The Rapants acompañará a La Raíz no seu regreso aos escenarios no 2025

A banda muradá actuará no Coliseum da Coruña o 22 de marzo e no pavillón da Magdalena, en Avilés, o 26 de abril; e as entradas sairán á venda o 13 de xuño

Os rapantes retoman a súa xira La máquina del buen rollo este sábado 15 en Pontevedra, no marco do festival Surfing the Lérez 

The Rapants será unha das bandas de apertura dos concertos da nova xira de La Raíz, que regresa aos escenarios logo de seis anos de ausencia. Os muradáns acompañarán ao grupo liderado por Pablo Sánchez nos concertos que os valenciáns ofrecerán no 2025, coincidindo co 20 aniversario do nacemento da formación. Concretamente, os rapantes levarán La máquina del buen rollo aos directos que La Raíz dará o 22 marzo na Coruña (Coliseum) e o 26 de abril en Avilés (pavillón da Magdalena). As entradas sairán á venda este xoves, 13 de xuño, a partir das 10.00 am, nas plataformas Enterticket e Ataquilla.com

The Rapants suma así dúas novas citas no seu tour, que comezou esta primavera cun dobre ‘sold out’ na Sala Capitol (23 e 24 de marzo, cuxas entradas se esgotaron en cuestión de minutos) e co que visitaron o Náutico de San Vicente (O Grove), o festival Terraceo de Vigo ou mesmo La Sala do WiZink Center de Madrid, na que se coroaron como gañadores do certame Último acorde x Johnnie Walker celebrado o 26 de abril. 

20240611-The-Rapants-La-Raiz-e-novas-datas-LMDBR

SóLODOS En Danza Ourense celebra a súa novena edición

SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2024 terá lugar os días 13 e 14 de xuño, celebrando a súa novena edición en Ourense, Amiadoso e Xunqueira de Espadanedo. 

O día 13 de xuño ás 19 horas, as e os creadores encontraranse en A Casa Vella (Amiadoso – Allariz) entorno a encontro con Ana F. Melero, artista gañadora da xira Sólodos En Danza Costa Rica no Certamen Internacional de Burgos & New York 2022. Ana falará sobre a súa experiencia en Costa Rica e estrenarase o vídeo resumo do festival en Costa Rica, realizado polo videoartista Pablo Vargas. Entrada libre.

O día 14 de xuño ás 10 horas, as e os creadores presentarán as súas pezas ante o público escolar de Ourense, quenes outorgarán cos seus votos a Mención Xove Sólodos. Esta actividade que se celebrará na Praza da Escola de Artes Escénicas de Ourense, farase en colaboración coa Concellaría de Educación do Concello de Ourense.

Pola tarde ás 20.30 horas, levarase a cabo a final do Certame, no Concello de Xunqueira de Espadanedo (provincia de Ourense) ante público xeral e con entrada libre. Esta actividade realizarase en colaboración co Concello de Xunqueira de Espadanedo.


Son coreografías finalistas de SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2024:

  • Henko / Inigo Rementeria e Laura Latasa / País Vasco
  • Honest / Kiko López / Comunidad Valenciana
  • Petricor / Ariadna Llusa e Ingrid Manrinyá / Aragón
  • Mesura / Raquel Ferradás / Galicia
  • Córdoba Drone / Dani Hernández / País Vasco

Antes da Entrega de Premios, a artista convidada Ana F Melero presentará a súa premiada coreografía LATENTE.

O xurado estará composto por Victoria P. Miranda, Víctor López Carbajales, Maruxa Salas e Erick Jiménez, serán os encargados de otorgar o Premio SóLODOS EN DANZA OURENSE 2024 con xira a Costa Rica. Outros premios y programacións que se outorgarán trala representación en Xunqueira de Espadanedo serán:

  • PREMIO BAILANDO CON PIEDRAS 2024. 
  • PREMIO FESTIVAL MANHATTAN 2025. 

O Festival SóLODOS EN DANZA é un proxecto de ámbito artístico-social que xera intercambio e mobilidade entre artistas. Utiliza diferentes estratexias de colaboración, para construir unha ponte cultural entre artistas de dous continentes (América / Europa). 

A PLATAFORMA CULTURAL SóLODOS traballa para a difusión da danza e as artes do movemento.  Os seus proxectos promoven a danza como ferramenta social e desenvolvemento cultural, xerando espazos de colaboración entre estruturas culturais, creando iniciativas que permiten o intercambio de coñecemento entre institucións públicas e privadas, centros de ensinanza escénica, artistas, público e a sociedade en xeral.

Crédito Fotos: Foto Pablo Vargas en Sólodos En Danza Costa Rica / Ana F Melero en Latente.

Concerto NA CASA DELES polo cuarteto vocal SON DE CORDA, na Casa da Cultura de Vilalba


O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o sábado 15 de xuño de 2024, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o concerto NA CASA DELES’, a cargo do cuarteto vocal SON DE CORDA.

Neste acto participarán tamén Raúl Rodríguez (piano) e María Pichín (danza).

NOTA-INFORMATIVA-NA-CASA-DELES

‘Dique’, a nova produción de Nova Galega de Danza con dirección escénica de Marta Pazos, será o espectáculo inaugural da MIT 2024


A peza abrirá a 40 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia a noite do venres, 19 de xullo, no Auditorio ‘Rubén García’ do Castelo

Dique conta a épica historia das 200 mulleres que hai 150 anos escavaron o Dique da Campá de Ferrol, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX, transportando 245.000 metros cúbicos de terra e pedras en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas

Trátase dun espectáculo coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, co patrocinio de Vegalsa e a MIT, que conta cun equipo artístico e técnico composto integramente por mulleres, coa coreografía de Belén Martí Lluch e a música de Clara Aguilar

Dique’, a nova produción de Nova Galega de Danza con dirección escénica de Marta Pazos,  será o espectáculo inaugural da MIT 2024. A peza abrirá a 40 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia a noite do venres, 19 de xullo, no Auditorio ‘Rubén García’ do Castelo. Dique nace co desexo do director artístico de NGD, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida: a épica xesta das 200 mulleres que hai 150 anos escavaron o Dique da Campá de Ferrol, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX,transportando 245.000 metros cúbicos de terra e pedras en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas. Dique, que conta cun equipo artístico e técnico composto integramente por mulleres, coa coreografía de Belén Martí Lluch e a música de Clara Aguilar, é un espectáculo coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, co patrocinio de Vegalsa e a MIT.

Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. Nace do desexo de recuperar unha historia esquecida: o labor das mulleres na construción do Dique da Campá de Ferrol. Na súa execución, entre 1874 e 1879, 200 mulleres, as estibadoras, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX, Nova Galega de Danza convidou a directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro. 

Tradición e modernidade. Forza e resiliencia. Sindicalismo e empoderamento. Solidariedade e comunidade. Celebración e renacemento. Toda unha chea de emocións e sentimentos conflúen en Dique para narrar a historia daquelas estibadoras ou “cargadoras” silenciadas e crear un espazo de reflexión que, nun acto de xustiza poética, está artellado polo labor dun equipo composto integramente por mulleres nos eidos artístico e técnico.

SOBRE O EQUIPO

Directora artística, directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual, Marta Pazos é unha das creadoras máis influentes da vangarda escénica española actual. A súa obra destaca pola súa dimensión plástica e a súa emancipación estética. Nas súas montaxes, a cor aparece de maneira radical para impactar na retina do público e transformar a súa percepción. Con Dique a artista estrea a súa agardada primeira colaboración coa compañía Nova Galega de Danza, considerada como unha das formacións máis singulares e innovadoras da nosa escena.

Nova Galega de Danza fusiona en vivo danza e música de raíz galega. Bebe da tradición e da vangarda cunha vocación universal, abrindo unha liña de traballo única ao redor da danza en Galicia. Unha liña que é quen de se aproximar á tradición desde unha ollada contemporánea que lle permite transcender a vivencia tradicional do folclore e darlle un novo sentir. Nos seus xa máis de 20 anos de traxectoria, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, produciu oito espectáculos: Dique (2024), Berro (2023), Credo (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003). En Dique o elenco está composto por oito bailarinas: Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés Vieites.

A carón de Marta Pazos, artífice da dirección de escena e da dramaturxia da peza, destaca, tamén, a figura da coreógrafa Belén Martí Lluch, unha das novas voces que pisan forte na escena actual española. Coreógrafa, entre moitos outros proxectos, da celebrada serie La Mesías, Martí Lluch é unha das fundadoras de Mucha Muchacha, colectivo que investiga o folclore para cuestionalo e facelo contemporáneo e que se interroga asemade con perspectiva de xénero sobre a memoria e o corpo. 

A canda elas traballa, tamén, a compositora Clara Aguilar, considerada unha das figuras máis destacadas da escena musical contemporánea catalá. Habitual do Sónar ou do Primavera Sound, este 2024 foi candidata ao Goya pola banda sonora de Creatura e mais foi galardoada con cadanseu Premio Gaudí no 2023 e no 2024 pola mellor banda sonora.

Dique é unha coprodución de Nova Galega de Danza e Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, que conta co patrocinio da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) como espectáculo inaugural do festival no 2024. A peza ten tamén a colaboración do Concello das Pontes para a súa posta en escena na localidade. Nova Galega de Danza é unha compañía que conta con patrocinio de Vegalsa – Eroski.