A última creación de ButacaZero, o grande éxito da tempada teatral galega, poñerá o ramo á 40 edición da MIT o vindeiro 27 de xullo e o 4 de agosto farao no 25 Festival de Teatro de Olite
IRIBARNE retomará a súa xira logo do verán con novas datas dentro e fóra de Galicia que serán anunciadas proximamente
Hoxe comeza a venda de abonos da MIT e a partir do 25 de xuño será posible adquirir entradas xerais para todos os espectáculos
IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia
IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, vai facer unha merecida pausa estival na súa xira pero antes vai clausurar dous destacados encontros das artes escénicas: a 40 Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e o 25 Festival de Teatro de Olite de Navarra. A exitosa revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor, o fenómeno teatral da tempada, estará na MIT o 27 de xullo e o 4 de agosto na localidade navarra. No tocante á última función de IRIBARNE en Galicia ata outubro, é posible adquirir os abonos da MIT desde hoxe e ata o 24 de xuño. A partir desa data comezará a venda de entradas xerais para todos os espectáculos.
Con esta función en Ribadavia, IRIBARNE pecha o círculo creativo que iniciou na residencia artística que desenvolveu o ano pasado no marco das actividades paralelas da MIT 2023. O veterano encontro teatral acolleu a primeira lectura pública do texto, o comezo dos ensaios, o arranque das creacións coreográficas con Sabela Domínguez e mesmo a composición de moitos dos tema de Berto. En palabras de Carrodeguas, “foron días de convivencia creativa moi frutíferos que axudaron a forxar o espírito festivo da xira e de comando guerrilleiro do equipo”.
IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.
Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.
UNHA EXITOSA XIRA
Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, no mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Lugo, Ourense, Tomiño, Cangas e Narón, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia- ten previsto recalar aínda en Vitoria (7 xuño) antes de clausurar a MIT de Ribadavia (27 xullo) e o Festival de Teatro de Olite (4 agosto). A compañía xa está a pechar novas funcións dentro e fóra de Galicia que serán anunciadas cando comece a tempada de outono.
MÁIS CA TEATRO
En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.
POSTA EN ESCENA
A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.
A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.
Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?
SOBRE A COMPAÑÍA
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.
Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.
Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.
Meiga-I ofrecerá, a velada do luns 8 de xullo, na Praza de Pontevedra da cidade herculina, un percorrido pola memoria LGTB+ galega, para coñecer a historia diversa da nosa terra, a través de monólogos, percusión tradicional e canto en directo
O martes 9 de xullo, Cloe Savage chegará disposta a abraiar cunha actuación que destaca pola súa forza visual, así como polos tintes satíricos que acompañan ao espectáculo, no que reivindica a presenza das corporalidades non normativas en todos os ámbitos
Pola súa banda, a gañadora do Premio Miss Deusa 2023 Nomi Bull presentará no Atlantic Pride un explosivo directo que terá lugar o mércores 10 de xullo na Praza de Pontevedra
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebrará a súa quinta edición do 7 ao14 de xullo na Coruña impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, The Style Outlets e Globalgrafic
As drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I súmanse á festa do Atlantic Pride 2024. Os monólogos, a performance e a música estarán servidas no festival da man destas tres artistas que reivindican a diversidade a golpe de humor e satíricas actuacións de infarto.Meiga-I ofrecerá, a velada do luns 8 de xullo, na Praza de Pontevedra da cidade herculina, un percorrido pola memoria LGTB+ galega, para coñecer a historia diversa da nosa terra, a través de monólogos, percusión tradicional e canto en directo. Mentres, o martes 9 de xullo, Cloe Savage chegará disposta a abraiar cunha actuación que destaca pola súa forza visual, así como polos tintes satíricos que acompañan ao seu espectáculo. Pola súa banda, a gañadora do Premio Miss Deusa 2023 Nomi Bull presentará no Atlantic Pride un explosivo directo, que terá lugar o mércores 10 de xullo na Praza de Pontevedra. A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel está xa confirmada a presencia de Vengaboys, ademais das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags ahora anunciadas Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.
CLOE SAVAGE
Cloe Savage é unha drag queen da Coruña que reivindica a presenza de corporalidades non normativas en todos os ámbitos. Esta Bratz galega deixa ao público abraiado cas súas actuacións, as cales destacan pola súa forza visual, así como polos tintes satíricos que acompañan ao seu espectáculo.
MEIGA-I
Meiga-i é unha personaxe performática resultado da mistura do folk galego coa linguaxe drag para crear unha auténtica fantasía galega. No seu monólogo musical, a drag pandereteira conta e canta a historia de liberación dunha coitada criatura que padece de posesións folclóricas. A través de monólogo, percusión tradicional e canto en directo, ademais de interactuar e divertir, intenta divulgar co seu exemplo e, se consegue facer reflexionar, marcha contentísima.A súa fantasía amosa unha creación que non esquece a simboloxía e a tradición propias, con mensaxe e vocación contemporánea contra o “cosmopaletismo” e as marmuradoras. Meiga-I reinterpreta ao seu xeito e introduce na súa narración música pop, tradicional e fusión galega. Mesturando alegría e seriedade, a artista percorre temas como o autodescubrimento, o legado das cantareiras, os prexuízos, a empatía, a amizade, a historia diversa… Actualmente, a súa fantasía está en proceso de facerse música nun EP de ritmos tradicionais, electrónicos e optimistas.
SOBRE O FESTIVAL ATLANTIC PRIDE, O ORGULLO DO NORTE
O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, The Style Outlets e Globalgrafic.O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.
MILESIOS ESTREA ESTE SÁBADO EN CONCERTO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, O SEU ÚLTIMO TRABALLO CARTOGRAFÍAS
A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 8 de xuño, ás 20 h, a estrea do último traballo de Milesios (2009), “Cartografías”. Melodías tradicionais, arranxadas polo propio grupo, e algunhas composicións propias fan parte deste novo traballo musical co que os Milesios continuan a súa viaxe coas súas cartografías musicais que evocan lugares de Italia, Bretaña, Irlanda e, por suposto, Galiza (podedes saborealo entrando na súa web https://milesios.gal/) Cartografías é o terceiro disco, despois de Alén mar e Indoevindo.
O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS organiza o sábado 8 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, a proxección do documental DEP: DESTRUÍR É O PLAN, impulsado pola plataforma SOS Sanidade Pública, e que pretende descubrir “de maneira áxil e entretida os motivos polos que a mortalidade evitable, non explicable pola epidemioloxía, segue crecendo en Galicia”.
“HI, MY LOVE” É O PRIMEIRO SINXELO DO SEU PRÓXIMO EP
O VIDEOCLIP QUE ACOMPAÑA AO TEMA TEN COMO DATA DE ESTREA ESTE VENRES 31 DE MAIO
Sabela presenta a súa candidatura para “canción do verán” co seu novo tema “Hi, My Love”, un sopro de aire fresco para o pop electrónico en galego. Nesta aposta, a artista de Ourol destaca por un son fresco e revitalizado do seu xa característico pop electrónico, introducindo elementos tradicionais galegos que manteñen e fortalecen as raíces da artista. O tema, que contará cun videoclip propio que se estreará o próximo venres 31 de maio, establécese xa como o primeiro sinxelo do próximo EP de Sabela, que sairá a finais deste ano 2024. Tanto a canción como o videoclip están financiados polo certame de Girando Por Salas e o INAEM.
“Hi, My Love” é a conxunción do traballo de produción de Sabela xunto con Mateo Bruquetas, o seu produtor habitual, e Ed is Dead. Ed é un recoñecido e prestixioso DJ e produtor de música electrónica a nivel internacional, con múltiples galardóns da talla do Premio VMA a “Mellor Produtor de Música Electrónica” ou o Premio MIN a “Mellor Gravación de Música Electrónica”. Algúns dos seus traballos están recoñecidos como referencias da música electrónica, seleccionados entre os mellores álbums do ano na música electrónica por revistas internacionais especializadas, contando con millóns de escoitas en plataformas dixitais, colaboracións con artistas finalistas nos Premios Grammy ou presentacións en vivo nalgúns dos festivais máis importantes de España como son o BBK, o Sónar ou o Arenal Sound.
Desta colaboración conxunta nace este tema que mestura a electrónica e as voces ambientmáis actuais xunto coas raíces tradicionais e o galego. Este xunte supón unha declaración de intencións e unha ruptura co publicado ata agora por parte de Sabela. A artista busca un son máis internacional, feito dende a súa terra e tendo en conta as súas raíces e o seu idioma.
Esta canción que xira arredor do desexo é o primeiro adianto do seu próximo EP. Desta maneira, e sumado á xira que a está levando, grazas á axuda do certame Girando Por Salas nalgunhas das datas, por grandes cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, Valladolid ou León, por eventos como Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas máis importante de Galicia, ou por festivais da talla do SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo; a artista galega completa un ano 2024 prolífico para a súa carreira, que a posiciona como un dos grandes alicerces do seu xénero. As entradas da súa xira están xa á venda na sabelamusic.es.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela eleva a súa música a un aspecto máis eufórico, converténdose no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan xa centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes cidades ao longo de España como Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, Valladolid ou León entre moitas outras, así como festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o propio O Son do Camiño, así como alzándose con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza porDespedida
.A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para dotalo dunha sensibilidade maior, así como dun estilo xa propio e identificable. Temas como Cenizas, Ya No Me Quiero Ir ou Cidade Desexoconfirman a solidez dun proxecto que ven de obter grandes números de escoitas nas súas cancións, de encandear ao público nos seus directos e de colaborar con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra.
Sabela está mergullada neste 2024 no seu “Ceniza Tour”, unha gran xira por todo o paísque conta coa axuda do certame de Girando Por Salas. Ademais, tamén fará oco para levar o seu directo a festivais como os xa anunciado SonRías Baixas e Festival do Pasatempodurante o verán, ao que se lle sumarán máis datas que irá anunciando proximamente. Con todo isto, a finais de ano Sabela presentará o seu novo EP para culminar así un ano cargado de novidades e éxitos para a carreira da de Ourol.
Poesía, música e audiovisual este sábado na presentación do poemario “non aparecen bicis” de Suso López
O produtor dos filmes “DHOGS”, “Welcome to ma maison” ou “Ulises”, o meirego Suso López, vén este sábado, día 1 de xuño, á Casa-Museo Manuel María, para presentar, ás 19 h, o seu primeiro poemario individual “non aparecen bicis”, editado en Edicións Positivas. Suso leva tempo participando en obradoiros de escrita creativa e colaborou xa en varias obras colectivas. A súa poesía virá misturada, nesta presentación, coa súa propia música, interpretará tres pezas, así como coa proxección de dúas curtas “Ulises” e “Sandwich cat”. A entrada é libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
quero ser un lago solitario cun parrulo no centro que me faga cóxegas na barriga