic Pride, que neste 2025 contou co maior elenco drag da súa historia. Así, polas táboas do ‘Orgullo do Norte’ desfilaron grandes iconas queer como Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Yasmine Lutar, Liteah, RRRITA, Escarlatina Pier, Ariel REC & Gaylicia y Kelly Amethyst. Finalmente, a xornada de clausura do Atlantic Pride foi un auténtico revival eurovisivo coas voces de David Civera, Anabel Conde e Kuve.
En paralelo á programación deste Atlantic Pride 2025, o sábado 12 de xullo, o local Claro Boba! e o programa da TVG Raíña-me! organizaron a ‘Afterpartie Raíña-me!’, con actuacións de Alexa Evans, Marisa Prisa e Kim Miller.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo regresa este outono ás salas, rúas e espazos non convencionais da vila bergantiñá con recoñecidasfiguras das artes escénicas como María Galiana, Paula Carballeira ou José L. Prieto
O “corazón do teatro en Galicia” presentou está mañá no Bosque do Añón de Carballo o cartel desta nova edición, que conta coa raíz como o leitmotiv para poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade
O festival desvelou os primeiros nomes da súa programación, cos espectáculos coproducidos polo FIOT Territorio regueifa, de Ainé Producións, e Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú; e a estrea en Galicia de Yo soy quiero irme a Francia, de Contraproducións
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) regresará ás salas, ás rúas e a espazos singulares de Carballo para celebrar a súa 34ª edición do 25 de setembro ao 1 de novembro de 2025, da man de recoñecidas figuras das artes escénicas como María Galiana, Paula Carballeira e José L. Prieto, entre moitas outras.
O “corazón do teatro en Galicia” presentou está mañá no Bosque do Añón de Carballo o cartel desta nova edición, que conta coa raíz como o leitmotiv para poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade.
O festival desvelou os primeiros nomes da súa programación, cos espectáculos coproducidos polo FIOT Territorio regueifa, de Ainé Producións, e Berenguela na gaiola, da querida compañía carballesa Galeatro e Xarope Tulú, con dirección da Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira; e a estrea en Galicia de Yo soy quiero irme a Francia, de Contraproducións, peza firmada e dirixida por Elisabeth Larena e protagonizada por María Galiana, Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.
O Bosque do Añón de Carballo acolleu a mañá deste martes, 15 de xullo, ás 11.00 horas, a presentación das datas, o cartel e este avance do 34º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O acto contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT, Alberto Sueiro; e a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez Cotelo.
A principios do mes de setembro, o FIOT presentará o programa completo da súa 34ª edición, con todas as liñas habituais que conforman cada ano o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.
“RAÍZ VIVA, MEMORIA COLECTIVA”
Hai raíces que non se ven, pero se senten.Nacen de dentro das entrañas, do que fomos e do que levamos gardado sen sabelo. Nesta 34ª edición, o FIOT convida a mirar cara ao interior, a recoñecer a forza do que nos sostén: a tradición, a memoria e a orixe. Pero sempre, cunha mirada contemporánea cara o presente e o futuro.O leitmotiv desta nova edición, a número 34, do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo,“raíz viva, memoria colectiva”, é unha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte da nosa estrutura profunda. Este festival explora esa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
Pero para o #FIOT34, a raíz non é só o punto de partida, senón unha rede que medra en moitas direccións; un espazo compartido que poñer en valor, para entender a orixe, para avanzar, evolucionar, explorar e medrar. En palabras de Alberto Sueiro, director do FIOT, “na era da globalización e mesmo da despersonalización na que vivimos, da sociedade líquida, inestable e fráxil, de estruturas e valores cambiantes, percíbese un rexurdimento con forza da posta en valor das raíces, das orixes como conformadoras da identidade propia e colectiva, da memoria, do local e do noso patrimonio como nutrientes esenciais que nos manteñen en pé e fundamentan o noso futuro”.
Sueiro apuntou, tamén, que “na propia raíz está o xerme para a renovación, para a creatividade, a evolución e a diversidade, que establecen unha tensión permanente co legado e coa tradición. A variedade das propostas que presentamos conducirannos por viaxes emocionais ou narrativos diversos, colectivos ou individuais, que poden axudarnos nesta reflexión de que a nosa historia contemporánea, non comeza con nós senón na nosa raíz”. E concluíu: “Benvidas e benvidos a unha nova e, de novo, ilusionante, edición do FIOT”.
Pola súa banda, Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, quixo facer fincapé na contorna elixida para a presentación do cartel desta nova edición do festival: “o río Anllóns e o seu bosque teñen un significado moi especial para Carballo. Non son só un espazo de beleza natural, senón tamén unha testemuña viva da relación profunda entre a localidade bergantiñá e a súa contorna. Cada paso polos seus sendeiros é un suspiro de historia, de costumes e dun amor compartido pola terra que dá vida á nosa vila.
Camiñar pola beira do río Anllóns é, en si mesmo, un paseo pola alma de Carballo. Desde o tranquilo murmurio das súas augas ata a súa frondosa vexetación, percorrer a súa paisaxe é un agasallo para os sentidos e, tamén, unha evocación da historia local, da nosa tradición e da nosa raíz.
Veciños e forasteiros atopan neste recuncho único de Galicia un espazo para a relaxación e o goce. O Bosque do Añón, cos seus emblemáticos carballos, é un espazo de encontro e ledicia; unha paraxe acolledora e fermosa; o lugar das romarías populares e os xogos, das festas e o lecer autóctono. E é nesa paraxe onde o pasado, o presente o e futuro se encontran.
O Bosque do Añón garda, sen dúbida, un lugar privilexiado no corazón das xentes de Carballo: é o escenario anual da Festa do Bosque, unha romaría popular que pecha as festividades de San Xoán. A música, o baile e a mellor gastronomía local fusiónanse neste espazo natural, convertendo a paraxe nunha celebración viva das tradicións carballesas. É unha explosión de sensacións e de sons; unha conexión vibrante entre os habitantes da vila e a súa terra; a testemuña silente da nosa raíz única, que este ano representa o noso FIOT”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, destacou o FIOT como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Carballo, amosando o firme compromiso municipal co festival, como unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico.
A concelleira detívose, tamén, na filosofía do FIOT, a raíz, “que reflicte, tamén, a actual liña de traballo da área de cultura da corporación municipal: a tradición, a recuperación da identidade, a orixe e a raíz como símbolo da nosa rica e potente identidade”. E remarcou: “O Festival Internacional Outono de Teatro é un proxecto cultural enraizado na nosa vila; desde hai máis de tres décadas é o símbolo, o faro, que sustenta nosa cultura propia. O FIOT mira cara o futuro e está na mesma raíz da nosa localidade”.
UN PRIMEIRO AVANCE DO PROGRAMA QUE NOS ESPERA NESTE #FIOT34
Esta mañá, o FIOT avanzou tres producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa na edición número 34 do festival, da man de compañías tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé e Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.
En consonancia co lema desta edición, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva, o FIOT colabora na coprodución do espectáculo Territorio regueifa, de Ainé Producións. Combinando o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres músicos e regueifeiros achegan ao escenario unha forma moi nosa de humor e crítica social. Carballo e Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e, en particular, o patrimonio oral, salvagarda e transmisor da nosa memoria, que aínda se conserva e forma parte da nosa identidade.
En Carballo, a regueifa mantense aínda presente, cos últimos regueifeiros tradicionais e, tamén, con novas xeracións que están a actualizar o xénero a través de diversos proxectos de revitalización, como as iniciativas do Concello de Carballo Escola da regueifa, a Liga da regueifa, os obradoiros Enreguéifate ou o certame de La Voz de Galicia que se celebra en Carballo Premios Galegos de Regueifa, ademais doutras iniciativas de ámbito galego como Espallando rimas.
Por estes motivos, o FIOT non podía ser alleo a este Territorio regueifa de Ainé, unha ambiciosa proposta escénica que busca trasladar a esencia da regueifa aos códigos do público actual. Coa estrea absoluta deste espectáculo, o festival abrirá o seu programa de sala a primeira fin de semana do mes de outubro, apertura á que se une outra representación destinada ao alumnado de Educación Secundaria, que asistirá á preestrea da obra no marco do programa FioTEEN.
Pola súa banda, as outras dúas pezas anunciadas, Berenguela na gaiola e Yo solo quiero irme a Francia, reflicten ben outra das grandes sensibilidades do FIOT: son historias de mulleres que anhelan a súa liberdade, co teatro como poderoso instrumento para narrala e acadala.
SOBRE OS PRIMEIROS ESPECTÁCULOS ANUNCIADOS DO #FIOT34
Berenguela na gaiola
Galeatro e Xarope Tulú, en coprodución co FIOT
Sábado 27 de setembro
Estrea absoluta
FIOTIÑO
A nova coprodución para público familiar de Galeatro –a sempre interesante compañía dos carballeses Alba Bermúdez e Tone Martínez e Xarope Tulú –troupe galega comprometida coas linguaxes escénicas diversas dirixidas á infancia e a mocidade, da narración oral ao teatro de texto e de obxectos–, con dramaturxia e dirección da Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira, gañou a cuarta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. A obra sitúa a acción nunha residencia da terceira idade, onde tres anciás deciden representar, a través do teatro, o que non lles deixan facer na realidade: ser libres. E, para isto, deciden representar a peza Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María.
Territorio regueifa
Ainé Producións, en coprodución co FIOT
Sábado 4 de outubro
Estrea absoluta
PROGRAMA DE SALA
Territorio regueifa é un espectáculo teatral producido por Ainé que pretende achegar ao gran público o mundo da regueifa, unha das nosas expresión culturais máis ancestral, que consiste en manter unha disputa dialéctica improvisada en verso entre dous o máis participantes. Trátase dun proxecto inédito en Galicia, que mestura o traballo dalgúns dos grandes divulgadores desta manifestación artística, convertidos en protagonistas da peza, co de destacados profesionais das artes escénicas do noso país. José L. Prieto é o autor e director de Territorio regueifa, que protagonizarán Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira.
Territorio regueifa busca amosar a vixencia e a adaptación da regueifa á sociedade do século XXI, tanto nas temáticas, agora moito máis diversas, como na forma, coa incorporación de diferentes estilos e melodías. E, todo isto, sen esquecer xamais o espírito festivo e humorístico deste xénero artístico desde as súas orixes, que mestura como poucos o teatro, a música, o humor e a improvisación, nun espectáculo total no que o divertimento está, sen dúbida, asegurado.
Yo solo quiero irme a Francia
Contraproducións
Sábado 25 de outubro
Estrea en Galicia
PROGRAMA DE SALA
Inés asiste ao velorio de Pilar, quen decide deixarlle a súa casa en herdanza sen tela coñecido nunca e sen avisar a Leo, a súa neta. Xuntas descubrirán un pasado que descoñecían, abrindo vellas feridas familiares que se remontan á infancia da propia Pilar durante os últimos meses da Guerra Civil e á súa mocidade na Sección Feminina.
Canto pesan as herdanzas emocionais, esas que ninguén reclama, pero que fan sufrir a varias xeracións? Sobre as táboas veremos a catro mulleres de diferentes xeracións que buscan ese lugar que tanto anhelan e imaxinan. “Algunhas chamámolo liberdade. Outras chamáronno Francia”, apunta a autora e directora Elisabeth Larena sobre a peza.
Yo soy quiero irme a Francia é o novo espectáculo da produtora galega Contraproducións, firmado e dirixido por Elisabeth Larena, actriz, dramaturga e directora, que debuta na dirección de escena tras unha sólida traxectoria como inérprete, na que destacan os seus papeis en series como Cuéntame cómo pasó, Intimidad ou La que se avecina e, tamén, no filme gañador dun Goya No matarás.
O espectáculo está protagonizado por María Galiana (a inesquecible Herminia de Cuéntame cómo pasó, ademais de grandísima actriz de cine e de teatro, merecedora, ao longo da súa carreira, de galardóns como o Premio Goya, o Premio da Unión de Actores, o Premio Ondas, a Espiga de Oro da Seminci ou, en dúas ocasións, o Mérito a las Bellas Artes polo Ministerio de Cultura. Xunto a ela, subiranse ás táboas as intérpretes Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.
A estrea absoluta do espectáculo terá lugar no Teatro Palacio Valdés de Avilés o día 16 de outubro, para logo viaxar a Carballo e aterrar no FIOT o sábado 25, na que será a súa estrea en Galicia.
O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
ÉXITO ROTUNDO NA PRIMEIRA EDICIÓN DE BIGSOUND PONTEVEDRA: MÁIS DE 35.000 PERSOAS CONVIRTEN A CIDADE NA NOVA CAPITAL GALEGA DA MÚSICA
BIGSOUND Pontevedra anuncia o seu regreso en 2026 tras pendurar o cartel de sold out no seu debut
O festival confirma a súa segunda edición os días 17 e 18 de xullo e activa o próximo martes 15 de xullo unha prevenda exclusiva de abonos con aforo limitado e prezo especial.
Cun impacto económico estimado de 14 millóns de euros e máis de 1.300 profesionais implicados, o festival confirma o seu regreso en 2026 e lanza este martes 15 de xullo a prevenda exclusiva de abonos.
A primeira edición de BIGSOUND Pontevedra despídese ao grande tras congregar a máis de 35.000 asistentes chegados de todos os recunchos de España. O festival supuxo o maior evento musical da cidade nos últimos anos, posicionándose ademais dentro do Top 10 de festivais de música de Galicia.
Co cartel de sold out colgado días antes do inicio, BIGSOUND Pontevedra 2025 non só encheu de música o Parque de Tafisa, senón tamén as rúas, hoteis, comercios e restaurantes da cidade, co respaldo do Concello, a Xunta de Galicia e o sector hostaleiro local.
“Ha sido un auténtico orgullo consolidar esta primera edición como un éxito y demostrar que Pontevedra tiene todo lo necesario para posicionarse como una ciudad musical y de festivales, capaz de acoger eventos de primer nivel nacional e internacional. Desde el principio apostamos por un cartel que combinase grandes nombres internacionales, artistas consolidados, talentos emergentes y propuestas locales, con el objetivo de situar a Pontevedra en el mapa del ocio y la cultura, e integrarla de forma estable en el circuito de los grandes artistas”,ha afirmado Miguel Torres, Director Artístico de BIGSOUND Pontevedra.
Durante dúas xornadas inesquecibles, o Parque de Tafisa vibrou coas actuacións de grandes figuras nacionais e internacionais, confirmando o éxito do desembarco galego do consolidado festival urbano nado en Valencia e Sevilla. A cidade acolleu con entusiasmo un evento que xa forma parte do calendario cultural galego, cun impacto económico estimado en 14 millóns de euros e a implicación directa de máis de 1.300 profesionais.
“Seguimos emocionados polo vivido. BIGSOUND Pontevedra foi unha celebración colectiva, un soño compartido que se fixo realidade. O debut non puido ser máis contundente: unha entrega absoluta do público, unha enerxía imparable e unha conexión difícil de esquecer. Tras colgar o cartel de sold out, podemos afirmar con orgullo que Pontevedra xa forma parte do mapa nacional dos grandes festivais, e estamos comprometidos con seguir atraendo turismo cultural, tanto nacional como internacional.” destacou Jordi Lauren, Director de BIGSOUND Pontevedra.
DÚAS XORNADAS INESQUECIBLES QUE MARCAN UN ANTES E UN DESPOIS NA HISTORIA MUSICAL DE PONTEVEDRA
A xornada inaugural comezou coa actuación de Sabela, referente galega do pop-electrónico, que conquistou ao público con temas como Hi, My Love ou Eu espero aquí. Pouco despois chegaba a primeira gran sorpresa: o artista secreto era nada menos que Henry Méndez, que protagonizou xunto a Juan Magán uno dos momentos máis celebrados do día ao interpretar xuntos o xa clásico Se no te quisiera.
Ao longo da tarde, o público gozou dunha programación variada e de alto nivel con artistas como Marc Seguí, Cali y El Dandee, Depol e Abraham Mateo, cuxa enerxía e fusión de xéneros elevaron o ambiente. Tanxugueiras, pola súa banda, ofreceron unha proposta que reivindicou con forza a tradición musical galega, actualizada cunha mirada contemporánea. O colombiano Ovy on the Drums ofreceu un set vibrante e dinámico, e Luck Ra puxo ao recinto para bailar co seu éxito La Morocha. O peche da xornada chegou da man de Nicky Jam, cabeza de cartel do venres, que ofreceu máis dunha hora de espectáculo nun recinto totalmente entregado.
O sábado 12 a música continuou desde primeira hora coas actuacións de Soulmacklein, Ptazeta e o galego LODE, quen emocionou ao público coa súa adaptación de Me muero por conocerte. Un dos momentos máis emotivos do festival protagonizouno Leire Martínez, exvocalista de La Oreja de Van Gogh, que regresou aos escenarios acompañada dunha banda feminina e do músico e actor Víctor Elías. A súa actuación foi recibida cunha calorosa ovación por parte dun público que recoñeceu os seus máis de 17 anos de traxectoria.
A tarde avanzou con forza cos directos de Julieta, Omar Montes, María Escarmento, Amaia e La Zowi, quen acendeu o ambiente coa súa proposta urbana. Especial mención merece Amaia, que interpretou Nuevo verano a capela en resposta a unha pancarta do público que dicía: “No hay verano hasta que suena Nuevo verano”, xerando un dos momentos máis conmovedores do festival.
O broche de ouro chegou pasadas as doce da noite coa actuación de Rels B, cabeza de cartel do sábado e un dos artistas españois máis escoitados en todo o mundo. Baixo unha lúa chea que el mesmo non deixou de sinalar, ofreceu un espectáculo á altura do seu status internacional, cun repertorio infestado de éxitos coreados polo público. O peche definitivo desta edición correu a cargo de Juanjo García DJ, quen asinou unha sesión final que despediu o festival cunha atmosfera de euforia e celebración colectiva.
2026 XA TEN DATAS E PREVENTA CONFIRMADAS
Tras o rotundo éxito desta primeira edición, BIGSOUND Pontevedra confirma o seu regreso en 2026, os días 17 e 18 de xullo, novamente no Parque de Tafisa.
A prevenda exclusiva de abonos comezará o vindeiro martes 15 de xullo ás 12:00 h, cunha edición limitada de entradas a prezo especial (42 € con gastos incluídos) e seguro de reembolso, dispoñibles na web oficial de Bigsoundfestival.com
Organizado por BS Entertainment e PlayPlan en colaboración co Concello de Pontevedra, BIGSOUND Pontevedra conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo.
BIGSOUND Pontevedra conta tamén nesta primeira edición co apoio de KELER, HAVANA, RENFE, IMAGIN, GI GROUP, REDBULL, PEPSI, SCHWEPPES, Los 40 Principales e Enterticket.
Hai proxectos que che enchen a alma e che fan mirar máis alá da música. Con Xa´Lum pasa algo parecido: a súa música transpórtanos a universos paralelos cargados de mística e simbolismo. A artista galega presenta “L’interdit”, o seu primeiro sinxelo cantado en francés, conectando así coas súas orixes. Enchido de alalás electrónicos e de percusións tradicionais galegas, a artista relata a historia da súa familia no exilio en Francia durante o franquismo.
O nome “L’interdit”, que significa ‘o prohibido’, fai referencia ao nacemento da súa nai en Francia, nunha época na que os seus avós, internos como traballadores do fogar nunha familia francesa, tiñan prohibido ter fillos. A nai da artista tivo que ser enviada a España sendo aínda un bebé e, anos máis tarde, a súa filla, a artista XA’LUM, conquista a escena musical francesa con este novo sinxelo e numerosos concertos por todo o territorio francés. O ritmo da canción lévanos de forma directa e dramática ao corazón desta historia, facéndonos sentir cada momento grazas á forza e intensidade que imprime Xa´Lum a cada nota e a cada verso de “L’interdit”.
O sinxelo é unha mestura da música que conforma a identidade cultural da artista, coas influencias rítmicas e vocais galegas, e o deseño sonoro e os elementos electrónicos típicos da escena musical francesa. Producido polo produtor italiano Gabriele Busu (oblyo.wav) e gravado nos estudios parisienses Sodasound, trátase dun proxecto financiado pola escola francesa IESA. Un sinxelo que toma o relevo de “A Flor da Auga” e que posiciona a Xa´Lum como unha das artistas con maior proxección dentro do panorama musical europeo.
Con pinceladas de neo-psicodelia e alt-R&B, a música de XA’LUM xorde do máis profundo da natureza, transformando todo aquilo que foi silenciado. Os seus traballos musicais, cheos de alegorías da mitoloxía galega —moi vencellada á natureza—, dan vida e voz a todo o que non queremos que exista. A miúdo é comparada con artistas de renome como FKA Twigs, Sevdaliza ou James Blake. En directo, fusiona o son de instrumentos rítmicos tradicionais galegos como vieiras e pandeiretas con loops vocais e sintetizadores electrónicos.
Manuel Iglesias Vila, co relato Que vai ser de nós cando sexamos vellos?, gaña o primeiro premio; mentres que Óscar Vila Ferreiro álzase co segundo, co texto No solpor; e María Salinas García acada a terceira posición con Groenlicia
A entrega de premios do certame terá lugar esta tarde, durante a xornada de clausura desta 6ª edición do Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.30h, antes dos directos de Anabel Conde, Kuve, David Civera e o dj Iván Flashback
Este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o Atlantic Pride organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, naceu en 2022 para visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+
As obras gañadoras, en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, recibirán premios en metálico de 600, 300 e 100€ respectivamente
O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, o apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride xa ten relatos gañadores. Manuel Iglesias Vila, co relato Que vai ser de nós cando sexamos vellos?, gaña o primeiro premio; mentres que Óscar Vila Ferreiro álzase co segundo, co texto No solpor; e María Salinas García acada a terceira posición con Groenlicia. As obras gañadoras -en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+- recibirán premios en metálico de 600, 300 e 100 €, respectivamente.
A entrega de premios do certame terá lugar esta tarde, durante a xornada de clausura desta 6ª edición do Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.30h, antes dos directos de Anabel Conde, Kuve, David Civera e o dj Iván Flashback.
Este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o Atlantic Pride organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, naceu en 2022 para visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+.
GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO, ICONAS LGTBIQ+ e DRAGS NO ORGULLO DO NORTE
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.
A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. O encontro nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria para recibir relatos ata este sábado, 31 de maio.
Nesta 6ª edición, o Atlantic Pride contarña coa presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.
A elas súmanse, tamén, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, como son Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales. Turista Sueca poñerá a súa boa dose de festa, petardeo e humor, mentres que aos pratos estarán, tamén, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS.
Ademais, o mellor talento drag queen estatal e galego, de Drag Race ao Claro Boba!, sumaranse este verán á festa do Atlantic Pride, que neste 2025 contará co maior elenco drag da súa historia. Así, polas táboas do ‘Orgullo do Norte’ desfilarán grandes iconas queer como Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Yasmine Lutar, Liteah, RRRITA, Escarlatina Pier, Ariel REC & Gaylicia y Kelly Amethyst. Finalmente, a xornada de clausura do Atlantic Pride será un auténtico revival eurovisivo coas voces de David Civera, Anabel Conde e Kuve.
En paralelo á programación deste Atlantic Pride 2025, o sábado 12 de xullo, o local Claro Boba! e o programa da TVG Raíña-me! Organizan a ‘Afterpartie Raíña-me!’, con entrada libre e actuacións de Alexa Evans, Marisa Prisa e Kim Miller a partir das 02.30h.